Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Teresa Rocamonde gaña o Premio de Xornalismo Científico por unha reportaxe sobre os primeros fármacos de caruncho

A xornalista galega recibirá o galardón nun acto que se celebrará o vindeiro 15 de abril no Pazo de San Roque de Santiago

Teresa Rocamonde gaña o Premio de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias.

Teresa Rocamonde gaña o Premio de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias. / Cedida

L.R.

Santiago

Teresa Rocamonde (Santiago, 1975) é a gañadora do undécimo Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2026, que concede a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en colaboración coa Xunta de Galicia, por un traballo sobre a historia dos primeiros fármacos elaborados con caruncho de centeo en Galicia. Trátase de Os fármacos do centeo, emitida o 30 de abril de 2025 na Televisión de Galicia, unha peza sobre un fungo do centeo utilizado pola medicina popular desde hai séculos. Foi nas vésperas da Guerra Civil cando se inaguraba en Vigo o Instituto Miguel Servet, que tres anos despois daría lugar á actual Zeltia, unha das grandes compañías químico-farmacéuticas de Galicia. O caruncho foi a base do primeiro fármaco rexistrado polo laboratorio. Tal como salienta a galardoada, “ciencia e cultura únense neste capítulo, que forma parte da serie `Historias a pé de páxina´ da TVG, que trata de dar protagonismo a persoas e feitos esquecidos que marcaron o que hoxe somos como pobo”.

O xurado pon de relevo que este traballo xornalístico, polo que a súa autora recibirá 3.500 euros, “conecta co papel da muller no agro, dedicada neste caso ao cultivo do centeo, que converteu a Galicia no seu momento nun referente na produción do caruncho con fins médicos. Ademais, recolle todo o proceso da I+D+i na elaboración dos preparados farmacéuticos, dende o laboratorio ao mercado”.

O premio, destinado a galardoar unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida no último ano en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal), entregarase nun acto que se celebrará o vindeiro 15 de abril no Pazo de San Roque de Santiago.

Rocamonde: "É importante poñer en valor o papel do xornalismo como ponte entre a sociedade e a comunidade científica"

Teresa Rocamonde (Santiago, 1975) é licenciada en Ciencias da Comunicación, especialidade en Periodismo, e Máster en Sociedade da Información e o Coñecemento pola Universidade de Santiago. Traballou en axencias, prensa, radio e televisión. É autora de varios libros, entre eles Os segredos do Vilas. En 2007 uniuse ao equipo de Edicións Bolanda, onde desempeña a función de responsable de comunicación e coordinación editorial.

Rocamonde salienta que “nunha época de grandes cambios e de desinformación, é importante poñer en valor o papel do xornalismo como ponte entre a sociedade e a comunidade científica, así como o labor esencial da ciencia e da investigación". Historias como Os fármacos do centeo "permítennos descubrir, con orgullo, que a Galicia actual é froito do traballo, o compromiso e o esforzo de moitas persoas que lograron superar adversidades e construír o futuro que hoxe desfrutamos".

Tamén quixo agradecer á RAGC iniciativas como estes premios, "que reforzan a credibilidade e a necesidade do xornalismo no mundo actual”.

Accésit para unha reportaxe de Cinthya Martínez

Pola súa parte, o accésit concedeuse á xornalista Cinthya Martínez (Noia, 1997) por un traballo no que relata a utilidade dos equipos de impresión 3D para planificar e optimizar intervencións quirúrxicas complexas.

Tracking Pixel Contents