Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Comeza a tramitación para acceder aos programas de conciliación de verán en Santiago

Os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos poden optar a unha praza en Compostela Concilia, Vacaludos ou nos Obradoiros das Escolas Infantís Municipais

Unha nai embarazada xoga cos seus dous fillos nun parque de Santiago.

Unha nai embarazada xoga cos seus dous fillos nun parque de Santiago. / Xoán Álvarez

L.R.

Santiago

Co obxectivo de favorecer a conciliación das familias durante as vindeiras vacacións de verán, o Concello de Santiago, a través do Departamento de Educación, organiza os programas Compostela Concilia, Vacaludos e Obradoiros das Escolas Infantís Municipais (EIM). Para poder participar en calqueira dos tres, o único requisito é estar empadroado no Concello ou ben cursar estudos en centros de educación infantil e primaria desta cidade.

O programa Compostela Concilia desenvólvese en dous colexios de educación infantil e primaria (CEIP) e intercala actividades lúdicas, artísticas, deportivas, xogos e obradoiros dirixidas a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Ofrécense seis quendas que van dende o 22 de xuño ao 7 de setembro.

Vacaludos tamén ofrece seis quendas para rapazada de 3 a 12 anos, neste caso con actividades de balde no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas).

Os Obradoiros das EIM teñen lugar nas escolas infantís municipais (Conxo, Fontiñas e Meixonfrío- Salgueiriños) nos meses de xullo e agosto. Esta proposta lúdica e de calidade diríxese a nenos e nenas de 3 a 8 anos. 

Prazos a ter en conta para realizar a solicitude

As familias que desexen beneficiarse do Compostela Concilia deben tramitar a alta no programa antes do luns 27 de abril. Poden realizar esta xestión na sede electrónica municipal a través do trámite Alta no programa municipal de conciliación do departamento de Educación "Compostela Concilia" . Tamén pode tramitarse de xeito presencial no rexistro xeral do Concello de Santiago de Compostela, ou mediante as demais formas previstas no artigo 16.4 LPAC.

O mesmo procedemento hai que seguir para gozar de Vacaludos, neste caso a través do trámite electrónico Solicitude de alta no espazo educativo e de lecer Maria Miramontes ou ben presencialmente no rexistro xeral do Concello.

Unha vez tramitada a alta, as persoas interesadas poderán solicitar praza en calquera destes dous programas dende o 27 de abril ata o 4 de maio.

No caso dos Obradoiros das EIM, actualmente está aberto o prazo de presentación de solicitudes para as nenas e nenos que están xa matriculados neste curso escolar 2025-2026, así como os fillos e fillas das persoas traballadoras das EIM, que poderán presentar a solicitude ata o 15 de abril. 

O 20 de abril publicaranse as prazas vacantes nos Obradoiros e o prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso estará aberto do 27 de abril ao 4 de maio. O prazo de solicitude para os obradoiros do curso 2026/2027 é o mesmo que o dos obradoiros de verán 2026.

Prazas dispoñibles e horarios

O programa Compostela Concilia oferta 90 prazas nas quendas de agosto e 195 prazas nas quendas restantes. Ademais, resérvase un 3% adicional de prazas para nenos e nenas con necesidades específicas de apoio. 

O horario das actividades de Compostela Concilia é de 9.00 a 14.00 horas, mais é posible estendelo dende as 7.45 ata as 16.00 horas se se opta polo servizos de madrugadores con almorzo e de comedor. Ten un prezo de 4 euros por día. Adicionalmente, o almorzo custa 1,50 euros e o comedor 3,50 euros. O Concello ofrece reducións do 50% e exencións deste custo a familias con escasos recursos. 

Vacaludos é de balde e dispón dun total de 73 prazas e oferta 20 prazas de 2 a 3 anos, 30 prazas de 4 a 6 e 23 prazas de 7 a 12 anos, en cada quenda. 

Os Obradoiros das EIM desenvólvese en xullo e agosto o mes completo agás sábados, domingos e festivos, con 15 prazas para cada escola. No mes de xullo os obradoiros terán lugar nas tres escolas infantís municipais, mentres que en agosto serán na IEM das Fontiñas. O horario da actividade nas escolas infantís é de 10.00 a 14.00 horas, coa posibilidade de solicitar servizo de almorzo (de 7.30 a 9.00 horas), de comedor (de 14.00 a 15.00 horas) e horas a maiores (entre as 9.00 e as 10.00 e entre as 15.00 e as 16 horas).

Tracking Pixel Contents