Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Que facer hoxe, 5 de abril, en Santiago

Axenda cultural: clausura do festival De Lugares e Órganos e o jazz de Sumrrá

Manuel Vilas e Ars Atlántica pechan o festival De Lugares e Órganos

Manuel Vilas e Ars Atlántica pechan o festival De Lugares e Órganos / LNE

Santiago de Compostela

Manuel Vilas e Ars Atlántica pechan o festival De Lugares e Órganos

O ensemble Ars Atlántica, dirixido polo arpista Manuel Vilas, presenta en primicia para a clausura do festival De Lugares e Órganos o concerto Cidades de Ouro e Prata, un proxecto nacido «dun coidadoso labor de investigación que recupera un patrimonio musical fermosísimo e case esquecido». O programa percorre músicas dos séculos XVII, XVIII e XIX, «nun diálogo vivo entre a Península Ibérica e o antigo Vicerreinado do Perú».

Repertorios sacros en latín e quechua —procedentes de cidades como Ayacucho e Cuzco—, músicas do ámbito vicerreinal andino como yaravíes e un singular harawi de tradición incaica, conviven neste concerto cheo de contrastes, cor e memoria. Inclúense tamén obras procedentes do arquivo musical do Seminario de San Antonio Abad de Cuzco, unha das fontes máis valiosas para coñecer a música peruana. O concerto, de balde previa retirada de convites, é ás 20 horas na igrexa do Convento do Carme.

Concerto de Víc Nogueira e Sebastián Fernández e outra cita con Sumrrá

O arxentino Víc Nogueira e o guitarrista chileno Sebastián Fernández únense para ofrecer un espectáculo adicado á música latinoamericana, «abordada dende unha mirada contemporánea e profundamente expresiva». Os artistas propoñen un percorido que pon en valor as raíces nun espectáculo íntimo. O concerto é ás 21.30 horas no Café Bar Arume –Fuenterrabía, 4–, coma sempre con entrada inversa.

Concerto de Víc Nogueira e Sebastián Fernández

Concerto de Víc Nogueira e Sebastián Fernández / Cedida

E neste mes de abril volve o jazz de Sumrrá –Manuel Gutiérrez, Xacobe Martínez Antelo e LAR Legido– á Casa das Crechas –Vía Sacra, 3–, ás 21 horas con entrada a 10 euros e como vén sendo habitual, desconto do 50% na billeteira para menores de 25 anos e paseo táctil guiado para as persoas cegas ou con discapacidade visual que o soliciten.

‘Antifémina’, as fotos do primeiro libro gráfico feminista no Auditorio

A nova exposición do Auditorio recupera o traballo fotográfico de Colita (Isabel Esteva) publicado con textos da escritora Aurèlia Capmany en Antifémina, considerado o primeiro libro gráfico feminista da Transición. Pódese visitar de balde en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.

‘Antifémina’, as fotos do primeiro libro gráfico feminista no Auditorio

‘Antifémina’, as fotos do primeiro libro gráfico feminista no Auditorio / Cedida

‘Galiverso’ regresa á Cidade da Cultura

A proposta inmersiva Galiverso volve á Cidade da Cultura ofrecendo de novo explorar virtualmente o patrimonio cultural e natural de Galicia. A través da realidade virtual, o público pode percorrer espazos coma o antigo Portomarín antes da construción do embalse de Belesar ou a cripta do Apóstolo na Catedral. A mostra pódese visitar até o vindeiro 3 de maio, hoxe con horario de 11 a 14 e de 16 a 20 horas. A entrada é de balde.

Tracking Pixel Contents