O plan para a transformación do Conector Central de Santiago xa ten cinco finalistas
As propostas que pasan á segunda fase manteñen o seu anonimato
Terán catro meses para desenvolver as ideas a nivel anteproxecto

Un tramo de Virxe da Cerca, a rúa principal das que forman o conector central de Santiago / Jesús Prieto
O concurso de ideas para a transformación do Conector Central da cidade segue adiante despois da elección das cinco propostas para a segunda fase. O xurado conformado por nove profesionais avaliou máis dunha vintena de ideas de intervención neste ámbito urbano de 46.000 metros cadrados entre San Clemente e Santa Clara, que constituirá unha das grandes arterias de comunicación do tecido urbano compostelán.
Nesta primeira fase, o xurado escolleu cinco propostas, que manteñen o seu anonimato e das que só se coñece o lema. Agora deberán desenvolverse ata o nivel de anteproxecto para se someteren posteriormente a unha segunda avaliación, da que sairá a proposta final.
O xurado, indicaron dende Raxoi, valorou aspectos como que se incluíse a análise dos pavimentos do ámbito e as propostas para novos pavimentos; que as propostas sexan realistas e executables; ou a incorporación de elementos de renaturalización. No caso das recomendacións, o xurado estima que deben desenvolverse máis as cuestións relativas á mobilidade nalgunhas das propostas que pasan a esta segunda fase.
Tras esta primeira fase, as cinco finalistas terán un prazo de catro meses contados a partir da publicación do anuncio no perfil de contratación para desenvolver as ideas a nivel anteproxecto. Por este traballo, o proxecto gañador recibirá unha compensación económica de 50.000 euros e as catro restantes, 30.000 € en concepto de accésit do concurso.
«Este concurso internacional de ideas permitirá avanzar cara a un modelo urbano centrado na calidade de vida. Ademais de ser un conector lonxitudinal entre o norte e o sur da cidade flanqueado por grandes equipamentos públicos e privados, o ámbito obxecto deste concurso conecta tamén transversalmente o antigo recinto intramuros (a améndoa) con outros barrios históricos (como San Pedro ou Sar) e tamén co Ensanche», describiron este mércores dende o goberno local.
Engaden que a transformación do Conector Central «permitirá superar o seu carácter de atallo para vehículos particulares que atravesan a cidade». Ademais, a eliminación do tráfico superfluo permitirá gañar espazos de uso peonil.
«Porén, o Conector Central vai moito máis alá da mobilidade. Preténdese mellorar a xestión do ciclo da auga mediante a introdución de sistemas de drenaxe e pavimentos permeables ante o cambio climático; crear unha infraestrutura verde para a mellora do ambiente urbano e a calidade do aire; e mellorar estética e funcionalmente os pavimentos e mais o mobiliario urbano», detallaron dende Raxoi.
- Un centenar de personas recorren la ruta que seguirán los tráileres para evitar el transporte y procesado de inertes en Teo
- Renfe suspende nueve trenes en Santiago este lunes por falta de maquinistas
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Las entradas de O Son do Camiño no vuelan tan rápido como hace un año
- Una discoteca gallega se cuela entre las mejores del mundo: 'El local insignia de Galicia
- El retraso del cuartel de As Cancelas se agrava cuatro meses después del primer incumplimiento
- Buena comida y gran ambiente en la primera Festa da Caza de Trazo
- Crónica social compostelana | Comida de confraternidad de la promoción del curso 1966-67 del Colegio La Salle