Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un estudante trans da USC: "Son unha persoa aberta en redes, o que por desgraza vai da man de recibir mensaxes fóra de lugar"

Helio Miramontes, de Filoloxía, forma parte da asociación Atreve-T, que organiza esta semana actividades de concienciación en varias facultades

Helio Miramontes é unha persoa trans activista na defensa do colectivo

Helio Miramontes é unha persoa trans activista na defensa do colectivo / cedida

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

Helio Miramontes é unha persoa trans que combina o seu estudo de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago coa defensa activa dos dereitos do colectivo trans e non binario. Dende que se deu conta da súa identidade aos 11 ou 12 anos, enfrontouse a unha sociedade con escasos recursos e información sobre diversidade, motivándoo a traballar para que a xente nova poida vivir coa súa identidade con igualdade de oportunidades. Forma parte da asociación de estudantes trans Atreve-T, que organiza a Semana da Visibilidade Trans na USC, pola que este luns impartiu unha charla sobre linguaxe inclusiva en Filoloxía.

Nado en Vigo e residente en Santiago desde hai sete anos, ten 39 anos. Anteriormente xa estudara Filoloxía Portuguesa, unha FP de informática e Arte Dramática en Vigo, todo isto compatibilizado con diferentes traballos.

“Cando eu estaba no instituto, practicamente non había información sobre este tema nin recursos, algo que agora está infinitamente mellor aínda que quedan cousas por mellorar", sinala en conversa con EL CORREO GALLEGO, asegurando que tardou "moito" en poder facer certas cousas con tranquilidade e sinceridade. Recorda que cando entrou na USC en 2018 había falta de información. Foi dous anos máis tarde cando formou parte do grupo que redactou o Protocolo de actuación para os cambios de nome e de mención relativa ao sexo das persoas transexuais, transxénero e intersexuais na USC, "un avance que nos permitía poder utilizar o noso nome correcto aínda que non estivera aínda cambiado legalmente".

Helio recorda que se deu conta de que era unha persoa trans cando tiña entre 11 e 12 anos. Fai referencia á adolescencia como un momento "no que se nota a diferenza entre os rapaces e as rapazas tanto fisicamente como socialmente", percibíndose maneiras diferentes de comportarse. "Aí vin que non acababa de encaixar nese esquema", recalca.

Confesa que ao principio non comprendía completamente o que sentía: “Fun experimentando e probando se me atopaba nun tema de roles de xénero ou era algo máis profundo. Cando fun coñecendo outras persoas trans e tiven acceso a máis información fun vendo as posibilidades que había", relata. Así, tardou uns anos en cambiar o seu nome.

A familia e as persoas próximas reaccionaron ben ao cambio. "Ao principio, cando había descoñecemento, non entendían moi ben o que pasaba, pero a medida que eu fun tendo o vocabulario para expresar o que estaba pensando e sentindo puiden explicalo e a verdade é que non tiven moito problema", sostén. Tardou uns anos en empezar a facer cambios e falalo abertamente, aínda que sendo xa unha persoa tiña uns recursos e maneira de explicalo e afrontar dúbidas, algo que sendo unha persoa máis nova "igual é máis complicado.”

Na súa experiencia, a facultade de Filoloxía foi un espazo respectuoso. “A xente fala e comenta, pero por sorte a facultade na que estudo é bastante acolledora. Tiven sorte tanto co profesorado como cos estudantes", declara, recoñecendo ao mesmo tempo que houbo momentos de incomprensión que, polo xeral, se solucionaron falando.

O peor viviuno por redes sociais. “As situacións desagradables ou violentas foron máis por redes que en persoa xa que hai máis xente que se atreve a dicir cousas ou insultar porque teñen a protección do anonimato", anuncia. Maniféstase abertamente como persoa trans en redes sociais, o que "por desgraza, vai da man de recibir mensaxes moi fóra de lugar". Deste xeito, tivo que aprender a non darlle importancia a eses comentarios. "Toca eliminar e bloquear. É complicado tomalo como un ataque persoal pero en realidade o que fan é atacar un colectivo que non lles gusta", considera.

Ve necesario un traballo de aprendizaxe e pon en valor a importancia de ter unha comunidade. "Os que pasaron por esa experiencia pódenche axudar a distanciarte e saber desenvolverte en redes e facer activismo de xeito presencial tendo en conta que pode haber alguén que intente causar problemas", aclara.

Para Helio, as asociacións xogan un papel clave. Sobre Atreve-T, asegura que “era necesaria para poder facer actividades como esta semana de divulgación" e para ter un punto de encontro para "falar de posibles problemas que poidamos ter e resolvelos en grupo e non só que sempre é máis difícil.”

Tracking Pixel Contents