Presión asistencial en Santiago
O BNG urxe un novo centro de saúde no Restollal para aliviar a saturación sanitaria no de Concepción Arenal
A deputada Saleta Chao defende no Parlamento unha "vella demanda veciñal" para a cal a Xunta de Galicia non ten contemplada ningunha partida nos orzamentos de 2026

O BNG urxe a creación dun centro de saúde na zona do Restollal para desconxestionar Concepción Arenal. / D.S.
L.R.
Co obxectivo de aliviar a presión asistencial no centro de saúde de Concepción Arenal, o BNG leva ao Parlamento a construción dun novo equipamento sanitario na zona do Restollal, un aspecto que non está contemplado nas partidas dos orzamentos da Xunta deste ano 2026.
A deputada nacionalista por Santiago, Saleta Chao, argumenta a necesidade de dotar deste recurso á zona sueste da cidade porque se trata dunha zona que "medrou moito ao longo das últimas décadas", principalmente arredor do Restollal e do Castiñeiriño.
"A día de hoxe, as persoas enfermas que viven nesta área aínda teñen que desprazarse ao centro de saúde Concepción Arenal, que tamén é referencia para as parroquias do Eixo e de Marrozos", aclara. É por iso que o BNG urxe á Xunta atender esta demanda, que, tal e como sinala Chao, “xa vén de vello”, non só para prestar atención sanitaria na contorna de proximidade, senón tamén para desconxestionar Concepción Arenal.
Dende o Bloque recordan que esta iniciativa non reponde só a unha demanda da veciñanza, tamén da administración local compostelá, que aprobou na súa sesión plenaria do 26 de marzo unha moción para que a Xunta desenvolva os estudos previos e reserve crédito para 2027 para a redacción do proxecto de construción do centro, ao tempo que traballe en colaboración co Concello de Santiago para estudar a localización máis axeitada para o novo equipamento sanitario.
Xa no ano 2023, cando se presentaba como candidato á alcaldía de Santiago, o líder do PP Borja Verea prometía a construción dun novo ambulatorio na rúa Isidro Parga Pondal que ofrecería servizo a 7.000 veciños do barrio de O Castiñeiriño. Segundo a súa proposta, este novo centro de saúde contaría con seis consultas médicas, outras seis de enfermería e unha de pediatría.
O PSdeG pide a rehabilitación integral deste centro de saúde
Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG en Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, reclamou nos últimos días a rehabilitación integral do centro de saúde de Concepción Arenal e denunciou a situación de “abandono” da sanidade pública na cidade por parte da Xunta de Galicia.
Segundo Bouza, o Concepción Arenal “precisa dunha rehabilitación integral de maneira urxente”, ao non reunir as condicións axeitadas para prestar unha atención sanitaria de calidade.
Así, o deputado socialista anunciou que levará de novo esta cuestión ao Parlamento a través dunha batería de iniciativas, co obxectivo de “obrigar á Xunta a posicionarse e asumir responsabilidades”. O PSdeG tamén reclamará unha partida específica nos orzamentos de 2026 para acometer esta actuación e garantir que o centro conte “coas condicións óptimas para atender a cidadanía”.
- Santiago estrena terraza secreta: un oasis de paz junto al río Sarela para desconectar al atardecer
- Dos bloques, 18 viviendas y una fachada acristalada: así será un nuevo edificio del centro de Santiago
- Primer AVE ‘directo’ de Santiago a Madrid sin paradas intermedias en Castilla y León
- Luto en el CHUS y en la Universidad de Santiago por la muerte de la conocida doctora Chelo Astorgano
- Los dueños de fincas en el Ensanche Norte pueden renunciar a la expropiación a cambio de participar en el desarrollo urbanístico de la zona
- Cincuenta estudiantes son reconocidos por su esfuerzo académico en la residencia Almirante Martorell de Santiago
- Siete operarios y una semana de trabajo para montar la noria de la Ascensión en Santiago: 'Es una de las más grandes de Europa
- Santiago reconstruida en digital: la ciudad que vuelve a existir en 3D