Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago pon en primeiro plano o seu deporte nunha gala de emoción e orgullo

Este ano foron distinguidos as irmás Debris e Demeku Paniagua, Cosme González, Blanca Millán, Guillermo Carracedo, Santi Valladares, o Club Waterpolo Santiago, María José Barbazán, Ferrecal, a Andaina de Duchenne e Becker, Juanma e Samuel Mata, Marcelo Lusardi, o Colexio Manuel Peleteiro e Chuco Barreiro e Maruxa Barral

As persoas e entidades premiadas na VIII Gala do Deporte de Santiago con integrantes da Corporación municipal; a alcaldesa, Goretti Sanmartín, no centro, e membros do xurado. | JESÚS PRIETO

As persoas e entidades premiadas na VIII Gala do Deporte de Santiago con integrantes da Corporación municipal; a alcaldesa, Goretti Sanmartín, no centro, e membros do xurado. | JESÚS PRIETO

Víctor Furelos

Víctor Furelos

Santiago

Os VIII Premios Santiago Deporte celebraron este martes 24 de marzo, na sala Mozart do Auditorio de Galicia a súa gran gala para entregar os galardóns desta edición.

No primeiro bloque das entregas o protagonismo foi para o patrocinio deportivo de Ferrecal, representado no acto polo seu director xeral, Juan Francisco Vázquez Iglesias, como principal valedor do Triatlón Compostela e colaborador de varios clubs como Monbus Obradoiro, SD Compostela, Club Vía Láctea, Amio Sociedad Deportiva e outros.

Deseguido chegou a quenda do premio á Mellor Actividade ou Acción Social, que recaeu na Andaina Solidaria en favor da investigación Duchenne y Becker, promovida por Juanma Mata e o seu fillo Samuel, quen padece esa enfermidade. Os dous participan en competicións como a Carreira Pedestre de Santiago e en varias probas do CorreSan, e organizan no Monte do Gozo unha carreira que destina a súa recadación á investigación de enfermidades raras, combinando deporte e acción social.   

A ampla oferta deportiva do colexio Peleteiro, diversificada con instalacións propias, incluíndo campo de fútbol, pavillón e piscina, e a súa participación varios anos nas fases finais do Campionato de España de Baloncesto, en colaboración co Obradoiro, así como a súa presenza destacada en múltiples disciplinas, foi merecedora do premio recollido polo director do centro educativo, Luis Peleteiro.

O primeiro bloque rematou coa distinción ao Club Waterpolo Santiago como entidade deportiva máis destacada. As súas vitorias en todas as categorías e o subcampionato da Supercopa masculina absoluta chamaron a atención do xurado. Subiron ao escenario no seu nome o seu presidente, Luis Ferrer, quen reclamou máis auga para o seu deporte, e os deportistas Guillermo Carrillo e Victoria Landeira.

O segundo bloque foi o máis breve xa que abrangueu só dúas categorías. O premio correspondente ao mellor adestrador foi para Santi Valladares, todo un referente do fútbol sala despois de ser o primeiro internacional galego en participar nun Mundial como xogador. Como adestrador no 2025 conquistou a Copa de España co Peñíscola. Na gala anunciou que chegou o momento de regresar á casa unha vez remate esta temporada.

O premio dedicado á arbitraxe foi para María José Barbazán, a primeira muller que ocupa o posto de delegada de Santiago do Comité Galego de Xuíces de Atletismo, deporte que lle axudou moito a adaptarse á súa chegada á capital galega cando era unha adolescente desde Francia, onde estiveron emigrados os seus pais.

O deporte, como motor de vida

No último bloque concentráronse os galardóns individuais máis destacados. O momento máis emotivo da gala protagonizouno o galardonado no apartado de deporte adaptado, Marcelo Lusardi, skater compostelano de orixe arxentina que comezou a practicar skate aos 11 anos e perdeu a visión aos 18 a causa dunha neuropatía óptica de Leber. Na súa intervención rompeu a chorar e emocionou os asistentes ao lembrar como superou o momento en que perdeu a vista grazas ao deporte e ao apoio da súa familia.

Chegou despois a quenda dunhas das maiores promesas do deporte compostelán. As irmás Demeku e Debris Paniagua, que lograron prata e bronce no Campionato de España de campo a través, convertéronse nas primeiras xemelgas españolas en competir nun Mundial de Cross, onde foron as mellores do equipo estatal, rematando nos postos 28 e 37 na categoría sub20 con só 17 anos. Ambas as dúas completaron a tempada conseguindo o primeiro e segundo posto na Carreira Pedestre Popular de Santiago.

No capítulo masculino o galardón foi para o ximnasta Cosme González despois de concluir unha tempada brillante ao proclamarse campión de España individual na categoría xuvenil, medalla de ouro que non fai máis que consolidalo como unha das promesas máis destacadas da rítmica galega.

Mellores deportistas do ano

Subiron a continuación ao escenario o mellor deportista e a mellor deportista santiagueses do ano. Guillermo Carracedo, destacado surfeiro especializado en SUP Olas e paddle surf, foi campión de España de SUP Olas 2025 na categoría open en Malpica e representou a España no ISA World SUP & Paddleboard Championship 2025 no Salvador, conseguindo o 13º posto individual. Ademáis, foi campión de Europa absoluto de paddle surf no 2022, varias veces campión de España e subcampión do mundo coa selección española.

Entrementres, Blanca Millán destacou na Liga Feminina de baloncesto (LF Endesa) na posición de escolta. Formouse nos Estados Unidos, xogando na Universidade de Maine entre o 2016 e o 2021, onde foi dúas veces mellor xogadora da conferencia America East e dúas veces mellor xogadora defensiva, sendo a única muller en acadar dúas veces cada premio. Despois da súa etapa universitaria, regresou a España e tras o seu paso polo Gran Canaria e o Ensino lugués, fichou polo Baxi Ferrol, co que na tempada pasada logrou clasificarse para a EuroCup, finalizando subcampiona do torneo.

Gala do Deporte do concello de Santiago 2026

Gala do Deporte do concello de Santiago 2026

Gala do Deporte do concello de Santiago 2026

A gala rematou con outra entrega moi emotiva. O matrimonio formado por Chuco Barreiro e Maruja Barral levaron a ovación máis longa da noite. El fíxose co cariño da gran maioría de xogadores que pisaron o vestiario da SD Compostela durante máis de trinta anos, nos que acompañou o club desde categorías rexionais ata Primeira División, traballando no manexo do material. É historia viva do club e, de seguro, a persoa que garda na súa memoria un maior número de anécdotas. A súa muller incorporouse despois para encargarse das tarefas de lavado e coidado da roupa e o material cando o equipo medrou, contribuíndo ao funcionamiento diario da SD Compostela.

Tracking Pixel Contents