Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Contencioso-administrativo

Raigame levará aos tribunais o plan do Concello de Santiago para Peleteiro

Os veciños denuncian que o proxecto non se consensuou con eles e reclaman máis equipamentos sociais

Parcela do antigo colexio Peleteiro, no Ensanche de Santiago.

Parcela do antigo colexio Peleteiro, no Ensanche de Santiago. / Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago

Raigame, a asociación de veciños do Ensanche compostelán, levará aos tribunais o proxecto urbanístico previsto no solar do antigo colexio Peleteiro. O colectivo anunciou a presentación inminente dun contencioso-administrativo contra a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que previsiblemente será aprobada no pleno ordinario deste xoves. Os residentes consideran que o plan «nunca foi consensuado» con eles, malia que, segundo lembran, existía o compromiso político de non aprobar unha intervención desta envergadura sen acordo previo.

Segundo expoñen, o procedemento seguido polo goberno municipal estivo marcado pola falta de transparencia e pola ausencia de participación pública efectiva. Critican que se optase por unha tramitación simplificada para un expediente de gran impacto urbanístico e social, e sosteñen que o Executivo local mantén «a mesma lóxica especulativa» que xa presidía a proposta da antiga propietaria do solar. Ao seu xuízo, o proxecto insiste en volumes construtivos «aberrantes» para o Ensanche e nun modelo alleo ao que precisa un barrio densamente poboado, envellecido e con escasas dotacións comunitarias.

Aparcamento e equipamentos sociais

A plataforma veciñal lamenta que esta poida ser «a última oportunidade para dotar o Ensanche dos servizos sociocomunitarios que tanto tempo levamos demandando e que durante tanto tempo se nos negaron». A oferta actual, din, redúcese a apenas 900 metros cadrados para atender unha poboación de arredor de 30.000 residentes, unha superficie que consideran insuficiente. Ademais, cuestionan a aposta por baixos comerciais nunha zona con numerosos locais baleiros e rexeitan que o futuro inmoble incorpore un aparcadoiro soterrado con capacidade para 400 vehículos máis, tendo en conta que a aposta urbanística nas rúas adxacentes pasa pola redución do tráfico rodado.

Entre as súas principais reivindicacións, os veciños reclaman máis dotacións públicas para o barrio: un centro de día dimensionado para a demanda real, unha gardería pública, zonas verdes que funcionen como refuxios climáticos, espazos de conciliación familiar e instalacións multiúsos para actividades culturais, veciñais e comerciais.

Proceso dialogado

O proxecto que será sometido ao pleno deste xoves contempla a construción dunhas 160 vivendas, das que como pouco o 45 % serán protexidas. O plan vén de obter o visto bo da dirección xeral de Urbanismo da Xunta e a alcaldesa Goretti Sanmartín sempre defendeu que o proceso se desenvolveu de maneira dialogada.

Tracking Pixel Contents