Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

148 millóns de euros

Raxoi aproba os orzamentos que farán realidade a Casa dos Maiores e A Factoría

O documento presupostario de 2026 contempla 4,7 millóns de euros para a nova depuradora da Silvouta, 8,5 para o transporte urbano e case 900.000 € para o colector da Avenida de Lugo

A abandonada estrutura de Salgueiriños, que no seu día ía ser para os bombeiros, será o edificio da Factoría Moza

A abandonada estrutura de Salgueiriños, que no seu día ía ser para os bombeiros, será o edificio da Factoría Moza / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Superada a cuestión de confianza a semana pasada e con maioría de apoio aos orzamentos de 2026 (cos 8 votos a favor do goberno local e os 4 das concelleiras non adscritas), o executivo de Goretti Sanmartín poderá poñer en marcha unha serie de proxectos que veñen de lonxe, como o incremento de efectivos no Corpo de Bombeiros e de Policía Local, o remate da estación depuradora da Silvouta, a Casa dos Maiores do Ensanche, A Factoría de Salgueiriños ou o novo colector de pluviais da Avenida de Lugo, que busca resolver os problemas de anegamentos na parte baixa da rúa e nas Fontiñas.

Nesta última cuestión, a partida prevista para a obra é de 893.692 euros, unhas actuacións que forman parte do que Raxoi deu en chamar ‘Plan Horizonte Compostela’. Un proxecto que busca resolver entre outros incidentes os anegamentos que se producen na rotonda do Vieiro (nas proximidades do Multiusos Fontes de Sar) cando as precipitacións son moitas nun curto período de tempo. Unha necesidade de vello, como tamén o é a posta en marcha da nova EDAR (estación depuradora) da Silvouta, para a que o executivo local destina nos orzamentos de 2026 unha partida de 4,7 millóns.

E entre as necesidades ‘históricas’ de Compostela está o servizo de transporte urbano. Para el resérvase este ano unha partida de 8.592.010 euros, unha vez que se conseguiu desbloquear a licitación do novo contrato (cunha duración de 13 anos e 137 millóns de orzamento total en réxime de servizo e non de concesión).

O Concello de Santiago estuda agora as propostas das cinco empresas que concorreron ao concurso –Castromil (integrante do grupo Monbus), Empresa Martín, Transportes Rober, a UTE Stellae Urbano de Santiago (Barraqueiro Transportes e Viajes Peillet) e Vitrasa– co obxectivo de licitar «o antes posible».

Iniciativas sociais

Entre as iniciativas de carácter eminentemente social que contempla poñer en marcha o goberno local a través dos orzamentos de 2026 está a rehabilitación da Casa dos Maiores, no Ensanche (no edificio da Seguridade Social de San Pedro de Mezonzo), para a que conta cun millón de euros.

Un centro que pretende ser interxeracional, para persoas maiores pero tamén cativada e mocidade, e para este último colectivo o departamento de Xuventude quere rehabilitar en Salgueiriños a estrutura que se ía destinar ao Parque de Bombeiros e crear alí A Factoría. Un centro para actividades, obradoiros e espazo de lecer, música, deporte e coworking da adolescencia e da mocidade de Compostela. Para este proxecto cóntase cun total de 315.793 euros procedentes de fondos europeos EDIL (dos 4,5 millóns totais do plan global para recuperar esta estrutura.

O Servizo de Axuda no Fogar tamén vai contar cun novo incremento orzamentario este 2026, chegando a superar os 6 millóns de euros (6.663.587 € ), algo máis dun terzo dos 18,1 millóns que o executivo de Sanmartín vai destinar a protección social, un 12,2% por riba do disposto nos orzamentos do ano pasado. «Un incremento do 250 por cen», dicía recentemente en rolda de prensa a alcaldesa de Santiago, no relativo á protección social, pasando de 5,4 a 6,8 millóns para servizos educativos, 8,5 millóns de euros para transporte ou 1,9 millóns para a actividade cultural organizada polo Auditorio de Galicia. Así mesmo, as axudas ao tecido asociativo suman máis de dous millóns de euros.

Os Centros Socioculturais (CSC), unha vez adxudicado o novo contrato e en vías de resolver a situación precaria pola que levaban meses atravesando os seus traballadores, van contar cunha dotación de 1,8 millóns de euros.

Servizos públicos e espazos de calidade, tamén no rural

Co novo documento orzamentario, este 2026 increméntase nun 33,8% o investimento en espazos públicos (50,1 millóns de euros) e nun 33% as partidas dirixidas a servizos (44,5 millóns). Desta maneira, Raxoi vai achegar 4.846.761 euros a limpeza e recollida de residuos, aos que hai que sumar os 3,7 millóns que vai ter que pagar polo canon de Sogama.

Para o mantemento de parques e xardíns o goberno local destina 3,8 millóns de euros e dous millóns para investimentos no rural, onde 678.719 euros se destinaran a arranxos na pavimentación das vías. Á espera de que cheguen as achegas da Xunta para a rede de saneamento e abastecemento (tres millóns de euros) comprometidas no acordo para a construción do aparcadoiro do CHUS (Hospital Clínico).

No relativo a actuacións nas vías da cidade, os presupostos de 2026 contemplan tamén unha partida para actuar no túnel do Hórreo (248.884 euros), que xa estivo en obras durante o mes de decembro pasado e que tivo que estar pechado por falta de efectivos da Policía Local, que tamén se incremetarán con estes novos orzamentos, segundo é a intención do Bipartito.

Así, en 2026 haberá seis efectivos de bombeiros máis (chegando a un total de 71) e tres novos policías locais (sumando 163 efectivos policiais). Ademais ampliarase este ano o cadro de persoal doutros servizos do Concello de Santiago.

Os incrementos

Os orzamentos deste ano ascenden a máis de 148 millóns de euros, o que supón un incremento de 1,6% (algo máis de dous millóns) respecto da partida de 2025. Incluíndo as entidades do sector público municipal, a cifra acada os 152 millóns. Da cantidade de ingresos totais (148.290.346 euros), 50.883.166 chegan a través de impostos directos, case 37.000 euros máis que a contía do ano pasado.

Segundo precisou a alcaldesa cando presentou o documento orzamentario unha vez aprobado na xunta de goberno, «vaise producir un repunte dos ingresos, ata os 143 millóns, sen subir os impostos», algo que quixo aclarar que é posible debido a unha «mellora na xestión recadatoria».

A cifra de recadación de impostos ascende a un 37,8% e a de taxas faino un 15,9%.

O capítulo de investimentos descende un 50%, ata os 6,3 millóns de euros, que se completan con algo máis de 2,6 millóns procedentes de baixas producidas en exercicios anteriores.

Tracking Pixel Contents