Cen anos de historia común
Unha rúa para o derradeiro alcalde do Concello de Conxo
Os bisnetos de José Lema, líder do municipio conxense cando se produciu a adhesión a Santiago, propoñen que se lle dedique un lugar da cidade non só como recoñecemento ao seu labor, tamén coma unha forma de reivindicar a importancia dun dos barrios máis activos de Compostela

Juan Lema Negrillo diante da casa familiar, na rúa García Prieto de Conxo / Jesús Prieto

Juan Lema Negrillo, que durante case 30 anos liderou a asociación Amigos de Conxo, e Juan Manuel Lema Rodicio (presidente da RAGC -Real Academia Galega da Ciencia– lideran unha iniciativa para conseguir que se lle dedique unha das rúas da cidade a José Lema, o seu bisavó e tamén o último alcalde que tivo o Concello de Conxo, que en 1925 resolvía, logo de varios intentos, a súa adhesión ao Concello de Compostela.
A petición, que deberá dirimir a Comisión de Honras de Raxoi chegado o momento, vai máis alá da figura de José Lema, conleva tamén unha reivindicación: darlle a Conxo, un dos barrios máis dinámicos e con maior personalidade de Santiago, a relevancia que tivo e ten na historia da capital de Galicia.
Juan Lema Negrillo conversa con EL CORREO GALLEGO sobre esta iniciativa, sobre a adhesión do municipio e tamén da relevancia que isto tivo para Compostela, que gañou con ela, ademais dun bo número de habitantes, un rural máis extenso, pois o concello conxense abranguía as parroquias de Aríns, Bando, Conxo, O Eixo, Figueiras, Laraño, Marrozos e mais Villestro.
Pero coa anexión de Conxo, Compostela gañou tamén unha estación de ferrocarril e unha historia que vai máis alá da «mala prensa» que Lema Negrillo apunta que tivo o barrio en publicacións da época. Un dos feitos máis destacados da historia de Conxo é a celebración do Banquete Democrático de Conxo (en 1856), un evento posto en valor hai pouco máis dunha década (durante o goberno de Compostela Aberta).

