Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Axenda cultural: Que facer hoxe, 17 de marzo, en Santiago?

Unha das ilustracións de Álex Rozados que recrea a Praza de Galicia

Unha das ilustracións de Álex Rozados que recrea a Praza de Galicia / Cedida

Estrea do audiovisual interactivo ‘Antes de Maio’ no Teatro Principal

MEMORIA. O Teatro Principal acolle a presentación de Antes de maio, un pioneiro proxecto que combina ficción e documental para recrear o papel de Santiago na chamada primavera do 68, que chegou en marzo, adiantándose ao maio francés. É un proxecto de Aqueladas co formato dunha novela visual -un tipo de experiencia interactiva próxima a un videoxogo narrativo sinxelo, que combina textos, deseños artísticos e toma de decisións-, que sitúa ao público na pel dunha estudante de primeiro no curso 67-68, onde terá que escoller como implicarse nas protestas estudantís. Conta con ilustracións de Álex Rozados e Iria Iglesias, e guión de Irene Pin. Será ás 20.30h con entrada libre ata completar aforo.

Cómics na Biblioteca Ánxel Casal

Cómics na Biblioteca Ánxel Casal / Cedida

Unha exposición e un obradoiro conmemoran o Día do Cómic

BIBLIOTECAS. O Día Internacional do Cómic conmemórase hoxe con diferentes actividades. A Biblioteca da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC rende homenaxe a Jaime Ramón Asensi Cabirta, ilustrador, pintor, deseñador gráfico e autor de banda deseñada, nunha exposición que reúne unha selección das súas obras impresas máis emblemáticas, así como materiais orixinais —nalgúns casos inéditos— que permaneceron gardados na súa mesa de traballo. A inauguración será hoxe ás 12.00 horas na propia biblioteca. Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal celebra esta data cun obradoiro da man de Yago García, que comezará cun pequeno percorrido histórico para comprender a importancia do cómic no mundo da arte e da cultura. A continuación, os asistentes aprendererán as bases para crear un cómic. Será no salón de actos para 15 nenas e nenos de 8 a 11 anos. Retirada de invitacións dende 30 minutos antes.

Anja Machielse

Anja Machielse / Cedida

Diálogo sobre lonxevidade e envellecemento

COLOQUIO. A filósofa e catedrática de Humanismo e resiliencia social Anja Machielse, referente a nivel europeo, dialogará coa investigadora de Matia Instituto Sara Marsillas sobre o significado de envellecer con sentido. No Centro Obra Social Abanca ás 18.30h. Entrada de balde ata completar a capacidade da sala.

‘Mariposas negras’, na Facultade de Filoloxía

PROXECCIÓN. O ciclo CineFilo leva á pantalla do Salón de Actos da facultade de Filoloxía a película Mariposas negras (2024), filme de animación de David Baute. A actividade, ás 17.00 horas, é de balde e aberta a todos os públicos. Presentada polos profesores Jorge Sacido e Noemí Pereira, inspírase en historias reais para seguir o impacto do cambio climático na vida de tres mulleres de distintos puntos do globo na obriga de migrar polo quecemento global.

Presentación do libro ‘Santiago proxectado’

LETRAS. O salón de actos do Museo do Pobo Galego acolle ás 19h a presentación do libro Santiago proxectado, arquitecturas non construídas, unha obra de Paula Franjo Calvo, Fernando Franjo Franjo e Santiago Rodríguez Caramés, coeditada polo Consorcio de Santiago xunto a Teófilo Edicións. A obra recolle os contidos da exposición homónima celebrada na Casa do Cabido entre novembro de 2023 e febreiro de 2024, que recibiu a máis de 15.000 visitantes. A través de textos e material gráfico, o libro propón unha reflexión sobre esas arquitecturas plausibles, utópicas ou teóricas que permiten imaxinar unha Compostela distinta.

Cambio climático e mobilidade humana

XORNADA. O Centro de Estudos Avanzados, sede do Instituto de Investigación en Humanidades (Ihus), reúne desde as 10h especialistas de recoñecida traxectoria na primeira xornada ‘Cambio climático & Mobilidades humanas’ organizada no marco do proxecto de investigación Eco-RefugLit da USC. A inscrición na xornada está aberta ao público xeral ata encher o auditorio. Nela o experto en historia ambiental Marco Armiero impartirá a conferencia inicial, tras a que haberá un coloquio onde se abordarán experiencias de migracións forzadas polo clima e a degradación ambiental desde diversos ámbitos.

Tracking Pixel Contents