Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Camiño a 2027

Gonzalo Muíños: «Se nos presentamos ou non será decisión dos catro»

O voceiro das non adscritas asegura que non é tempo de pensar nas eleccións senón de «controlar» ao goberno e «non obstaculizar»

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños afirma en conversa con EL CORREO GALLEGO «que non é tempo de pensar en candidaturas, falta máis dun ano para as eleccións». Falaba así a raíz da repercusión das súas palabras nunha entrevista concedida á Cadena COPE en referencia a «valorar seriamente» a posibilidade de presentarse ás eleccións de 2027.

Muíños insiste en que «son moitos os veciños que nos animan a facelo» e se fose só por iso «xa estaría a decisión tomada» pero polo de agora as concelleiras non adscritas non están niso, «ata maio do 27 hai tempo», asegura o concelleiro, que tamén recalca que «tanto se finalmente hai candidatura coma se non a hai decidirémolo xuntos», en referencia ás concelleiras non adscritas, e tamén expulsadas do PSOE, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez: «Una decisión colectiva».

En calquera caso, o concelleiro non adscrito reafírmase en que «o que toca agora é seguir co noso labor, que é o de controlar ao goberno local, fiscalizar o seu traballo, pero non obstaculizar como noutros tempos fixeron outros e parece que agora algúns queren seguir facendo», en clara referencia aos grupos de goberno –BNG e Compostela Aberta– no pasado mandato e ao actual líder da oposición, o popular Borja Verea.

Control ao goberno

Sobre a tarefa á que se deben até o final desta lexislatura Muíños defende que é a de «controlar e fiscalizar» un goberno bipartito que dende a bancada das non adscritas non consideran que estea a facer as cousas ben.

Sobre o seu apoio á alcaldesa Goretti Sanmartín no pleno da pasada semana, no que se sometía a unha cuestión de confianza, Gonzalo Muíños asegura que este respaldo non se contradí coa oposición que fan. «Insisto unha vez máis en que nós non apoiamos os orzamentos, o que fixemos foi apoiar unha cuestión de confianza porque estaba claro que non íamos entrar nese xogo da cuestión de confianza porque non había un candidato alternativo». Así, o edil insiste en que doutro modo «agardaríamos un mes e os orzamentos aprobaríanse automaticamente».

Na entrevista radiofónica o voceiro das non adscritas insistiu na coherencia do grupo do que forma parte e lembrou que foi esta actitude «a que nos trouxo aquí», lembrando que a votación en favor da ordenanza das VUT, promovida polo goberno socialista durante o seu mandato, en lugar de acatar a orde de abstención do secretario local do partido, Aitor Bouza, foi a que provocou a súa expulsión do PSOE hai agora un ano.

Tracking Pixel Contents