Retrato reconstruído de José Lema, o último alcalde do Concello de Conxo. / cedida
O tren Cornes-Carril
A primeira liña de tren en Galicia foi a que uniu a estación de Carril, logo integrado no Concello de Vilagarcía de Arousa, con Cornes, daquela Concello de Conxo. Era setembro de 1873. «A concesión era para Compostela», lembra Juan Lema, pero no termo municipal non se atopou un sitio propicio. «Estaba previsto crear unha estación en Rapa da Folla, pero había que realizar un desmonte importante», polo que se tomou a decisión de establecela en Cornes. «Pasamos a ser unha estación de cabeceira».
Co tren, chegou a Conxo, e seguidamente a Compostela, unha conexión coa costa máis próxima que supuxo un auxe importante en canto á vida cultural, social e económica. Comezaron a proliferar os almacéns de coloniais –un deles rexentábao o alcalde José Lema–, construíuse o matadoiro e o Mercado Municipal –na avenida de Vilagarcía–. Conxo contaba con varios aserradoiros e a súa situación entre o Sar e o Sarela permitía o establecemento de curtidoiros.
E chegou tamén o fútbol, «Conxo foi pioneiro coa fundación, en 1908, do primeiro equipo», apunta Lema para explicar que este ‘desembarco’ estivo relacionado coa conexión Cornes-Carril e coa influencia dos traballadores da compañía británica do tren West Galicia Railway.
O Banquete e Carro
Conxo era un concello eminentemente rural que se transformou só en parte co tren, coa implantación dos almacéns de coloniais, o fluír de pasaxeiros e mercadorías, os traballadores da estación e os negocios e industrias que se nutrían a través del. Deulle tamén ao municipio conxense unha importante relevancia cando se iniciaron os movementos obreiros.
E ligado a estes últimos, foi como na carballeira do antigo mosteiro de Conxo, o 2 de marzo de 1856 –décimo aniversario dos Mártires de Carral– unha serie de estudantes liberais da universidade compostelá –entre eles Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal– organizaron un xantar de confraternización coa clase traballadora, especialmente artesáns.
Foi o que hoxe coñecemos coma o Banquete Democrático de Conxo, un acto que suscitou o enfado dos sectores máis poderosos da Compostela da época, que o viron coma un atentado contra o esquema social tradicional. Juan Lema asegura que a decisión de que o Banquete se realizase en Conxo tomouse «por atoparse máis alonxado das autoridades» e así evitar, máis que as represalias, a interrupción deste encontro ‘de clases’.
«Conxo sempre foi moi contestario», asegura Lema Negrillo, non só por datos históricos coma o do Banquete ou as protestas obreiras, tamén polo seu Entroido. O Carro de Conxo, recuperado hai poucas datas, era unha especie de comparsa sobre un carro, tirado por dous bois, e que percorría dende Marrozos até Conxo lanzando proclamas «ao xeito dos Xenerais da Ulla ou dos correos», explica.
Banquete e Entroido de Conxo son, hoxe en día, dúas das festas máis populares do Concello de Compostela, reunindo participantes de todos os puntos do municipio e convidando a participar a comparsas e grupos doutros barrios da cidade. Outra mostra do impulso que Conxo segue a ofrecer, agora como barrio, a Santiago.
«Conxo sempre foi moi contestario»
1925, o ano da anexión
José Lema era diplomado en Comercio e puxo en Vidán o seu almacén de coloniais. En 1913 construíu a súa casa –aínda en pé– na rúa García Prieto, unha obra do arquitecto José Cotos, tamén almacenista e autor de Casa Cotos, na rúa das Casas Reais.
«Era maurista, espiritista e masón» reivindica Lema Negrillo do seu antepasado, que chegou á alcaldía de Conxo poucos meses antes de que se votase e se lograse, agora si, a adhesión. Era o 15 de maio de 1925 e dous terzos da Corporación local de Conxo asinaron a adhesión voluntaria, outros dous terzos da Corporación compostelá fixeron o mesmo, co voto en contra dun único concelleiro.
Entón, coma todo o demais, a estación de Cornes pasou a ser de Santiago, tal e como indicaba a concesión do Estado, pero Lema Negrillo lamenta –e traballa para que así non sexa– que Compostela tamén levou unha parte da historia do antigo municipio, non só a festa do Banquete de Conxo, tamén a figura de Rosalía de Castro, «conxense». No que hoxe é a praza de Vigo, no Ensanche, estaba a casa na que viu a luz a que ía ser a poeta máis importante de Galicia.
Este feito simbolízase cun monolito co rostro esculpido da escritora e a inscrición que lembra que a casa estaba nese lugar. Alí cada ano faise o 23 de febreiro (data do seu nacemento) unha ofrenda floral previa á do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, e na que este ano o presidente da Asociación de Veciños Raigame, Xosé Manuel Durán, aproveitou para reivindicar melloras no barrio do Ensanche.
Unhas melloras que ben poden chegar até coidar, recuperar ou crear unha simboloxía que recorde que Conxo foi Concello, como esa rúa ao seu derradeiro alcalde. Para darlle a este barrio que tanto achegou a Compostela, algo máis de memoria.
- Galicia sumará una tercera salida hacia la Meseta por autovía: aprobado el proyecto del primer tramo de la A-76 en El Bierzo
- La compostelana Urovesa suministrará 12 vehículos Vamtac aerolanzables al Ejército para reforzar su capacidad operativa
- ¿Qué se sabe del cadáver encadenado en el puerto de Ribeira? La Policía investiga si Amador Mos Orellán fue asesinado o se suicidó
- Un escritor gallego hace historia al ganar uno de los galardones de relatos más prestigiosos del mundo
- Santiago estrena un 'take away' de cocina palestina que ya arrasa en sus primeros días
- Una vecina de Figueiras relata el temor ante los robos: 'Tengo dos hijos que ya empezaban a quedarse solos en casa, pero ahora tienen miedo
- El vacuno de carne alcanza precios históricos en Galicia: un ternero que valía 830 euros tras la pandemia se paga hoy a 1.850
- Juan Díaz Villoslada asume este miércoles la gerencia de la Universidade de Santiago