Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Balance da Semana Santa

O PP achaca á "falta de xestión" do goberno local os malos datos turísticos de Santiago

A concelleira María Baleato considera que as políticas do Bipartito "poñen en risco o liderado de Santiago como destino de referencia"

María Baleato, este martes no Pazo de Raxoi acompañada por outros concelleiros do PP de Santiago

María Baleato, este martes no Pazo de Raxoi acompañada por outros concelleiros do PP de Santiago / Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago

A concelleira do Partido Popular de Santiago, María Baleato, compareceu este martes para facer balance da actividade turística na cidade logo de que nos días principais de Semana Santa as cifras de ocupación hoteleira quedaran arredor do 75 % e tras varios meses de tendencia á baixa. Baleato achacou á "falta de xestión" do goberno local os malos datos e considerou que este factor "está a poñer en risco o liderado de Santiago como destino de referencia".

Baleato indicou que desde a chegada do BNG e Compostela Aberta ao goberno en 2023 "instalouse un discurso profundamente negativo arredor do turismo, presentándoo como un problema para a cidade". Segundo explicou, "falouse de saturación, de comportamentos incívicos dos peregrinos e de masificación, convertendo situacións puntuais en normas xerais e xerando unha crispación que nunca existira en Santiago".

"Mensaxe equivocada"

Desta maneira, considera que foi o Bipartito "quen puxo unha diana sobre os turistas desde o primeiro minuto, e agora estamos a pagar as consecuencias". Baleato valorou que as estadísticas inferiores ás de exercicios anteriores non son un problema do sector, senón que se deben a "unha falta de xestión e unha mensaxe equivocada".

A concelleira chamou a aproveitar eventos coma a Semana Santa para atraer "turismo de calidade", ademais de "reforzar a proxección de Santiago e dinamizar a economía local". Baleato tamén secundou a petición da Unión Hotelera Compostela de "reforzar a oferta complementaria, especialmente nos meses de menor demanda, e avanzar con planificación nos preparativos do Xacobeo 2027".

Xestión aeroportuaria

Baleato tamén se pronunciou sobre a situación dos aeroportos galegos ao fío da proposta do Clúster de Turismo de que se especialicen, quedando Lavacolla como referencia en viaxes de ocio, e as terminais de Vigo e A Coruña orientadas ás viaxes de negocios. A concelleira coincidiu cos argumentos do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en que sexa Aena quen se encargue da coordinación porque "as competencias son do goberno estatal".

Ademais, preferiu non entrar en "polémicas artificiais" despois do cruce de declaracións entre o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a concelleira responsable desta área en Santiago, Míriam Louzao. O que si reprochou a Raxoi foi o "escurantismo" á hora de informar sobre as cifras que o goberno destinou á aeroliña Ryanair.

Tracking Pixel Contents