Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Rosón reclama actuacións urxentes en accesibilidade, seguridade viaria e mantemento en Vidán

As concelleiras non adscritas realizaron esta semana un percorrido polo barrio para trasladar ao goberno local as demandas veciñais

As concelleiras non adscritas xunto a presidenta da AAVV na rúa da Codeseira

As concelleiras non adscritas xunto a presidenta da AAVV na rúa da Codeseira / Cedida

Santiago

As concelleiras non adscritas -Mercedes Rosón, Mila Castro, Marta Álvarez e Gonzalo Muíños- realizaron esta semana un percorrido polo barrio de Vidán da man da presidenta da Asociación Veciñal Mestra Victoria Míguez, Celia Pinaque, para trasladar ao goberno local unha batería de demandas en materia de mobilidade, seguridade viaria e mantemento de infraestruturas básicas.

Así o fará Mercedes Rosón no vindeiro pleno, no que proporá unha serie de actuacións “concretas e asumibles” que, segundo recalca, “na maioría dos casos non requiren de grandes investimentos, senón vontade política e unha correcta xestión dos recursos ordinarios municipais”.

Melloras na accesibilidade

Entre as incidencias, destaca a concelleira non adscrita un grave problema de accesibilidade na parcela anexa á confluencia das rúas Rocha Nova e Serafín Zas. Rosón reclama que o Concello habilite de maneira provisional un aparcadoiro en superficie, reordenando os colectores e reducindo a inclinación do acceso ás vivendas, co obxectivo de garantir unha accesibilidade axeitada para persoas usuarias de cadeira de rodas e evitar o bloqueo de accesos e servidumes.

Ademais, en materia de accesibilidade, Rosón propón actuacións na zona da Ponte Vella de Abaixo, na contorna do lavadoiro tradicional, onde considera necesaria a instalación dunha marquesiña na parada de autobús, así como a mellora do camiño de acceso mediante iluminación e a colocación dunha varanda. Insiste en que este sendeiro, cunha pendente moi pronunciada, “é o nexo natural entre Ponte Vella de Abaixo, Ponte Vella de Arriba e a Rocha Nova” coa parada de autobús que, ademais, “coas novas liñas verá reforzado o seu tráfico”.

Mantemento urbano

Rosón sinala a "urxencia" ademais de actuar na rúa dos Caraveis, afectada por un corremento de terras en 2024. Tamén advirte do "deterioro xeneralizado" de outras vías do barrio, e reclama actuacións de asfaltado ou rebacheo na rúa da Ponte Vella de Arriba, rúa da Rocha Nova, rúa de Vidán, rúa Campo da Fonte e na Praza de Vidán.

As non adscritas alertan tamén do "deterioro progresivo" da rúa da Codeseira e consideran necesario completar a conexión peonil entre esta vía e a rúa Concha Castroviejo. Finalmente, chaman a atención sobre "deficiencias" na iluminación.

Rosón insta ao Goberno municipal a atender estas demandas veciñais e a planificar as actuacións necesarias para “mellorar a calidade de vida no barrio de Vidán”, garantindo condicións adecuadas de accesibilidade, seguridade e mantemento urbano.

Tracking Pixel Contents