Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Espazo público

O PSdeG reclámalle ao goberno de Santiago que actúe nos parkings Valentín Varela e Escultor Ferreiro

A edil socialista aféalle ao executivo de Goretti Sanmartín que a solicitude de actuacións nos aparcadoiros xa foi a pleno sen que até o momento se resolvese o seu estado

A concelleira socialista Marta Abal na sala de prensa do Pazo de Raxoi

A concelleira socialista Marta Abal na sala de prensa do Pazo de Raxoi / cedida

Santiago

A concelleira do grupo municipal socialista Marta Abal denunciou este sábado a falta de actuación do "goberno da señora Sanmartín" ante o estado das zonas de aparcamento das rúas Valentín Varela Iglesias e Escultor Ferreiro, unha cuestión que a formación de Abal volveu levar ao último pleno municipal.

Abal lembrou que este problema xa fora formulado hai meses “sen que se producise ningún avance”, o que evidencia, ao seu xuízo, a falta de resposta do executivo local ante demandas claras da veciñanza.

A concelleira socialista advertiu de que se trata de espazos “cun firme moi deteriorado, con fochancas e irregularidades” que afectan á seguridade tanto de peóns como de vehículos, unha situación que, segundo indicou, “non pode seguir sendo ignorada”.

Neste sentido, criticou que no anterior pleno o goberno municipal se limitase a sinalar que era necesario cambiar o pavimento e que “o ían estudar”, pero “sen concretar prazos nin actuacións”.

“A día de hoxe, a única explicación que dan é que están cambiando os contedores e que, cando rematen, xa verán que fan co firme”, denunciou Abal, quen cualificou esta resposta de insuficiente ante un problema que continúa agravándose.

A concelleira advertiu de que, tras o inverno, o estado destes espazos é aínda peor, polo que reclamou ao goberno local “planificación, prazos e unha actuación clara” para reparar o pavimento e garantir condicións seguras para a veciñanza.

Falamos de algo básico como é o mantemento dos espazos públicos, e o que non sería razoable é ter que volver traer ao pleno unha cuestión tan evidente”, subliñou Abal.

Tracking Pixel Contents