Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Antonio López Reitor saínte da USC

Antonio López: "A USC que deixamos agora é mellor que a que recibimos hai oito anos"

Antonio López deixará de ser reitor da USC o próximo 10 de abril despois de oito anos no cargo

Neste tempo, reivindica que foi quen de deixar unha Universidade en mellores condicións que a que atopou

Antonio López, nun momento da entrevista, este luns na sede do Reitorado da USC

Antonio López, nun momento da entrevista, este luns na sede do Reitorado da USC / Antonio Hernández

Manu López

Manu López

Santiago

Antonio López deixará de ser reitor da USC o próximo 10 de abril despois de oito anos no cargo. Neste tempo, reivindica que foi quen de deixar unha Universidade en mellores condicións que a que atopou e sinala como principal avance de cara ao futuro o relevo xeracional en materia de persoal. Tamén pon en valor o saneamento financeiro ou a implantanción de novas titulacións, destacando como fito recente o acordo de Medicina. Rematada esta etapa, volverá á docencia.

Remata unha etapa de oito anos como reitor. Marcha satisfeito?

Non só satisfeito, senón moi satisfeito. Foron case oito anos con situacións complicadas que non eran previsibles, como a covid, e despois todo o escenario de conflitos con todo o impacto que tivo en custos e demais. Aínda así, a Universidade soubo estar á altura e dar resposta nesas situacións límite. Á marxe disto, traballamos nas liñas que trazamos como eixo esencial de actuación. Falamos de actuar desde o punto de vista do seneamento financeiro, da importancia de intervir en materia de persoal para garantir o relevo xeracional, e tamén dunha certa revitalización do funcionamento da USC e da relación con outras institucións. Neses tres eixos cumpríronse os obxectivos.

Que avances ve máis importantes de cara ao futuro?

Fíxose un esforzo enorme por estabilizar e promover ao persoal, dando relevo xeracional ao altísimo nivel de xubilacións que viñamos tendo. A situación está ben encarreirada para seguir avanzando nesa dirección. No aspecto financeiro, a Universidade está saneada e afrontou proxectos importantes como a construción da nova Facultade de Farmacia sen endebedarse. En materia de débeda, eran 27 millóns cando chegamos e hoxe son 9 millóns. E logo, fomos quen de acordar un bo plan de financiamento para o sistema universitario e de traballar na implantación de novas titulacións con resultados moi bos. Son obxectivos cumpridos, outra cousa é que sempre quedan cousas por facer.

E que asuntos quedaron pendentes?

Quedan pendentes sobre todo algúns proxectos de infraestruturas porque teñen un custo moi alto e fan que teñamos que priorizar. O obxectivo número un era a Facultade de Farmacia, e asumimos todos que iso fai que outros proxectos non poidan ir á mesma velocidade e que teñan que esperar un pouco. Falta a segunda fase, que será a Facultade de Enfermería; a unificación da Facultade de Ciencias de Educación nun único edificio no campus de Santiago, as rehabilitacións de Historia e Medicina, que van indo por fases, e en Lugo falta completar o traslado da Facultade de Formación de Profesorado. Todo isto leva un pouco máis de tempo do que un pode imaxinar. Aínda que tiñamos un plan moi ambicioso, eramos conscientes de que non se podía facer todo nestes oito anos.

Con todo isto, que Universidade atopou e que Universidade deixa?

A Universidade que deixamos agora é mellor que a que recibimos hai case oito anos. Ese era o noso reto e penso que é o reto de calquera persoa que lle toque liderar a Universidade. En persoal, financiamento, funcionamento, titulacións ou captación de estudantes hoxe a USC está en mellor situación da que estaba hai oito anos. Pero, por suposto, segue sendo susceptible de mellora, segue habendo cousas que se poden facer. Non está nunca nada acabado.

Acordo polos estudos de Medicina

Un dos asuntos máis importantes nos últimos meses foi o acordo de Medicina. Foi o máis difícil de lograr?

Foi un tema moi complicado porque había que integrar moitos elementos. Tiñamos que buscar un acordo coas outras universidades e coa Administración, e buscar unha solución que tamén implicase a nosa Facultade de Medicina como responsable directa. Encaixar todo isto era especialmente difícil. Eu síntome moi satisfeito co acordo ao que chegamos. A situación que se deriva del, que é tratar de ter unha gran titulación de Medicina en Galicia liderada pola Facultade de Medicina de Santiago, coa participación de todos os hospitais do sistema sanitario e coa colaboración das outras universidades, é algo que nos diferencia do que se está vivindo noutras comunidades autónomas. Por outro lado, fai máis forte a titulación que temos de Medicina, xa somos a máis grande de España en número de alumnos, e pasa a ter tamén o soporte de toda a rede sanitaria pública para a mellor formación deses futuros médicos. Melloramos substancialmente a oferta formativa que facemos dos estudos de Medicina en Galicia. É unha moi boa solución, que nos fai máis fortes e mellora as capacidades formativas.

O acordo de Medicina fainos máis fortes e mellora as capacidades formativas

Cre que o acordo ten unhas bases sólidas para que funcione?

