Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Veciños do casco histórico de Santiago esixen un Plan de Mobilidade: "Hai que medir o tráfico para poñerlle números ao problema"

A asociación de veciños Fonseca alerta de que o aparcadoiro de San Clemente está infrautilizado e reclama reverter a súa concesión para facilitar o estacionamento aos residentes e traballadores na zona

A asociación de veciños Fonseca demanda a redacción dun Plan de Mobilidade e Humanización de Rodrigo do Padrón, avenida Figueroa, San Clemente e Fonseca.

A asociación de veciños Fonseca demanda a redacción dun Plan de Mobilidade e Humanización de Rodrigo do Padrón, avenida Figueroa, San Clemente e Fonseca. / Antonio Hernández

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

A Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca reclamou no pleno municipal deste xoves un Plan de Mobilidade e Humanización para varias rúas clave do centro histórico como son a Rodrigo de Padrón, San Clemente, Travesa de Fonseca e avenida Figueroa. A proposición contou cos votos a favor do PP e do PSOE mentras que os non adscritos e o goberno municipal decidiron absterse. Isto levou á asociación veciñal a enviar na mañá deste venres un comunicado ao concelleiro Xan Duro para que se faga un estudo dos niveis de tráfico da zona para, en palabras do seu presidente, Roberto Almuíña, "poñerlle números ao problema". Duro adiantou que quedan pendentes de facela, e Almuíña agarda que "sexa máis pronto que tarde".

No pleno, a asociación volveu a reclamar que na modificación puntual do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela (PE-1) se recoñezan a existencia dos usos loxísticos dentro do seu ámbito, "coa lóxica esixencia da dotación das prazas de aparcadoiro correspondentes". Segundo a asociación, esta situación obriga a que se lle dea un "tratamento racional e non lesivo para a veciñanza", tanto no que corresponde á Oficina Comarcal de Correos, que ao seu parecer debería trasladarse a un dos polígonos industriais da cidade, como ao sistema de abastecemento da hostalaría da zona, que podería contar cun extraordinario almacén de último quilómetro nas instalacións que hoxe ocupa a UFD en Galeras (distribuidora eléctrica do Grupo Naturgy).

Asimesmo, a asociación critica que, tras o incendio da comisaría do pasado 12 de febrero, os vehículos da Policía se aparquen no medio da praza, malia existir prazas libres no aparcadoiro de San Clemente, que consideran infrautilizado ao ter unha planta baleira a maior parte do ano e que "non serve ao interese público da cidade". Por iso, reclaman reverter a súa concesión. "Os veciños non teñen onde deixar os seus coches tendo que buscar outros espazos", asegura.

"O turismo baixa porque a cidade non está limpa"

Por outra banda, a asociación denuncia que o servizo de recollida de lixo na cidade histórica incumpre a normativa da Xunta de Galicia, de obrigado cumprimento no ámbito do Camiño, e critica a acumulación de residuos en espazos sensibles como a contorna dun BIC como o Pazo de Fonseca.

“Este xoves, arredor das 19.00 horas, os cartóns non collían nos contedores, que ademais non deberían estar así á vista”, sinala Almuíña. Neste sentido, considera que unha posible solución pasaría por que o Concello estableza un acordo coa hostalería e reforzar o servizo: “Se ten que facerse tres veces ao día a recollida, pois faise". Advirte tamén de que a falta de limpeza está a pasar factura á afluencia de visitantes, asegurando que “o turismo baixa porque a cidade non está limpa”.

Por último, quixeron deixar constancia doutros problemas, como a presenza de persoas indixentes nos soportais da cidade histórica e o mantemento e a reparación do mobiliario urbano, especialmente dos bancos en rúas e prazas.

Tracking Pixel Contents