Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Valoración do debate plenario

Goretti Sanmartín declárase “culpable” de sacar adiante os orzamentos de 2026

A alcaldesa de Santiago compareceu en rolda de prensa para valorar o resultado dos plenos extraordinario e ordinario celebrados esta semana

Imaxe do debate plenario celebrado este xoves no Pazo de Raxoi

Imaxe do debate plenario celebrado este xoves no Pazo de Raxoi / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

“Quero iniciar esta rolda de prensa declarando que son culpable”, comezaba así a súa comparecencia en Raxoi a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para facer unha valoración dos plenos extraordinario e ordinario celebrados os días 25 e 26 de marzo. “Son culpable de contar coa confianza da maioría do pleno para que Santiago teña un novo orzamento”.

A rexedora dáballe así a volta ás palabras do líder da oposición, Borja Verea (PP), que na sesión plenaria lle achacaba ter un goberno co que Santiago non avanzaba. Superada a cuestión de confianza e co apoio das concelleiras non adscritas aos orzamentos de 2026, Sanmartín asegura que Compostela “vai continuar avanzando nos servizos, nos coidados, na mellora do espazo público, nos investimentos no rural e na sostibilidade”.

Sanmartín sacou peito co desbloqueo para edificar na parcela de Peleteiro: “Son culpable de encabezar o goberno que logrou combinar os obxectivos marcados” para esta zona do Ensanche que contará cun 45% de vivenda en réxime de protección e “coa garantía de que non se instale alí unha gran superficie comercial”.

A alcaldesa de Santiago declarouse tamén “culpable de lograr que se habilitase o imposto de estadías turísticas” que agora impulsa un foro participativo “coa máxima amplitude para chegar a todos os sectores” implicados no turismo da cidade.

Sanmartín puxo tamén en valor o avance no Centro Integral de Atención a Persoas Sen Fogar (Cipis) de Belvís, cuxa ordenanza reguladora saiu adiante no pleno ordinario deste xoves. “Recuperamos o proxecto dun verdadeiro centro, despois de que o PSOE mudase o plan inicial”, dixo en referencia ao edificio de oficinas que quería impulsar o goberno de Xosé Sánchez Bugallo nas instalacións do parque.

Xestión integral da auga

A rexedora Goretti Sanmartín defendeu na súa comparecencia de prensa que o seu goberno “non se deixa enredar por quen só quere bloquear”, en referencia ao Partido Popular e ao seu posicionamento sobre a xestión integral do ciclo da auga (votou a favor da concesión na comisión especial e abstívose no debate plenario).

“Habería que saber para que ou por que só licitarían unha concesión se a impulsase un goberno seu”, recalcou Sanmartín sobre as palabras do voceiro popular, Borja Verea, durante o pleno de febreiro, cando logo de abstérense no refrendo da concesión asegurou que a licitaría en canto fose alcalde.

“Cal sería a diferenza? Faría uns pregos a medida?”, insistiu Sanmartín que repetiu que o único obxectivo da oposición do Partido Popular é “bloquear” a acción do goberno local opoñéndose a calquera iniciativa. Para a rexedora, a actitude do grupo maioritario da oposición “demostra que o único que o move é o poder polo poder”.

Sanmartín reafirmou o posicionamento do goberno, que "segue a traballar" encargando estudos económicos sobre a mellor opción para xestionar o ciclo da auga mais tamén insistiu en que a cuestión só volverá ao debate plenario se "é necesario" nalgunha materia puntual que requira a aprobación da Corporación local.

Sentenza favorable ao Concello de Santiago

A alcaldesa Goretti Sanmartín deu conta da resolución dunha sentenza “favorable ao Concello de Santiago” sobre un recurso interposto pola empresa de transporte Tralusa. “Consideraba que non tiña que ter unha penalización por non acadar o número de persoas usuarias como se comprometera, argumentando que a causa fora a pandemia”.

Sanmartín indicou que se trataba de acadar o sete millóns de persoas viaxeiras, en 2022, mais Tralusa só acadou “pouco máis de seis millóns”, a xustiza deulle a razón a Raxoi, que ao non conseguir a empresa o obxectivo aplicou unha penalización de 764.000 euros.

Outra cuestión na que a xustiza lle deu a razón ao Concello de Santiago referíase a un recurso contencioso do Partido Popular, que denunciou o agrupamento de diversos puntos do debate plenario a 22 de decembro de 2023.

A xustiza inadmite o recurso presentado «ao respecto da decisión da alcaldesa de acumular o debate de puntos da orde do día» e establece que «o Regulamento Orgánico Municipal do pleno prevé a acumulación ao establecer o artigo 64.2 que o presidende ou presidenta poderá alterar a orde dos asuntos», ao que engade no punto 3 que «cando varios asuntos garden relación entre si, poderán debaterse conxuntamente se así o decide o presidente ou presidenta oídos os portavoces, se ben a votación de cada un deles deberá levarse a cabo por separado».

Con estas dúas victorias do Concello de Santiago fronte á empresa Tralusa e ao grupo municipal popular en cadanseu recurso á xustiza, a rexedora Goretti Sanmartín reivindicou que deste modo se «desmente a lectura catastrofista» que fai a oposición dos avances do goberno de Compostela.

“Altura de miras e responsabilidade”

“Altura de miras”, así cualificou a alcaldesa de Santiago a actitude das concelleiras non adscritas no Pazo de Raxoi, que co seu voto de apoio impediron unha moción de censura: «Non lexitimamos os orzamentos, por iso nos abstivemos pero tampouco imos xogar ao politiqueo e enredar, porque está claro que nada vai cambiar nun mes», afirmaba o voceiro Gonzalo Muíños.

«Se non había candidato alternativo non ten ningún sentido demorar un mes máis a aprobación dos orzamentos», explicou a rexedora, que agradeceu a resposta das edís á chamada á «responsabilidade» que ela mesma fixo a pasada semana. A alcaldesa defendeu que «se impuxo a sensatez e pensar en Santiago» para favorecer a veciñanza e recalcou unha vez máis que o goberno local dialoga coas edís non adscritas e co PSOE.

Tracking Pixel Contents