Reclaman un calendario vinculante
Ferusa acusa a Raxoi de incumprir o Pacto polo Rural: "Non hai avances reais"
A entidade sostén que se están levando a cabo actuacións «illadas» en lugar de desenvolver o carácter estrutural do acordo
O goberno local pon en valor os investimentos realizados e asegura que o nivel de gasto supera o comprometido

Hórreo situado no lugar da Barcavella, na parroquia de Busto / Jesús Prieto

A Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (Ferusa) acusa o Concello de Santiago de incumprir o Pacto polo Rurale denuncia que, máis de tres anos despois da súa aprobación, non hai "avances reais" que permitan falar dun desenvolvemento efectivo do acordo. A entidade sinala a este diario que o pacto, aprobado en 2023, establecía unha folla de ruta a oito anos para corrixir o déficit histórico do rural compostelán e garantir servizos básicos e infraestruturas en igualdade co ámbito urbano.
Segundo destaca a federación, o documento concibiuse como un plan amplo e estruturado, con máis de 35 accións repartidas en distintos ámbitos, desde os servizos básicos ata a mobilidade, o desenvolvemento económico, o medio ambiente, a cultura ou a participación cidadá. Ferusa sostén que a aplicación actual do pacto está moi lonxe desa concepción integral e denuncia que o seu desenvolvemento se está a reducir a intervencións "puntuais, principalmente obras de abastecemento e saneamento, cando en realidade estamos ante un proxecto integral de transformación do rural".
Nese sentido, a federación subliña que "non se pode limitar o Pacto polo Rural a facer tubaxes ou obras illadas" e insiste en que o acordo respondía a un "modelo de territorio" e a "un plan global con máis de 35 accións que debía cambiar o rural de Santiago en todos os ámbitos".
Ferusa tamén cuestiona os recentes anuncios institucionais sobre investimentos, con máis de 1,2 millóns de euros previstos para 2026 e actuacións concretas en varias parroquias. Ao seu xuízo, estas medidas "non son máis que actuacións illadas que non responden ao espírito nin aos compromisos do pacto". A federación recalca que a situación segue marcada por "carencias en servizos básicos, infraestruturas deficientes e falta de oportunidades", polo que considera que "o que falla non son os anuncios, é a execución". "A realidade do rural segue sendo a mesma", advirte.
Denuncian o bloqueo do convenio
A entidade tamén pon o foco no convenio de colaboración co Concello de Santiago, aprobado para financiar tarefas de coordinación, asesoramento e apoio ás asociacións veciñais do rural. A federación considera este instrumento "fundamental para garantir o funcionamento do movemento veciñal e a defensa organizada do rural", mais denuncia que non se está a percibir debido aos "continuos atrasos na súa tramitación, derivados de problemas na súa xestión administrativa", facendo responsable da situación á Concellería de Rural.
Para Ferusa, esta situación ten consecuencias directas sobre a súa capacidade de traballo, xa que dificulta o apoio ás asociacións e compromete a estabilidade necesaria para exercer con eficacia o papel que se lle recoñece institucionalmente. A entidade advirte de que, "se non hai recursos nin estabilidade, é imposible facer unha defensa eficaz do rural".
"O gran esquecido nas políticas municipais"
A federación vai máis alá e sostén que o rural "segue sendo o gran esquecido das políticas municipais", malia os compromisos asumidos publicamente. Por iso, afirma que o que está a acontecer co pacto "non é un atraso, é un incumprimento político". Nesa liña, denuncia que continúan sen resolverse cuestións estruturais como o estado da rede viaria, o transporte público, o saneamento, o abastecemento ou o acceso á vivenda, problemas que, segundo advirte, seguen favorecendo o despoboamento.
Por todo isto, Ferusa reclama a publicación inmediata dun calendario vinculante de execución do Pacto polo Rural, con prazos concretos, investimentos definidos e mecanismos de control público. Avisa de que, sen planificación nin compromiso real, o pacto seguirá sendo "papel mollado". Deste xeito, reafirma a súa posición cunha mensaxe clara, "o rural non se abandona, deféndese", e anuncia que continuará mobilizándose para esixir o cumprimento dos compromisos adquiridos.
