Reaccións ás críticas de Ferusa
Raxoi apela ao longo prazo para mellorar o rural: a oposición ve un «abandono»
O goberno reivindica a súa xestión e o investimento realizado
PP e PSOE denuncian «desleixo» e «falta de compromiso»

Parroquia de Marantes, unha das zonas rurais de Santiago / Antonio Hernández

As críticas da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (Ferusa) ao goberno local por estar incumprindo o Pacto polo Rural a través das páxinas deste diario tiveron este martes unha ampla repercusión entre os grupos da Corporación municipal. Desde o executivo apelaron a que as medidas que recolle o pacto teñen vixencia ata o ano 2030 e defenderon a xestión realizada ata agora, mentres que o PP fala de «abandono» e o PSOE de «falta de compromiso».
A concelleira responsable da área de Rural, Pilar Lueiro, manifestou que «estamos fortemente comprometidos» co pacto, pero lembrou que «non remata neste mandato, ten vixencia ata 2030». Lueiro remarcou que ese compromiso vese reflexado en que «ampliamos os servizos, afondamos na información e na participación, activamos o mantemento e aumentamos o investimento, superando o pactado e a media no conxunto do territorio». Nesta liña, destacou que o «o déficit de infraestruturas e servizos é histórico, mais foise revertendo nos últimos anos».
Pilar Lueiro fixo alusión tamén a que «o investimento por habitante é moito máis alto no rural ca no urbano». Desta maneira, incidiu en que no 2025, o seu departamento «executou directamente o 1,75% do orzamento municipal e comprometeu gasto por case 5 millóns de euros», enumerando algunhas das actuacións realizadas e outras que están en marcha.
Rozas defende o «esforzo realizado»
A tenenta de alcaldesa, María Rozas, tamén aludiu a que «existe unha débeda histórica innegable de moitísimos anos de abandono», que non se vai resolver «dun día para outro». Rozas reivindicou o «esforzo» realizado no mandato de Compostela Aberta entre 2015 e 2019 e declarou que «o obxectivo é mantelo no tempo». Na mesma liña que Lueiro, defendeu os investimentos realizados e engadiu que «entendo o sentimento de veciños e veciñas do rural que ven que teñen unha situación onde aínda non teñen saneamento ou abastecemento, ou aínda non teñen determinados servizos, pero o obxectivo deste goberno é ir resolvendo esa débeda histórica».
O PP critica o «desleixo»
Os grupos da oposición, pola súa banda, censuraron a xestión do Bipartito neste ámbito. A concelleira do PP María Baleato estimou que «o estado do rural, pero tamén de toda a cidade, é lamentable». «Non entendemos que fixeron nestes tres anos, porque está claro que xestionar os problemas diarios de Santiago non. Levamos tres anos denunciando o total abandono do rural e o desleixo do goberno do BNG e Compostela Aberta», afirmou, engadindo que «a única política que vimos son anuncios baleiros e grandes titulares».
O PSOE reclama un cambio de rumbo
Desde as filas do PSOE pronunciouse a concelleira Marta Abal, quen acusou ao goberno local de «falta de compromiso». Abal puxo o foco na falta de investimento en servizos básicos e destacou que «só 70 dos 215 núcleos rurais contan con saneamento e abastecemento», o que evidencia, ao seu xuízo, «unha desigualdade inaceptable entre o rural e o urbano». Desta maneira, esixiu a Raxoi un cambio de rumbo e reclamou «un compromiso real coa transformación do rural», baseado en medidas concretas, con planificación e prazos definidos na liña da demanda expresada por Ferusa.
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”
- Una panadería de Santiago se cuela entre las mejores de España: 'Empecé vendiendo hamburguesas en Venezuela
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi