Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

‘Percebes’, ‘Furada Negra’ e ‘Alboroque’ triunfan nunha nova edición da MICE

A decisión do xurado coñeceuse onte no Museo do Pobo Galego

Son filmes de Laura Gonçalves, Alexandra Ramires, Berio Molina e Sabrina Fernández

Sanmartín, no centro, estivo presente no acto no que se deu a coñecer o palmarés da XXIedición da MICE.

Sanmartín, no centro, estivo presente no acto no que se deu a coñecer o palmarés da XXIedición da MICE. / Cedida

ECG

Santiago

Percebes, Furada Negra e Alboroque protagonizan o palmarés da XXI edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE)do Museo do PoboGalego. A decisión do xurado deuse a coñecer este domingo, nun acto no que estiveron presentes o xurado das seccións oficiais, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño, ademais do cineasta Berio Molina e representantes das películas premiadas.

O premio internacional recaeu en Percebes, de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires, pola súa capacidade de «narrar desde a mirada do particular ata abrir unha reflexión máis ampla» sobre a dependencia económica do turismo e a perda de identidade como pobo, así como polo «maxistral emprego» da animación mesturada coas voces reais da veciñanza do Algarve.

Pola súa banda, o premio ao mellor filme galego foi para Furada Negra, de Berio Molina, polo tratamento do material de arquivo e, en especial, « polo traballo sonoro que constrúe, co que revisita de maneira poética o carácter histórico e simbólico do patrimonio natural».

O xurado recoñeceu ademais Alboroque, de Sabrina Fernández Casas, coa distinción á excelencia etnográfica pola súa capacidade para construír o relato e a análise etnográfica mediante «recursos fílmicos e narrativos que revelan múltiples capas da realidade», desde as consecuencias das permanencias e das ausencias provocadas pola migración no contexto rural ata o contraste entre o traballo forestal e o industrial, así como a importancia da dimensión comunitaria.

Trátase de tres pezas que destacan dentro das liñas que atravesaron as seccións competitivas desta edición e que dialogan co espírito da MICE ao explorar, desde distintas linguaxes cinematográficas, as relacións entre memoria, territorio e comunidade.

Na lista de gañadoras inclúese unha presenza destacada de cineastas mulleres. As directoras Laura Gonçalves e Alexandra Ramires, autoras de Percebes, e a realizadora Sabrina Fernández Casas, premiada por Alboroque, forman parte dun conxunto de creadoras que están a renovar as formas de aproximación ao cinema do real desde linguaxes diversas e miradas profundamente ligadas ás comunidades e aos lugares que habitan.

O palmarés desta edición foi decidido por un xurado que reuniu tres miradas complementarias sobre o cinema do real: a cineasta e montadora Iria Silvosa, vinculada á cooperativa cultural Numax; o crítico Denís Area, colaborador da revista A Cuarta Parede, e a antropóloga Bibiana Martínez Álvarez, investigadora formada na Universitat de Barcelona.

Tracking Pixel Contents