Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Reivindicación do centro cultural dende a periferia

Antón Lopo, director do 'Alguén que respira!': "Amar, observar o mundo e pensalo", a clave do festival

Comeza a novena edición do festival poético que combina oralidade, recital tan físico coma literario e reivindicación política, sen esquivar nunca a actualidade. Unha cita que dirixiu, até agora, o xornalista e poeta Antón Lopo.

Antón Lopo, xornalista, poeta e performer que dirixiu nove edicións do ‘Alguén que respira!’

Antón Lopo, xornalista, poeta e performer que dirixiu nove edicións do ‘Alguén que respira!’ / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Comeza este mércores a IX edición do festival poético 'Alguén que respira!', a última que dirixe o xornalista e poeta Antón Lopo, que «cambia de ciclo» mais se compromete a colaborar na transición á muda que considera que precisa o proxecto. O 'Alguén que respira!' xurdiu nun momento de moito rebulir: o 15-M, non lonxe do agora actual «Non á guerra», e non esquivou nunca a loita feminista, nin a dos dereitos LGTBI, nin a cuestión ecolóxica. O xenocidio de Gaza estivo presente: confrontaron no terreo poético a autores palestinos e israelís e polas butacas do Teatro Principal pasaron nestes nove anos arredor de 10.000 espectadores e máis de 400 artistas.

Lopo ve clara a necesidade de que outra xente colla agora a dirección, mantendo o foco na poesía como centro, en poñer a ollada no que habitualmente son as periferias creadoras, e asegura en conversa con EL CORREO GALLEGO que a resposta do público nesta case década avala a necesidade da poesía e a través dela «amar, observar e pensar o mundo». Dende o físico, dende o oral, sen fuxir de creacións coma o rap ou trap, «non tanto pola propia mensaxe senón pola experimentación coa rima, coa lingua», asegura, e sen desviar o obxectivo do científico, sempre presente no 'Alguén que respira!' e tan necesario no discurso de hoxe en día, de emerxencia climática e negacionismo.

O programa desta novena edición, que conta con Baltasar Patiño na escenografía ou Cecilia Carballido na produción leva no propio eslogan o espírito do festival: «Levamos nove anos facendo poesía coa respiración, ritmo coa vida, luz coas mans, escrita cos ollos, realidade coa lingua. Somos un corpo que se constrúe na voz que ama», insiste Antón Lopo, porque o «corpo» poético do 'Alguén que respira!', alén de «amar» é «unha acción que observa o mundo» e «pensa» mais non queda na «contemplación» senón que intervén.

O ano da memoria

A memoria é a temática que centra esta novena edición do festival, cando se cumpren 90 anos do golpe de Estado do xeneral Franco, e tamén está presente a memoria na vertente científica. Na xornada inaugural do 'Alguén que respira!', a primeira cita é con Carlos Spuch e Isabel Gey de Agadea coa charla Alzheimer, memoria e literatura, este mércores no ambigú do Principal ás 12 da mañá. Outra cita, vencellada coa neuroloxía e a memoria vai ter lugar o venres 20, tamén ás 12 horas, da man de Germán Sierra (Neurociencia e literatura) e tratarase a guerra civil española do 1936, con Xurxo Ayán este xoves 19 ás 19 horas.

O manifesto deste ano, no Día da Poesía (18 de marzo), vaino pronunciar a poeta Olga Novo e pouco despois desenvolverase o espazo Son nove e non van ser dez, onde Cristal Méndez Queizán pecha un ciclo coa súa performance. María Xosé Queizán pronunciou o primeiro manifesto do Día da Poesía e Xosé Luís Méndez Ferrín o segundo. Con Cristal Méndez Queizán achegáse ao Alguén que respira! esa outra forma de facer.

O espazo Son nove e non van ser dez repite o sábado, xornada de clausura, con voces coma as de Samuel Merino ou Lucía Aldao, Silvia Penas ou Isaac Xubín. Antes diso, poetas veteranos coma Antón Reixa ou Ana Romaní, que participan no Atravesei a cerca.

A escola e a música

Das nove edicións do Alguén que respira!, nos últimos catro anos celebrouse o certame ‘Novos e novas’: premios para estudantes que escriben poesía, porque «é unha vocación do festival de imbricarse dende a base, que é a educación e dende a xente máis nova aos maiores, e con todos eles crear unha comunidade, unha rede». Nesta edición contarase con Carme Fernández del Castillo, Lucía Gaite, Mencía Rodríguez Lorenzo e Mario Elías Blanco Boullosa.

E non vai faltar a música, sempre ligada á poesía, a través dun «espectáculo único», que nunca máis que no Alguén que respira! se vai repetir e que conta con figuras de primeira orde na música galega: Faia Díaz, Guadi Galego, Woyza e Nuno Pico (Grande Amore), estilos musicais diversos que o venres ás 20 horas protagonizan no Teatro Principal a sección Poesía para corpo principal, ás 20.30 horas.

Tracking Pixel Contents