43 investigadores da USC desenvolveron en 2025 teses en empresas galegas co programa de Doutoramentos Industriais
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou este venres Vimbio Corp, onde un doutorando investiga para mellorar a tecnoloxía LED

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou este venres as instalación de VimbioCorp. / Xunta
L.R.
Un total de 43 investigadores da Universidade de Santiago realizaron a súa tese de doutoramento en empresas a través do programa de Doutoramentos Industriais 2025 da Xunta de Galicia. Unha destas empresas é VimbioCorp, situada no Polígono de Costa Vella, que este venres acolleu a visita da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.
Vimbio Corp, empresa galega de base tecnolóxica, está centrada no deseño, desenvolvemento e fabricación de solucións innovadoras en ámbitos como a iluminación LED, a tecnoloxía electrónica, os produtos sanitarios e a comunicación. En concreto, a compañía contratou ao doutorando Pablo Rodeiro Otero para desenvolver a súa tese centrada no desenvolvemento de solucións lumínicas con tecnoloxía LED para o control da colonización por plantas en estruturas e monumentos urbanos, en colaboración coa USC.
A investigación permitirá analizar o efecto de diferentes parámetros da iluminación, como a temperatura de cor, a intensidade ou o tempo de exposición, co fin de limitar o crecemento de especies vexetais que provocan deterioro no patrimonio. O proxecto aposta así por unha solución sostible, eficiente e non invasiva, que contribúa á conservación preventiva dos bens patrimoniais, ao tempo que integra criterios ambientais, de eficiencia enerxética e de mellora da calidade de vida da cidadanía.
Durante a visita, a directora puido coñecer ademais outros proxectos de innovación que a compañía desenvolve no ámbito da tecnoloxía e da iluminación intelixente. Vimbio Corp conta cunha traxectoria consolidada na participación en proxectos de investigación aplicada e desenvolvemento experimental, destacando o seu traballo en solucións de iluminación intelixente, eficiencia enerxética e tecnoloxías adaptadas a distintos perfís de usuario.
Así mesmo, a empresa participa en iniciativas de colaboración con axentes do sistema de coñecemento, contribuíndo á transferencia de resultados de investigación cara a aplicacións prácticas en contornos reais.
Un total de 76 doutoramentos industriais cun investimento superior aos 10 millóns
Precisamente este venres pecha o prazo de solicitude da convocatoria 2026 do programa de Doutoramentos Industriais. Esta orde de axudas permite a contratación de persoas doutorandas para desenvolver a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos galegos, promovendo a transferencia de coñecemento entre universidades e tecido produtivo e favorecendo a incorporación de persoal investigador altamente cualificado nas organizacións.
Desde a súa posta en marcha, o programa leva apoiados 76 doutoramentos industriais cun investimento público acumulado superior aos 10 millóns de euros, contribuíndo á captación de talento investigador e ao fortalecemento do ecosistema galego de innovación.
- Renfe suspende nueve trenes en Santiago este lunes por falta de maquinistas
- La Xunta anuncia una nueva oferta de empleo público con más de 800 plazas de libre acceso
- El retraso del cuartel de As Cancelas se agrava cuatro meses después del primer incumplimiento
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Un centenar de personas recorren la ruta que seguirán los tráileres para evitar el transporte y procesado de inertes en Teo
- Luz verde al nuevo barrio de Mallou: la Xunta impulsa el suelo para 3.600 viviendas en el norte de Santiago
- Los vuelos 'vip' que traen material oncológico de Barcelona a Santiago y vuelven con pasajeros por 200 euros
- Las entradas de O Son do Camiño no vuelan tan rápido como hace un año