Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Festa da Uña de San Lázaro

A celebración de San Lázaro por antonomasia: «Está sempre a rebentar»

A Orde da Uña coordina a festa desde hai oito anos apostando por novas propostas

O presidente da Orde da Uña, Fernando Neira, e o tesoureiro, Manuel Vilariño. | CEDIDA

O presidente da Orde da Uña, Fernando Neira, e o tesoureiro, Manuel Vilariño. | CEDIDA

San Lázaro

Respírase unha ilusión especial estes días na bisbarra compostelá. A veciñanza sabe que a Festa da Uña está á volta da esquina e que, desde este venres 20 ata o luns 23 de marzo, é obrigatorio acudir a San Lázaro. «A primeira pregunta que me fan cada ano é: “Non vai haber festa?”», sinala o presidente da Orde da Uña, Fernando Neira.

O veciño de San Lázaro foi un dos membros que, hai oito anos, volveron poñer en marcha a Orde da Uña, unha entidade cuxa orixe se remonta a 1967 co obxectivo de coordinar as actividades desta tradicional cita gastronómica na honra de San Lázaro, patrón dos enfermos, leprosos, pobres e necesitados. «Hai documentos que demostran que en 1800 neste barrio xa se facían poxas de uñas para recadar fondos que despois se destinaban á Igrexa, co ánimo de axudar a persoas con problemas de pel ou lepra», explica Neira.

É innegable que a principal protagonista desta celebración é a tradicional receita compostelá á que lle debe o seu nome. «O prato orixinal elabórase coa uña do porco, bertóns, chourizo e pataca. Aínda así, nos diferentes locais do barrio e de Santiago que participan na festa pode prepararse incluso de oito formas diferentes. Esta é unha ocasión especial para os establecementos hostaleiros, xa que teñen reservas para estas datas desde o mes de xaneiro», apunta o compostelán.

Desde a recuperación da Orde da Uña, os seus integrantes buscan darlle un maior dinamismo á celebración desde un punto de vista máis lúdico: «Por exemplo, desde hai uns anos realízase a degustación gratuíta de uñas nas Cancelas, que este ano será o venres e funciona moi ben. Ademais, para esta edición imos traer un contacontos para a cativada. Os nenos da asociación de veciños do Monte do Gozo crearon uns cabezudos e, se o tempo o permite, o noso plan é que poidan protagonizar un espectáculo conxunto».

Con todo, Neira destaca que a tradicional poxa de uñas «é o máis atractivo da festa e chama a atención de veciños de toda a cidade».

FESTA DA UÑA DE SAN LÁZARO 2026

FESTA DA UÑA DE SAN LÁZARO 2026

FESTA DA UÑA DE SAN LÁZARO 2026

Identidade local

O promotor recibe os agradecementos dos veciños con cada edición, algo que resulta moi especial para el como residente en San Lázaro que busca dinamizar o barrio e facer que os seus habitantes gocen coa festa. Asemade, pon de manifesto o compromiso da comunidade por achegar o seu gran de area durante a celebración. «Nótase que a xente de aquí desfruta moito da festa, San Lázaro sempre está a rebentar. Os veciños achéganse e daste conta de que os que viven aquí colaboran moito porque senten orgullo das súas orixes. Antes moitos pasaban por aquí e marchaban, pero agora as cousas cambiaron e considérana a súa festa», apunta o presidente. n

Tracking Pixel Contents