Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Sanmartín, Crujeiras e Paredes, mulleres que rompen barreiras

A alcaldesa de Santiago, a reitora electa da USC, e a directora do IESRosalía de Castro, participaron na mesa-debate organizada polo grupo de Igualdade do instituto

Falaron sobre a súa orixe, a súa traxectoria e como reivindicar o feminismo

Sanmartín, Paredes e Crujeiras, no centro, participaron nunha mesa-debate no IESRosalía de Castro.

Sanmartín, Paredes e Crujeiras, no centro, participaron nunha mesa-debate no IESRosalía de Castro. / Jesús Prieto

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

O IES Plurilingüe Rosalía de Castro acolleu este mércores unha mesa-debate titulada Mulleres rompendo o teito de cristal, dentro das actividades organizadas polo centro co gallo do 8M, Día Internacional das Mulleres. No encontro participaron Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; Gemma Paredes, directora do instituto; e Rosa Crujeiras, nunha das súas primeiras aparicións como reitora electa da USC.

As tres ocupan postos que antes foran exercidos por homes. Sanmartín chegou en 2023 á alcaldía sendo a primeira muller; Crujeiras converteuse o pasado 11 de marzo na primeira reitora da USC nos máis de 500 anos de historia da institución; e Paredes é a primeira directora do instituto desde a súa fundación en 1939 por Pura Lorenzana.

A iniciativa da mesa-debate partiu do grupo de alumnado de Igualdade do centro, sendo Adara Soto e Carolina Calviño as encargadas de moderar o encontro mediante varias preguntas.

As tres foron as primeiras universitarias das súas familias, e cando lles preguntaron se, con dez ou doce anos, imaxinaban que chegarían tan lonxe, as tres reflexaron a súa paixón pola docencia.

Sanmartín lembrou que con esa idade «pensábase noutras cousas». Viña dunha familia con negocio familiar e axudaba nese traballo. Gustáballe moito ler, e xa sabía que «algo relacionado coas letras era a súa paixón». Ao mesmo tempo, sinalou que tanto lle valería ser profesora como montar unha libraría.

Paredes, que tivo pais emigrantes en Alemaña, comentou que sentiu pouca presión polos estudos. «Tiña claro que quería vir a España e ser profesora de Secundaria e Bacharelato», indicou. Actualmente, este é o seu vixésimo quinto ano no instituto, e xa estivo varios anos en equipos directivos.

Pola súa banda, Crujeiras recordou que, cando era nena, vivía en Artes e non sabía o que era a Universidade. «Gustáballe ler, estudar e aprender; era unha nena moi curiosa», dixo. Inicialmente quería ser mestra de nenos pequenos, pero á medida que foi medrando, decidiu que quería traballar con rapaces maiores.

A mesa-debate foi organizada polo grupo de Igualdade do instituto Rosalía de Castro.

A mesa-debate foi organizada polo grupo de Igualdade do instituto Rosalía de Castro. / Jesús Prieto

Sobre se xa tiñan claro no que se ían formar dende pequenas, Crujeiras explicou que sempre quixo aprender e ensinar, e «as matemáticas gustábanme porque me daban moita tranquilidade» polo que cumpriu o que quería ser de nena.

Paredes recalcou que tiña claro que quería ser profesora, aínda que de alemán non o tiña tan definido. Aínda así, mostrouse «contenta» coa súa decisión.

Sanmartín comentou que, á súa idade, puidera ter acabado en matemáticas, pero que «a paixón polos libros e o desexo de entender o mundo levárona a decidir polas letras». Como as súas compañeiras, tiña claro que quería ensinar.

Otra das cuestións facía referencia a se atoparan pedras no camiño por ser mulleres nas universidades e se sufriron o teito de cristal, onde se viron as diferencias entre ser de letras ou de ciencias.

«Se algunha muller di que non sufriu obstáculos, oculta algo», aclarou Sanmartín, quen explicou que en cargos de relevancia política con horarios longos e prolongados «só hai mulleres sen cargas familiares». Ao mesmo tempo, destacou que para ela a Universidade foi unha escola de feminismo, «con moitas mulleres que abriron camiño ás que viñan detrás».

A directora do instituto comentou que estudando Filoloxía, «vivían nunha burbulla con moitas profesoras e alumnas», mentres que en enxeñarías a situación era diferente. Unha idea que levou a Crujeiras a destacar que se ben en matemáticas, a porcentaxe de estudantado feminino leva anos arredor do cincuenta-cincuenta, como estudante viviu experiencias qu «hoxe se considerarían motivo de queixa». Subliñou que chegar aos postos de responsabilidade custa, lembrando que durante a campaña para o Reitorado se lle preguntou insistentemente polo coidado dos seus fillos.

Cando se abordou como reivindicar o feminismo e aplicar medidas efectivas, as tres coincidiron na importancia de combinar sensibilización, planificación e exemplos de referencia.

Crujeiras recordou que, como reitora, traballará nun novo Plan de Igualdade, recordando que as catro aspirantes ao Reitorado da USC«sufrimos comentarios que en moitos casos tiveron que se denunciar». Destacou a importancia da sensibilización e tamén apostou por traballar en medidas de conciliación efectivas.

Paredes coincidiu en que é fundamental traballar na conciliación e demostrar que «é posible compatibilizar a vida profesional e persoal» e subliñou que as mulleres están preparadas para «exercer calquera tipo de traballo».

Sanmartín engadiu que tamén hai que nomear referentes, xa que elas mesmas son un exemplo para as que veñen detrás. Co fin de que as mulleres accedan e se manteñan en postos de responsabilidade, «o que podemos facer é apoialas».

Tracking Pixel Contents