Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

‘Unha tarde con Samuel’

O Monte do Gozo volverá ser o epicentro da loita contra o mal de Duchenne

O cross e a andaina solidaria pola investigación desta enfermidade celebrarase o 25 de abril

Samuel Mata, no centro da imaxe, durante a presentación do evento solidario, este martes en Raxoi

Samuel Mata, no centro da imaxe, durante a presentación do evento solidario, este martes en Raxoi / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manu López

Manu López

Santiago

O Monte do Gozo acollerá o sábado 25 de abril a sexta edición do Cross e da Andaina Solidaria a favor da investigación da distrofia muscular de Duchenne-Becker, enfermidade xenética e dexenerativa que padece o compostelán Samuel Mata. Esta nova edición de ‘Unha tarde con Samuel’ foi presentada no Pazo de Raxoi pola concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, xunto a Samuel Mata, o seu pai Juanma Mata, e representantes da Federación Galega de Atletismo e do Club Atletismo Obradoiro.

A concelleira animou á veciñanza a participar nunha proposta que combina deporte, solidariedade e compromiso social, e destacou "o exemplo de superación de Samuel e da súa familia", así como "o valor do deporte como ferramenta de transformación social". Tamén subliñou que esta proba "está consolidándose como unha cita de referencia no calendario deportivo e solidario da cidade".

Inscrición e doazóns

Segundo explicou Samuel Mata, toda a recadación obtida a través das inscricións, do merchandising, do café solidario e das achegas mediante o dorsal cero destinarase á asociación Duchenne Parent Project España. A actividade está aberta a todas as idades e contará con cinco modalidades, desde a andaina de 2,8 quilómetros e o cross absoluto de 5 quilómetros ata probas adaptadas ás categorías infantís. As inscricións permanecerán abertas ata o 22 de abril na web de Carreiras Galegas, onde se permite tamén facer doazóns.

Juanma Mata, pai de Samuel, animou a disfrutar deste gran día, visibilizar esta enfermidade rara e acompañar. Pola súa parte, Iván Sanmartín trasladou o apoio da Federación Galega de Atletismo, mentres que Amador Pena, en nome do Clube Atletismo Obradoiro, valorou que a proposta ofrece "un circuíto e unha zona espléndida para correr".

A concelleira recomendou acudir en transporte público ou acceder por San Marcos en caso de ir en coche particular, xa que a rúa das Estrelas estará cortada ao tráfico pola coincidencia doutros eventos deportivos.

Apertura do pavillón de Santa Isabel

Por outra banda, Lueiro aproveitou a comparecencia para informar de que desde este mércores xa está dispoñible para o seu uso o pavillón de Santa Isabel despois de rematar as obras. Puntualizou que a apertura será progresiva, xa que, «derivado da obra, hai uns detalles que aínda temos que ir solucionando».

Tracking Pixel Contents