Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Segregación

Busto pospón a votación para deixar de ser unha parroquia compostelá

Nunha asemblea extraordinaria tomouse a decisión de dar "un voto de confianza" ao anuncio da alcaldesa de que o transporte urbano chegará ao lugar unha vez que se licite o servizo

Asemblea extraordinaria na parroquia de Busto

Asemblea extraordinaria na parroquia de Busto / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

José Montaos, da asociación de veciños de Busto, comenta en conversa con EL CORREO GALLEGO que lle dan «un voto de confianza» ao goberno local, logo de que a alcaldesa anunciase que o transporte urbano chegará á parroquia unha vez que estea licitado o contrato. «Co tema da anexión a Trazo, chegou un punto a semana pasada onde tivo que saír Goretti (Sanmartín) a zanxar a situación».

Montaos explica que a rexedora «chamou e comprometeuse a que o bus chegaría a Busto, e así llo fixen chegar aos veciños na asemblea extraordinaria». Unha xuntanza na que non só se falou de transporte urbano  (polo que se pedían as dimisións do concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e do xerente de Tussa, José Ramón Mosquera), tamén deficiencias estruturais da parroquia «coma o alcantarillado, hai lugares da parroquia que non teñen auga, non hai punto limpo e ningún tipo de sinalización para chegar».

Sobre a promesa de Verea e a pasarela da Barca Vella, Montaos sinala que «como asociación o que estamos reivindicando neste caso é unha ponte que vén recollida no plan Xeral do 2008, que uniría a aldea de Vilariño (Santiago), en liña recta coa de Breixo (Trazo)». Mais ve con bos ollos unha pasarela dende A Barca Vella.

Con todo, a cuestión de anexionarse a Trazo, un concello máis pequeno e de carácter máis rural tamén, a asociación non o desbota, e á conexión da parroquia coa cidade mediante o transporte público dáselle un prazo de seis meses, como máximo.

Sen visitas do goberno local

Dende a asociación de veciños recoñecen que se ven membros do Partido Popular se achegaron á parroquia en varias ocasións, non así o equipo de goberno. "O PP, non sei se pola labor de oposición que fai", aclara Montaos, "veu varias veces á nosa parroquia, por parte da alcaldesa, a visita foi en xuño de 2023, porque a convidamos á festa, pero dende entón nunca veu por aquí", ao igual que a concelleira de Rural, Pilar Lueiro, que se achegou nunha única ocasión.

José Montaos fala tamén do Partido Socialista, agora dividido entre PSOE e concelleiras non adscritas, que en ningún momento se achegaron á parroquia nin se puxeron en contacto. Unha ausencia, a do goberno local e da oposición progresista, que dende a asociación de veciños recoñecen que causa desafección, ao estaren só presentes durante a campaña electoral.

En Busto a queixa é que o que importa é cidade, e os concelleiros viven na cidade e non rural, "todos os que viven fóra da cidade, xa sexa no sur ou, especialmente no norte, existen os meses antes das eleccións, pero despois non existen. Ese é un problema estrutural, non é un problema do BNG, do PP ou do PSOE, é un problema de todos eles en conxunto".

As razóns para ser de Trazo

Montaos recoñece que dende a parroquia de Busto se está a dar un paso "nunca antes ninguén deu" porque hai enfado entre a veciñanza por non recibiren os mesmos servizos no rural que na cidade cando "a xente paga os mesmos impostos e quere ter unha vida coma a dos outros".

Pero alén deste descontento a idea de segregarse de Compostela e anexionarse ao Concello de Trazo tamén deriva dunha vida común nas parroquias a un lado e outro do río Tambre. "Hai moitos anos estabamos unidos, había dende A Barca Vella un barqueiro que movía a xente dun lado a outro, había unha vida común, a xente ía ás mesmas festas".

José Montaos explica que dende un punto de vista histórico "sempre houbo unha simpatía, unha conexión, eramos irmáns, digámolo así", e explica, como detalle anecdótico aínda que significativo que a xente de Busto casaba en Trazo e a xente de Trazo en Busto.

Dende a asociación, e ante o abandono que vive a parroquia por parte do Concello de Santiago dende hai décadas adoptouse a "medida de presión" de poñer sobre a mesa a anexión a Trazo, que ademais "é un concello rural, que pode simpatizar, entender e coidar máis Busto" pero tamén son conscientes de que "os recursos económicos dun municipio máis pequeno son máis limitados que os de Santiago".

Tracking Pixel Contents