Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Servizos sociais

O goberno local confía en abrir o centro para senfogar de Belvís no mes de xuño

O pleno de marzo aprobou a ordenanza que regula o funcionamento interno do espazo, que contempla unha estadía de entre seis meses e dous anos, con posibilidade dunha prórroga

Edificio do Centro de Acollida e Inclusión para Persoas en Situación de Senfogarismo situado no Parque de Belvís

Edificio do Centro de Acollida e Inclusión para Persoas en Situación de Senfogarismo situado no Parque de Belvís / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O goberno local compostelán mantén a súa folla de ruta ao respecto do Centro de Acollida e Inclusión para Persoas sen fogar de SantiagoCipis–, situado no Parque de Belvís e que está actualmente dotándose de mobiliario e pendente da licitación da súa xestión, que será mixta entre unha concesionaria e persoal técnico municipal. A previsión da concelleira de Servizos sociais, María Rozas, segue a ser a apertura de portas no mes de xuño, logo de que o pleno ordinario de marzo lle dera o apoio á ordenanza reguladora do réxime interno do centro.

Unha vez aprobada esta normativa, o que lle queda por diante a Raxoi é ultimar as cuestións técnicas e burocráticas, entre elas, a autorización da Xunta de Galicia para a apertura do centro. No debate plenario, aínda que o goberno local tivo o apoio das concelleiras non adscritas e do PSOE, tamén tivo a un Partido Popular que non se posicionou en contra pero se abstivo, e puxéronse sobre a mesa requirimentos dos grupos da oposición –nomeadamente de PSdeG e PP, xa que o apoio das non adscritas estivo exento de puntualizacións ao documento presentado–.

As reclamacións de PP e PSOE referíanse, por un lado, ao pouco «rigor» do documento en canto a cuestións coma a necesidade de que a persoa usuaria do Cipis estea empadroada en Compostela ou á duración da prórroga máis alá dos dous anos máximos como residente no centro. Por parte dos socialistas, o que se demandaba do goberno local era unha «memoria económica» e un plan de «viabilidade do proxecto», sen poñer en cuestión a gratuidade dun servizo destinado aos máis vulnerables.

A concelleira deu conta no debate plenario destas cuestións, a última das cales –a memoria económica– non é obrigada para a elaboración do regulamento, reforzada tamén porque «os orzamentos contemplan unha partida para este centro», lembraba a primeira tenenta de alcaldesa. No tocante á necesidade de que as persoas sen fogar estean censadas en Compostela ou simplemente sexan residentes, cuestión pola que interrogaba a edil popular Yolanda Otero, non existe diferenza neste caso, posto que as persoas usuarias do Cipis serán derivadas dende Servizos Sociais, que xa traballa a través do Semus –Servizo Municipal de Urxencias Sociais– con persoas que pernoctan na rúa acompañándoos, entre outros aspectos, no empadroamento e na tramitación de tarxeta sanitaria.

Once habitacións

O proxecto do Bipartito comezou a xestarse «hai dez anos», lembraba a concelleira Rozas en mención a esta infraestrutura para a que o goberno de Compostela Aberta –de 2015 a 2019– solicitou fondos europeos. Logo de que no mandanto socialista se desbotase este uso para converter o espazo nun edificio de oficinas retomouse, con menor orzamento, o máis parecido ao proxecto orixinal, coa intención de dotar este equipamento con 11 habitacións, tres das cales ofrecen a posibilidade de seren dobres, ademais de accesibles.

Ademais, haberá espazos comúns, coma o comedor e unha sala para actividades, xa que o Cipis está pensado para ofrecer un recurso habitacional pero tamén «orientación laboral, formación, acompañamento emocional» e asesoramento para «búsqueda de vivenda e emprego».

Neste sentido, o centro para persoas sen fogar de Belvís contempla unha primeira fase, na que os servizos sociais derivarán aquelas persoas dispostas a abandonar a súa situación de senfogarismo, e unha segunda na que este equipamento municipal funcionará como centro de día para aquelas persoas que non querendo incorporarse ao programa de inserción social do Cipis si queiran ou precisen botar man das súas instalacións para cuestións coma o aseo persoal.

A xestión do espazo vai estar composta por unha persoa na dirección e persoal de intervención, segundo consta na ordenanza reguladora, e sempre estarán implicados técnicos de inclusión do Concello de Santiago. Ademais, crearase unha asemblea do centro, da que formarán parte os profesionais, os técnicos de inclusión e tamén os usuarios do Cipis.

Estes últimos contarán cun Plan de Atención e Proxecto de Vida, que será individualizado en función das características e condicionantes vitais de cada usuario, entre os que Servizos Sociais contan con especificidades coma as adiccións –non se poderán consumir substancias coma alcol ou drogas– ou a saúde mental, que afectan tamén ás persoas en situación de senfogarismo.

Sobre este último punto, a concelleira María Rozas explicou no debate plenario que Compostela é tamén lugar de paso de persoas sen fogar. Segundo os datos que manexan os técnicos municipais, «en 2025 atendéronse 401» en situación de senfogarismo, «39 delas de paso», e a media de persoas que pernoctan na rúa en Santiago sitúase arredor das 20 ou 25 diarias. Entre elas, o colectivo maioritario é o das persoas migrantes, cun incremento nos últimos tempos da porcentaxe de mulleres que viven na rúa.

Tracking Pixel Contents