Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os socialistas denuncian "parálise e falta de transparencia"

Que pasa coa xestión dos aparcadoiros de praza de Galicia e praza de Vigo de Santiago?

O grupo municipal socialista denuncia que a comisión de estudo “non se volveu reunir nin unha soa vez” desde a súa creación en abril de 2025, sen que se coñezan avances no asunto

Entrada do parking de praza de Galicia en Santiago.

Entrada do parking de praza de Galicia en Santiago. / Jesús Prieto

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

O Concello de Santiago decidiu en febreiro de 2025 constituír una comisión de estudio para analizar a forma "máis sostible e eficiente" de xestionar os aparcadoiros de praza de Galicia e da praza de Vigo. No caso do de praza de Galicia, estivo en réxime de concesión ata o 30 de xuño do ano pasado, mentres que o de praza de Vigo, remata a súa concesión en outubro deste ano. Tal e como manifestara no seu día o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, a xestión directa permitiría adoptar medidas que favoreceran aos residentes e ao comercio. Sen embargo, polo de agora non se teñen producido avances, unha situación que o grupo municipal socialista vén de denunciar falando dunha situación de “parálise e falta de transparencia que evidencia a falta de planificación do Goberno municipal", cando xa pasou case un ano desde a constitución da comisión de estudo sen que existan resultados visibles.

Marta Abal, nunha rolda de prensa este mércores en Raxoi, acompañada de Sindo Guinarte, lembrou que a comisión, creada o 25 de abril de 2025, tiña como obxectivo analizar o modelo máis axeitado de xestión unha vez finalizadas as concesións e establecía un réxime de sesións trimestrais. Porén, advertiu de que “non se volveu reunir nin unha soa vez”, malia que debía facelo en xullo e outubro de 2025 e en xaneiro de 2026, incumprindo así o funcionamento acordado.

A concelleira socialista denunciou tamén a falta de información sobre a contratación dunha consultaría externa para analizar as alternativas de xestión. “O Goberno municipal non deu conta das empresas ás que solicitou orzamento nin das seleccionadas”, sinalou, e advertiu de que “tampouco informou do contrato menor formalizado en xuño de 2025, cun prazo de execución de dous meses, cuxo resultado segue sen coñecerse”. Neste sentido, subliñou que esta situación “supón un incumprimento claro dos acordos adoptados na comisión”.

Abal puxo o foco nas previsións recollidas no proxecto de orzamentos municipais, que contemplan arredor de 700.000 euros de ingresos vinculados a estes aparcadoiros. “Son previsións que non teñen respaldo real”, advertiu, xa que “non se especifica cando comezarían a xerarse eses ingresos nin se contemplan os custos necesarios para prestar o servizo”, lembrando que o propio informe económico-financeiro xa cuestiona estas previsións.

Así, Abal subliñou que o orzamento non inclúe gastos de persoal, mantemento, investimentos nin tampouco previsións no caso de que a xestión se encomende á empresa pública TUSSA. “Non hai modelo de xestión definido, pero si ingresos previstos”, resumiu, nun exemplo claro de "improvisación" na xestión destes aparcadoiros.

Abal pon en valor o potencial do parking da praza de Vigo "para apoiar e dinamizar o comercio da zona"

Sobre o de praza de Vigo, Abal lembrou que se trata dun dos aparcadoiros “máis caros de Santiago”, en particular nas estancias curtas, malia a súa localización estratéxica no Ensanche, e subliñou o seu potencial “para apoiar e dinamizar o comercio da zona”. Ademais, advertiu do risco de que esta praza “acabe nunha situación precaria como a xa vivida na Praza de Galicia”.

Por todo isto, o grupo municipal socialista esixiu a convocatoria urxente da comisión de estudo para que o Goberno municipal “dea conta dos avances realizados, presente os resultados dos estudos encargados e defina con claridade o modelo de xestión”. “Estamos ante unha oportunidade clave para mellorar un servizo importante para a cidade e para dinamizar o comercio, pero o que hai hoxe é falta de planificación, de transparencia e de decisións, nun momento no que o Goberno debería estar dando solucións e non xerando máis incerteza”, concluíu.

Tracking Pixel Contents