Raxoi: o nivel de gasto supera o comprometido
Ante as demandas de Ferusa, o goberno local de Santiago defende que "o rural está atendido cun nivel de gasto que supera o comprometido". Nesta liña, explican que o cumprimento do pacto pode medirse con distintos criterios —desde as actuacións executadas ata o gasto autorizado ou as obrigas recoñecidas—, pero que se se aplica o método "máis restritivo", en 2025 o centro xestor do medio rural recoñeceu obrigas por valor de 2,57 millóns de euros, o que representa o 1,75 % do orzamento municipal, mentres que o gasto autorizado elevouse ata os 4,88 millóns.
Entre as principais partidas que destaca Raxoi figuran os dous contratos de mantemento: o servizo de roza, limpeza e conservación de marxes, con 395.000 euros, e o mantemento das vías rurais, con outros 500.000. A estas cantidades súmanse os fondos destinados á redacción de proxectos para ampliar as redes de abastecemento e saneamento en distintos puntos do municipio, como Lavacolla, A Sionlla, Reboredo, Neiro, Vilamaior, San Paio, Xan Xordo, a N-634, A Sabugueira, Aradas, Pardaces, Roán e Vilas. Segundo o executivo, os proxectos de Aradas e A Sabugueira teñen un carácter estratéxico por permitir mellorar a presión da rede e ampliar o servizo a novos núcleos. Tamén se redactaron outras actuacións menores de saneamento, pavimentación, beirarrúas e reposición de asfaltado por máis de 76.000 euros.
Obras realizadas
No capítulo de obras, o balance inclúe a finalización do saneamento no Coto dos Olmos, en Bando, e da primeira fase da pavimentación da rúa de San Martiño, en Aríns, actuacións que en conxunto superaron os 450.000 euros, aínda que só unha parte corresponde ao exercicio 2025. Nese ano executáronse ademais a ampliación da vía da Cañoteira ao Outeiro de Marrozos, a rexeneración do espazo público en Vilamaior, obras de abastecemento e saneamento no Gaioso, o abastecemento en Frades, na Enfesta, e a rehabilitación do palco da música de Lavacolla. Xunto a isto, en 2025 licitáronse novas intervencións xa con gasto comprometido, como o abastecemento en Agualada e A Torre, en Marantes, a segunda fase do pavimento en San Martiño de Aríns e o saneamento no sector leste de Formarís, na Enfesta.
O Concello incorpora tamén ao balance os servizos á comunidade rural, entre eles a achega municipal de 50.000 euros aos centros socioculturais, que se suma aos 75.000 da Deputación, así como outras partidas de persoal e actividades para o mantemento dos locais parroquiais de titularidade municipal. A relación de actuacións inclúe tamén os 10.000 euros destinados ao Día das Mulleres Rurais.
No ámbito educativo, o Concello destaca a posta en marcha en 2025 dun servizo de comedor escolar nas escolas do rural mediante un acordo coa Federación de Anpas, cun custo de 20.000 euros. A isto engádense 78.849 euros para o acondicionamento de instalacións escolares, a conexión ao abastecemento e saneamento da escola do Gaioso e a finalización do parque infantil vinculado á escola do Rial. O goberno municipal subliña, ademais, que nesta contabilización non se inclúen outros servizos e investimentos de carácter xeral.
- Renfe suspende nueve trenes en Santiago este lunes por falta de maquinistas
- La Xunta anuncia una nueva oferta de empleo público con más de 800 plazas de libre acceso
- El retraso del cuartel de As Cancelas se agrava cuatro meses después del primer incumplimiento
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Un centenar de personas recorren la ruta que seguirán los tráileres para evitar el transporte y procesado de inertes en Teo
- Luz verde al nuevo barrio de Mallou: la Xunta impulsa el suelo para 3.600 viviendas en el norte de Santiago
- Los vuelos 'vip' que traen material oncológico de Barcelona a Santiago y vuelven con pasajeros por 200 euros
- Las entradas de O Son do Camiño no vuelan tan rápido como hace un año