Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Medio ambiente

Rozas chama á coordinación coa Xunta para que a senda ciclista "non arrase" o Ecobosque de Conxo

A tenenta de alcaldesa anunciou a constitución do Consello do Ecobosque "para garantir a implicación social na restauración e posta en valor do Banquete de Conxo"

María Rozas, durante a presentación do Consello do Ecobosque, este martes en Raxoi

María Rozas, durante a presentación do Consello do Ecobosque, este martes en Raxoi / Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago

A tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, fixo este martes un chamamento á coordinación entre administracións para que a senda ciclista entre Santiago e O Milladoiro, impulsada pola Xunta de Galicia, "non arrase" o proxecto do Ecobosque de Conxo, promovido polo Concello, ao seu paso por esta zona. O goberno galego aprobou en febreiro unha modificación do trazado co obxectivo de non afectar o Banquete de Conxo e indicou que deixará parte do mesmo sen executar ante o desacordo con Raxoi.

Preguntada por esta cuestión, Rozas lembrou que o proxecto do restauración do entorno natural do río Sar neste ámbito contou cun investimento de 1 millón de euros, procedente de fondos europeos, e indicou que "non pode ser que agora veña outra administración e arrase co feito polo concello e en contra da opinión da veciñanza e da opinión do Concello de Santiago".

Creación do Consello do Ecobosque

Rozas fixo esta valoración durante a presentación do Consello do Ecobosque, un órgano de participación que quedará constituído o próximo xoves co obxectivo de "garantir a implicación social na restauración e posta en valor do Banquete de Conxo". A súa misión será recoller iniciativas e definir propostas colectivas para a recuperación, uso e posta en valor do río Sar, fundamentalmente no ámbito do Banquete.

O Consello estará integrado por persoas e entidades representativas do ámbito social, ambiental, educativo, cultural e institucional. A tenenta de alcaldesa explicou que "non se trata dun consello de participación ao uso, senón que optamos por unha fórmula menos ríxida de maneira que a súa composición será aberta e poderánse ir incorporando novos membros co obxectivo de garantir a súa diversidade e representatividade". Na primeira xuntanza, Raxoi invitou a participar a representantes de todos os grupos municipais, técnicos de diferentes departamentos do Concello, representantes da Universidade e do ensino medio; de entidades ecoloxistas, de asociciacións veciñais e entidades sociais, e mesmo do ámbito empresarial.

O órgano ten como finalidade promover o coidado e protección do río Sar e do seu ecosistema e, con ese obxectivo, deberá elaborar un informe anual sobre o estado do río, que será encargado a un equipo técnico especializado; un plan de actividades, tamén de carácter anual; e unha campaña centrada nun problema ou reto específico identificado como prioritario polo propio Consello.

A restauración ecolóxica do Sar, eixo prioritario

Rozas explicou que o Consello do EcoBosque botará a andar cun punto de partida claro: o documento de diagnose e propostas elaborado tras o proceso participativo que se veu desenvolvendo nas últimas semanas, con diversas mesas de traballo nas que se implicaron entidades sociais, ambientais, educativas, culturais, veciñais e institucionais.

Nese proceso definíronse as liñas estratéxicas que deberan estruturar a acción no ámbito do río Sar, así como as primeiras propostas concretas a desenvolver se o Consello do EcoBosque así o valida. Deste xeito, o eixo prioritario será a restauración ecolóxica do Sar, ao tempo que tamén se promoverán o uso público do río e a educación ambiental e a sensibilización cidadá.

Nova app do Ecobosque

A tenenta de alcaldesa deu conta tamén da nova aplicación sobre o Ecobosque do río Sar que xa se pode descargar tanto para Ios como para Android, e que está dispoñible tamén en versión web na dirección app.ecobosqueriosar.com.

A aplicación reúne toda a información sobre o proxecto de restauración do ámbito do Banquete de Conxo e das accións xa desenvolvidas ao seu abeiro, pero tamén permite acceder a numerosos recursos sobre as especies de flora e fauna que se atopan no ámbito, con fichas de máis de trinta especies vexetais e de 25 especies animais.

Tracking Pixel Contents