Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xornadas de baile galego

‘Danzade’, a tradición e o contemporáneo únense en Santa Marta

Da man de Et Suseia desenvólvese os días 20 e 21 de marzo no Centro sociocultural

O edil Xan Duro e o director de ‘Danzade’, Gustavo Couto

O edil Xan Duro e o director de ‘Danzade’, Gustavo Couto / cedida

Santiago

O proxecto ‘Danzade’ volve ao Centro sociocultural de Santa Marta os días 20 e 21 de marzo, marcado pola confluencia da tradición e a contemporaneidade no baile galego, con perspectiva de xénero e da man de Et Suseia. Haberá un obradoiro centrado na igualdade e as persoas participantes integrarán o espectáculo final Danzade, o sábado ás 19 horas.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, presentou este mércores o programa, acompañado polo seu director, Gustavo Couto. O Proxecto Danzade "concíbese como un espazo de encontro entre a danza tradicional galega e a creación contemporánea", apostando pola revisión crítica da tradición e pola participación activa da comunidade. Trátase, explicou Xan Duro, de mostrar “que se pode divulgar o patrimonio cultural galego desde o respecto á tradición, pero afastándose dos micromachismos que tamén están presentes nela e que corresponden a un contexto que temos que superar”.

Gustavo Couto tamén incidiu en que nesta edición o programa “vai reflexionar sobre a declaración da música e o baile tradicionais galegos como Ben de Interese Cultural por parte da Xunta, porque no sector cremos que hai bastantes eivas que corrixir e sermos conscientes de que tan importante como esa declaración é saber como queremos que ese BIC chegue ás futuras xeracións”.

Obradoiro aberto

O proxecto 'Danzade' chega á súa terceira edición e o día 20 de marzo celebrarase o obradoiro aberto 'O que non se ve' en igualdade, no que as persoas participantes afondarán sobre os pasos, ritmos e dinámicas do baile tradicional galego, ao tempo que reflexionan sobre o seu contexto cultural e simbólico.

O obxectivo é que o obradoiro sirva para a aprendizaxe técnica, pero tamén para activar a memoria colectiva e poñer en valor a tradición como unha materia viva e en constante transformación. O obradoiro, dirixido a maiores de 14 anos, comezará ás 19.30 horas e é precisa inscrición previa. As persoas que participen no obradoiro poderán vivir, ao día seguinte, a experiencia de intervir no espectáculo que completa o proxecto 'Danzade'.

Espectáculo

O espectáculo Danzade poderase ver no Centro Sociocultural de Santa Marta no sábado 21 de marzo, a partir das 19 horas. O obxectivo é contribuir á protección do baile e da música tradicional galega e á súa transmisión e posta en valor desde unha perspectiva actual como patrimonio vivo. Para iso, na proposta participarán agrupacións de baile e música tradicional, para as que non é habitual actuar en espazos como o da Sala Agustín Magán.

Gustavo Couto explicou que unha das agrupacións que van participar é Armadanzas de Laraño, “cunha actuación moi especial que comezará cunha regueifa como símbolo de que as mulleres sempre foron as que levaron o peso das vidas nas súas cabezas”. Ademais, a compañía Et Suseia Danza representará o seu espectáculo O que non se ve, que representa a través da danza a forza e a loita da muller na sociedade actual. Como novidade, na representación participarán as persoas participantes no obradoiro realizado o día anterior.

Tracking Pixel Contents