Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un rural con servizos en precario

Borja Verea denuncia a xestión municipal despois de que Busto queira abandonar o concello: “Un goberno que se desautoriza en doce horas”

O líder do PP di que a alcaldesa non visitou a parroquia no que vai de lexislatura e promete cando sexa alcalde unha pasarela de unión con Trazo

Borja Verea, voceiro do PP, en rolda de prensa no Pazo de Raxoi

Borja Verea, voceiro do PP, en rolda de prensa no Pazo de Raxoi / cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago de Compostela

O voceiro do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, compareceu este luns en rolda de prensa para denunciar a improvisación da xestión municipal do goberno local en relación ás demandas da parroquia de Busto sobre as liñas de transporte público á vez que reforzou o compromiso da súa formación co rural compostelán.

Verea destacou as visitas realizadas polo seu grupo ao lugar fronte ás “cero” visitas da alcaldesa, Goretti Sanmartín, que na mesma mañá insistía en que “xa transmitimos q vai haber bus, cando se adxudique o contrato esa será a primeira cuestión”.

Verea tildou a xestión municipal coma “de chiste” e asegurou que “está totalmente liquidado e boicotéase cada semana”. E falaba en referencia a que o BNG “na oposición pedía un bus para Busto” pero no goberno, ante a primeira reivindicación da veciñanza explicaron que era imposible, polas estreitez da estrada fronte ás dimensións dos autocares para “12 horas despois” desdicirse e prometer que haberá conexión de transporte público coa parroquia.

Unha parroquia que anunciou a súa intención de segregarse da capital de Galicia e pasar a depender do Concello de Trazo. “Os veciños queren facer un referendum para irse a Trazo”, o que para o líder do PP local ten unha importacia “histórica e sentimental” ao tratarse de “santiagueses que queren deixar de ser santiagueses”.

Verea criticou a pouca presenza da alcaldesa no rural asegurando que Sanmartín está “por todos os barrios e parroquias desta cidade desaparecida, escondida, encerrada cos seus asesores e aplaudidores”.

Fronte a isto, destacou o seu traballo sobre o terreo: “Na miña última visita estiven máis de tres horas percorrendo toda a parroquia. Bache a bache, pista a pista. E prometín aos veciños de Busto que, cando sexa alcalde, terán as pistas e estradas en condicións, sen rebacheos e sen parches”.

Verea defendeu un rural digno para Santiago: “Que non teñan que mirar a Trazo con envexa. Que poidan sentir tamén orgullo de ser do rural santiagués. Pero o mesmo pasa en Marrozos que se comparan con Boqueixón, en Barciela e en Cesar que se comparan con O Pino e con Oroso”.

Para finalizar, anunciou un compromiso concreto adquirido cos veciños: “Quero rematar cun compromiso. Un compromiso que adquirín tamén cos veciños persoalmente na última visita. Cando sexa alcalde conectaremos Busto con Trazo, na zona da Barca Vella”. “Faremos unha praia fluvial e unha pasarela que unirá Busto con Trazo e a igrexa de San Mateo”.

Tracking Pixel Contents