Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PLENO MUNICIPAL DE HOXE

O PSdeG absterase nos orzamentos de 2026 ante un proxecto con menos investimento, pouco realista e con falta de ambición

O voceiro socialista critica a forte redución do investimento, que se sitúa na metade do previsto en 2025, e unha previsión de ingresos “pouco realista”.

Marta Abal e Gumersindo Guinarte nunha imaxe de arquivo

Marta Abal e Gumersindo Guinarte nunha imaxe de arquivo / Cedida

El Correo Gallego

Santiago de Compostela

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, anunciou que o grupo municipal socialista optará pola abstención no Pleno municipal de hoxe, no que se debaten os orzamentos de 2026, ao considerar que o proxecto presentado polo Goberno de Sanmartín non responde ás necesidades da cidade nin ás prioridades defendidas polos socialistas.

Guinarte explicou que o grupo socialista non pode votar a favor ao non compartir aspectos clave do documento, como “a previsión de ingresos, que nos parece pouco realista”, e puxo como exemplo a estimación de ingresos por multas, que cualificou de “non razoable”.

O voceiro socialista criticou tamén a previsión de gasto e advertiu de que, malia tratarse do orzamento “máis alto da historia do Concello de Santiago”, contempla unha partida de investimentos “moi reducida”, xa que “é a metade da prevista no orzamento de 2025”.

Un Pleno municipal de Santiago celebrado en el Consello da Cultura Galega

Un Pleno municipal de Santiago celebrado en el Consello da Cultura Galega / Jesús Prieto

Neste sentido, subliñou que “Santiago necesita moitos investimentos” e advertiu de que o Concello “non pode facer esa redución tan significativa” nun ámbito clave para o desenvolvemento da cidade.

Guinarte cualificou ademais o proxecto de “pouco ambicioso” no relativo aos fondos europeos e sinalou que o Goberno municipal “non parece estar na liña de facer unha xestión áxil e eficaz” destes recursos. Así, advertiu de que a previsión de execución para 2026 “é moi escasa” e pode comprometer oportunidades de financiamento.

Con todo, o voceiro socialista explicou que o grupo tampouco votará en contra tras un proceso de negociación no que o Goberno municipal incorporou “unha parte, moi parcial, das nosas propostas”, tanto en actuacións concretas como en compromisos políticos. Esta aceptación parcial, indicou, é a que leva aos socialistas a adoptar “esta posición intermedia de abstención”.

En todo caso, Guinarte advertiu de que o Grupo Municipal Socialista manterá unha actitude “vixiante” para que o Goberno municipal atenda cuestións prioritarias para a cidade.

Neste sentido, lembrou que Santiago “segue tendo un problema moi grave de vivenda” e reclamou medidas como a mobilización da vivenda baleira para facilitar o acceso ao alugueiro. Ademais, insistiu na necesidade de mellorar os servizos públicos municipais, “sobre todo a limpeza”, así como o transporte e a mobilidade.

“O Grupo Municipal Socialista estará vixiante, con diálogo como sempre, pero esixindo que o Goberno municipal mellore cuestións fundamentais para os veciños e veciñas de Santiago”, concluíu.

Tracking Pixel Contents