Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Apoio ao sector primario

A USC e Lucía Freitas tecen sinerxías a prol do rural e a educación alimentaria

A iniciativa inclúe a cooperación no proxecto social e cultural Amas da Terra da chef de Santiago

Antonio López e Lucía Freitas no Colexio de San Xerome en Santiago.

Antonio López e Lucía Freitas no Colexio de San Xerome en Santiago. / Cedida

Redacción

Santiago

A Universidade de Santiago e a chef, investigadora e activista social Lucía Freitas selaron este luns 16 de marzo, no Colexio de San Xerome, o marco de actuación para a colaboración en actividades e proxectos de investigación, desenvolvemento, innovación, pedagoxía, cultura e transferencia á sociedade, fundamentalmente no sector produtivo primario, no desenvolvemento do medio rural, na educación alimentaria e outros eidos que sexan de interese para as dúas partes. Cada programa de actuación en virtude deste convenio marco será obxecto dun convenio específico. Unha iniciativa que inclúe a cooperación no proxecto social e cultural Amas da Terra.

Varias modalidades de colaboración

As diversas modalidades de colaboración abranguen dende a execución de proxectos e/ou programas de investigación e desenvolvemento, a realizar entre os institutos e/ou centros da USC e de Lucía Freitas S.L.U.; pasando pola cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico; cooperación no proxecto social e cultural Amas da Terra; ou a colaboración, promoción e uso da imaxe de Lucía Freitas como madriña ou axente activo en programas e proxectos educativos e de impacto positivo da USC. O documento tamén contempla o asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coa actividade das dúas entidades; a organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación, a docencia e o desenvolvemento tecnolóxico; así como cantas outras sexan consideradas de interese mutuo.

Recoñecida cociñeira

No acto de presentación do acordo interviñeron o reitor Antonio López Díaz e a propia Lucía Freitas, chef propietaria do restaurante A Tafona, Café-Xardín Costa Vella e a barra gastronómica Lume, Estrella Michelín e tres Soles Repsol, ademais de recibir o Sol Sostenible en 2024 co que se recoñece o compromiso ambiental centrado no uso responsable do produto e a eficiencia enerxética.

Lucía Freitas é tamén presidenta de honra da WIG (Women in gastronomy, Xapón) e foi galardoada, en 2022, co Chef LˋAvenir (Chef do futuro), pola Academia Internacional de Gastronomía. Tamén recibiu o premio internacional de La Liste Game changer por A Tafona e Amas da Terra, sendo este último un proxecto pioneiro que ten como obxectivo poñerlle cara a todo o sostén sociolóxico e emocional que representan as mulleres, con nome e apelidos, que conforman a esencia vital dun territorio e dun dos seus principais instrumentos culturais como é a gastronomía. Son as caras da sabedoría e do talento culinario, agrícola, hortícola, gandeiro ou mariñeiro. O acordo selado este luns 16 subliña o rol de Lucía Freitas como axente de transferencia á sociedade

Tracking Pixel Contents