Ata agora o que temos é un acordo que asinamos todos, unha manifestación de vontade e de transitar nesa dirección. Agora o reto é facer realidade o acordo. Iso supón dotar prazas de profesorado, dotarnos de infraestruturas para que os alumnos poidan seguir aí ese proceso formativo. Nesa fase estamos traballando agora e segue sendo un reto. É moi bo o obxectivo que temos por diante, agora hai a dificultade de afrontar todo isto porque hai custos: vai custar máis que o modelo que tiñamos agora, pero vai custar moito menos do que custaría un modelo de tres facultades. Estou seguro que en canto bote a andar e empecemos a verlle os efectos positivos, as posibles dificultades que haxa debemos de superalas.

Retos de futuro da Universidade

En canto ao estudantado, unha das maiores preocupacións é a vivenda. Ata onde pode chegar a USC neste ámbito?

É un problema que nos afecta ás universidades e aos universitarios e que non podemos resolver nós sós. Agora, se miramos á USC, non hai no sistema universitario español unha universidade que teña apostado tanto por dar unha solución a través do sistema de residencias. Santiago ronda as 1.000 prazas. Se a iso se engaden as de xestión indirecta, son case 2.000 para pouco máis de 25.000 estudantes. Ademais, co valor engadido de que se poñen a disposición do alumnado a uns prezos que dependen da capacidade económica. Estamos facendo unha aposta moi contundente non só por ofrecer residencia, senón por ofrecela a quen máis o necesita, e isto é garantir a igualdade de oportunidades. Teremos que seguir facendo máis, pero creo que non se nos pode pedir moito maior esforzo. Ao mellor, teñen que ser outras institucións as que busquen fórmulas para dar unha solución a este gran problema.

Antonio López, nun dos balcóns do Pazo de San Xerome

Antonio López, nun dos balcóns do Pazo de San Xerome / Antonio Hernández

Durante estes anos tamén houbo un crecemento moi significativo da universidade privada. É unha ameaza para a pública?

En España no seu conxunto estamos nun proceso no que se multiplicaron as universidades privadas. Non me opoño porque si a este modelo, pero o primeiro que hai que esixir é que, se os títulos ofrecidos van ter as mesmas capacidades no mercado profesional e laboral, teñen que ser comparables; o proceso formativo e os recursos teñen que ser similares. E se queremos ser universidade non só podemos facer formación, temos que facer tamén investigación e xeración de coñecemento, porque iso está na esencia. Iso é o que tamén lle hai que esixir ás fórmulas privadas. Dende hai algúns anos, estamos asistindo a un auténtico bum das universidades privadas cun elemento que nos preocupa, que é que o ensino superior se converteu nun gran negocio. E hai un número moi importante de universidades privadas, que non era o modelo tradicional, que buscan facer un gran negocio co ensino universitario.

Que outros retos ten a USC?

A universidade e a sociedade temos un gran reto de futuro: integrar todas as capacidades e as potencialidades da Intelixencia Artificial. A USC ten unha longa experiencia de adaptarse ás transformacións que se teñen producido durante a súa existencia. Estou convencido de que a iso tamén nos imos adaptar. Ata agora, os cambios levaban o seu tempo, pero este impacto da IA é unha cousa que xa está aquí, que se produciu en moi pouco tempo e que ten unha dificultade enorme para as universidades de poder adaptarnos a esa nova realidade en tan pouco tempo, pero estamos facendo xa esforzos. Isto vai afectar non só a titulacións específicas, senón a como facemos as nosas funcións, á nosa propia xestión. Vainos obrigar a repensar que é o que hai que ensinar, que é o que hai que aprender e cales son as habilidades e as competencias que ten que ter un graduado universitario de aquí para adiante. E obrigaranos tamén a reciclar moito máis rápido o coñecemento porque está cambiando cada vez máis rápido.

Elección de Rosa Crujeiras como nova reitora

Falando de futuro, como valora a elección de Rosa Crujeiras como nova reitora?

Valoro moi positivamente que unha muller vaia ser a nova reitora da Universidade. Era unha circunstancia que, ao haber catro candidatas, xa había un tempo que tiñamos previsto, pero é importante. Tanto ela como as outras aspirantes eran persoas cunha capacidade absolutamente acreditada. Rosa Crujeiras tivo un resultado electoral cun apoio moi importante da comunidade universitaria, que é un elemento que vai axudar a que se poidan facer realidade os proxectos, e tamén vai servir para superar algúns roces que xurdiron durante a campaña electoral e que agora estou seguro de que vai ser fácil resolver.

É moi importante para un reitor saber delegar, repartir xogo e derivar responsabilidades

Daríalle algún consello á nova reitora?

É difícil dar consellos. Estou disposto a darlle a miña opinión cada vez que ma pida. Temos xa falado bastante ao longo destes días que pasaron dende a súa elección, estamos nesta fase de traspaso e está funcionando moi ben. Non tanto dar consellos, pero si algunha reflexión derivada destes anos e que serve para os que veñen detrás: é moi importante para un reitor saber delegar, repartir xogo e derivar responsabilidades ao equipo. Un non pode asumilo todo. Saber distribuír responsabilidades é moi importante para o goberno da institución.

E cando deixe de ser reitor, xa sabe o que vai facer?

Seino perfectamente. Acaban de chegar os horarios da facultade para o vindeiro curso e teño que empezar a ver como planifico a actividade docente que comezarei no mes de setembro. Volverei encantado á miña facultade a disfrutar da docencia. Sempre disfrutei moito das aulas, do contacto co estudantado, e tamén volverei retomar o fío da investigación. Pensando en retomar a vida de profesor universitario, que para quen lle guste é un auténtico privilexio.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents