Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Factoría Moza

2028: o horizonte de Raxoi para “saldar a débeda histórica” coa mocidade de Santiago

O Concello pon en marcha a licitación da redacción do proxecto da Factoría Moza cun orzamento de 315.000 euros

O equipamento aproveitará a estrutura abandonada de Salgueiriños para convertela nun espazo multifuncional

A tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, acompañada polo técnico municipal de Xuventude, Manuel Fernández, este martes en Raxoi

A tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, acompañada polo técnico municipal de Xuventude, Manuel Fernández, este martes en Raxoi / Cedida

Manu López

Manu López

Santiago de Compostela

A tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, compareceu este martes para dar os detalles dos trámites iniciais para a construción da Factoría Moza, un novo equimamento que aproveitará a estrutura abandonada de Salgueiriños pensada inicialmente para parque de bombeiros. Rozas deu conta da apertura do procedemento para adxudicar a redacción do proxecto e indicou que as previsións apuntan a desenvolver as obras entre 2027 e 2028, de maneira que nese prazo se poida “saldar unha débeda histórica” coa xuventude da cidade.

Nesta fase inicial, o Concello licita a redacción do proxecto básico e de execución e a dirección de obra, cun orzamento base de licitación de 315.793,99 euros, IVE incluído. Segundo explicou Rozas, distribuirase en tres anualidades e a vixencia do contrato estenderase desde a súa sinatura ata a liquidación das obras.

Prazos previstos

O prazo para a redacción do proxecto será de seis meses, tres meses para a entrega do proxecto básico e outros tres meses para a entrega do proxecto de execución. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas nun prazo de 35 días naturais a contar desde o envío do anuncio ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE).

A titular de Xuventude aclarou que a maior parte desta cantidade está previsto que se execute ao longo deste ano, correspondente á redacción dos proxectos. A dirección de obra está contemplada entre 2027 e 2028, coa previsión de que será cando se desenvolva a actuación. A concelleira tamén quixo ser prudente e matizou que “a previsión que ten o orzamento deste contrato é que remataría no 2028, pero sempre hai imprevistos, sempre hai retrasos, e que nos pasa incluso nas nosas propias casas cando contratamos unha obra”.

O edificio permitirá “achegarlles novas posibilidades para o ocio aos mozos e mozas, que moitas veces non atopan alternativas para socializar que non estean vinculadas aos centros comerciais e ao consumo”

O proxecto, orzamentado nun total de 4,5 millóns de euros, conta con financiamento europeo procedente dos fondos EDIL, que marcan como prazo de execución límite o 31 de decembro de 2029. Rozas indicou que tamén se establecen obxectivos intermedios, tendo que “chegar polo menos o 20% en marzo do 2027”.

Aspirante a converterse en referencia internacional

Os proxectos que se presenten terán que partir do anteproxecto inicial, un edificio cunha superficie construída de case 4.500 metros cadrados, distribuídos en tres plantas. A Factoría contaría con catro grandes zonas diferenciadas por temáticas: unha área pensada para a música, con ata sete salas de ensaio e gravación e unha ampla sala de concertos; outra para a formación, asesoramento e estudo, con aulas, biblioteca e despachos; unha terceira zona destinada á actividade física e espazo maker; e unha área de traballo tipo coworking. Ademais, o anteproxecto prevía unha área de lecer e interacción social a modo de praza cuberta, con instalacións acaídas para a práctica de deportes urbanos.

Recreación dixital de como quedaría a estrutura de Salgueiriños ao converterse na Factoría Moza

Recreación dixital de como quedaría a estrutura de Salgueiriños ao converterse na Factoría Moza / Cedida

Rozas insistiu en que a Factoría será “un centro de referencia nas políticas públicas para a mocidade, mesmo a nivel internacional, e permitirá desenvolver iniciativas transformadoras vinculadas á educación, as industrias culturais ou a formación”. Tamén salientou que o edificio permitirá “achegarlles novas posibilidades para o ocio aos mozos e mozas, que moitas veces non atopan alternativas para socializar que non estean vinculadas aos centros comerciais e ao consumo”. Iso, subliñou, “debe ser corrixido nunha cidade como Santiago na que están empadronados 9.000 mozos e mozas de entre 15 e 35 anos, e na que temos unha universidade con 23.000 estudantes matriculados”.

Non substitúe a Casa da Xuventude

A tenenta de alcaldesa explicou ademais que este equipamento non substitúe a Casa da Xuventude, o edificio situado na Praza do Matadoiro, que se atopa en desuso e leva sendo obxecto de debate político na cidade nos últimos anos. Rozas reafirmouse na postura que vén defendendo Compostela Aberta, que pasa por “facer unha rehabilitación nese edificio e poñelo a disposición do uso veciñal, máis tendo en conta a ubicación que ten”.

Ademais, a concelleira puxo en valor que esta actuación “permitiranos darlle por fin un uso á estrutura de Salgueiriños inicialmente destinada a parque comarcal de bombeiros, unha vez que este Goberno decidiu que ese equipamento se construirá noutro punto da cidade máis accesible, e despois de termos comprobado que a estrutura estaba en condicións de poder ser reutilizada”.

Tracking Pixel Contents