O Ciqus da USC lidera un traballo para mellorar a detección da covid persistente
Financiado pola Schmidt Initiative for Long Covid, o equipo desenvolverá ferramentas baseadas en proteínas que melloren a diagnose da enfermidade e avalíen a súa gravidade biolóxica

Membros do equipo do Ciqus da USC que lidera o proxecto internacional sobre a covid persistente. / Cedida
Redacción
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (Ciqus) lidera un novo proxecto internacional centrado na covid persistente, que afecta a millóns de persoas en todo o mundo -calcúlase que a padecen o 10-15% das que superaron unha infección por SARS-CoV-2- e que aínda carece de ferramentas diagnósticas obxectivas e estandarizadas.
O obxectivo principal deste estudo liderado desde a USC é validar e perfeccionar un conxunto reducido de marcadores proteicos que permitan distinguir de maneira obxectiva aos pacientes con covid persistente das persoas recuperadas, desenvolver un índice cuantitativo de gravidade biolóxica aliñado coa carga clínica da enfermidade e sentar as bases para a súa futura implementación en contornas clínicas e hospitalarias.
315.000 euros de financiación
O proxecto, financiado con 315.000 euros pola Schmidt Initiative for Long Covid (SILC), terá unha duración de 18 meses e xorde por mor do interese xerado por unha serie de traballos científicos previos desenvolvidos polo equipo que lidera Rebeca García Fandiño no Ciqus, que demostraron que a covid persistente descríbese mellor como un continuo de gravidade biolóxica en lugar de subtipos clínicos discretos. A solidez e coherencia destes achados chamou a atención da iniciativa SILC, que convidou o equipo a desenvolver unha nova fase orientada á validación de biomarcadores con aplicación clínica potencial.
Moitos dos afectados continúan presentando síntomas durante meses ou mesmo anos, como fatiga crónica, dificultades cognitivas, disnea ou intolerancia ao esforzo, cun impacto significativo na súa calidade de vida e capacidade funcional. A pesar da súa alta prevalencia, o diagnóstico da covid persistente segue baseándose en gran medida na avaliación clínica de síntomas, sen probas moleculares obxectivas que permitan confirmar a enfermidade ou avaliar a súa gravidade biolóxica de maneira fiable. Esta limitación dificulta tanto a atención aos pacientes como o desenvolvemento de tratamentos efectivos.
Traxectoria consolidada
O proxecto financiado pola Schmidt Initiative for Long Covid baséase nunha traxectoria científica consolidada do equipo do Ciqus e a USC. Nos últimos anos, o equipo investigador publicou catro artigos científicos en revistas internacionais, analizando a covid persistente desde diferentes enfoques moleculares, sempre baseados en cohortes clínicas ben caracterizadas. Dous destes estudos empregan proteómica cuantitativa aplicada a plasma e fraccións celulares, describindo alteracións persistentes asociadas á covid persistente en procesos inflamatorios, inmunolóxicos, vasculares e metabólicos. Un deles demostra ademais a detección de antíxenos virais do SARS-CoV-2 mediante proteómica dirixida. Un terceiro traballo aborda a enfermidade desde unha perspectiva de lipidómica non dirixida, identificando un remodelado lipídico extenso (incluíndo lípidos de membrana e de sinalización) compatible con alteracións metabólicas sostidas no contexto da covid persistente. Finalmente, un cuarto estudo baseado en técnicas espectroscópicas aplicadas a plasma mostra que as pegadas bioquímicas globais reproducen patróns consistentes cos observados mediante enfoques ómicos máis complexos.
En conxunto, estes traballos demostraron que a heteroxeneidade da covid persistente non se organiza en subtipos pechados, senón que se distribúe ao longo dun continuo de gravidade biolóxica, o que reflicte diferentes graos de alteración sistémica. Esta coherencia entre enfoques foi clave para espertar o interese da Schmidt Initiative for Long Covid en apoiar unha fase máis aplicada da investigación.
Validación de biomarcadores
O novo proxecto baséase en material biolóxico de LC-Optimize (Identification of Long-COVID Sub-Phenotypes to Optimise Patient Outcomes), un estudo multicéntrico internacional sobre covid persistente que reúne cohortes clínicas ben caracterizadas en diferentes países. A dispoñibilidade destas mostras, obtidas baixo protocolos harmonizados e acompañadas de información clínica detallada, permite ao equipo do Ciqus abordar a validación de biomarcadores nun contexto internacional e comparativo, reforzando a robustez e relevancia clínica dos resultados. O acceso a este material enmárcase no apoio activo da Schmidt Initiative for Long Covid, que promove a investigación colaborativa entre múltiples socios en todo o mundo, co obxectivo de traducir os achados científicos en aplicacións clínicas que beneficien aos pacientes con covid persistente.
Equipo
O proxecto está coordinado desde o Ciqus por Rebeca García Fandiño, investigadora principal do centro, xunto con Ángel Piñeiro, profesor titular do departamento de Física Aplicada da USC, que achega experiencia en biofísica e análise computacional. Rebeca García Fandiño e Ángel Piñeiro codirixen o grupo Simbios (Simulation and Molecular Biophysics of Biomolecular Systems), un grupo de investigación da USC dedicado á biofísica molecular e a modelización biomolecular, que contribúe ao proxecto con ferramentas avanzadas para a análise e integración de datos complexos. Tamén participan como investigadores implicados Uxía Lage Vidal, Paula Antelo-Riveiro, Alejandro Seco-González, todos do Ciqus, e Susana Bravo, xefa da Unidade de Proteómica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).
Os estudos previos que levaron ás publicacións científicas contaron ademais coa colaboración do persoal clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), entre eles Emilio Rodríguez Ruiz e María Jesús Domínguez, responsables da caracterización clínica da cohorte utilizada nesa fase inicial. Aínda que estes profesionais non participan no proxecto actualmente financiado, a súa contribución foi clave para o desenvolvemento da liña de investigación.
A Schmidt Initiative for Long Covid (SILC) impulsa a atención clínica dos pacientes con covid persistente a nivel global. Esta organización sen ánimo de lucro, fundada en 2023 polos filántropos Eric e Wendy Schmidt, traballa para elevar o nivel de atención e comprensión da covid persistente en todo o mundo. SILC conecta a especialistas e provedores de atención primaria para apoiar aos pacientes e compartir coñecementos de maneira virtual e en tempo real.
- Nuevo cierre en el comercio de Santiago: entra en concurso de acreedores y se despide tras más de 20 años en el Ensanche
- El 'Mercado da arte' aterriza en Área Central: más de 80 artistas, música en directo y piezas únicas este fin de semana
- Galicia abre la puerta de la vivienda pública a miles de gallegos más con prioridad para las familias jóvenes con hijos
- Las tres grandes orquestas de Galicia, juntas en un pueblo de menos de 200 vecinos cerca de Santiago
- Así es la casa de Santiago que opta a los Premios Arquitectura 2026: 'No busca ocultar ni sustituir lo existente
- Un camión queda atrapado debajo de Área Central por no respetar la altura máxima del paso subterráneo
- La previsión del ministro de Transportes sobre la apertura total de la autovía A-54 entre Santiago y Lugo: 'Próximamente
- Alcaldes y patronal de Arzúa y Melide claman por un fin de obras en la A-54 que no ven próximo