Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Familias do Monte dos Postes reclaman de novo máis profesorado especialista para "garantir a inclusión"

A ANPA alerta de que o centro conta con menos especialistas ca o pasado curso pese ao incremento de alumnado con necesidades especiais

Concentración de pais e nais do CEIP Monte dos Postes, este luns 23 de marzo.

Concentración de pais e nais do CEIP Monte dos Postes, este luns 23 de marzo. / Cedida

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

As familias do CEIP Monte dos Postes de Santiago concentráronse na mañá deste luns 23 de marzo para reclamar máis profesorado especializado que permita garantir unha inclusión educativa “real e efectiva”. Trátase dunha demanda que manteñen desde o inicio do curso e que mesmo as levou a pecharse no centro o pasado mes de xaneiro.

Tanto o colexio como a ANPA denuncian que o centro conta actualmente cun especialista e medio de Pedagoxía Terapéutica e un de Audición e Linguaxe, o que supón unha redución respecto ao curso anterior, a pesar de que aumentou o número de alumnado con necesidades educativas especiais.

Desde a ANPA critican que as súas reclamacións ante a Consellería de Educación non obtiveron resposta e sinalan que as ratios aplicadas se basean nunha normativa que non ten en conta a diversidade real do alumnado nin as súas necesidades específicas.

No inicio do curso eran 57 alumnos/as, dos cales 22 tiñan unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%. Entre o alumnado con necesidades educativas especiais hai nenos e nenas con trastorno do espectro autista (TEA), discapacidade intelectual, motora ou trastornos graves de conduta e do desenvolvemento. Cada caso require apoios diferenciados, como intervención na comunicación, adaptacións curriculares, reforzo da autonomía, acompañamento nas rutinas ou unha atención máis individualizada.

As familias advirten de que as horas de atención dispoñibles son "insuficientes" para cubrir estas necesidades, o que se traduce en "alumnado sen o apoio preciso, profesorado sobrecargado e unha diminución da calidade educativa global".

A pesar diso, aseguran que seguirán mobilizándose para que o vindeiro curso o centro conte cos recursos humanos necesarios que garantan "unha educación inclusiva e de calidade".

Tracking Pixel Contents