Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PP de Santiago denuncia a falta de saneamento en vivendas do rural compostelán

O concelleiro José Ramón de la Fuente, lamenta que, a pesar dos acordos plenarios, a licitación non inclúa todos os núcleos das parroquias de Sabugueira, A Peregrina e San Xoán de Fecha

Casas do rural de Santiago.

Casas do rural de Santiago. / Antonio Hernández

L.R.

Santiago

A falta saneamento en varias vivendas das parroquias compostelás de Sabugueira, A Peregrina e San Xoán de Fecha é obxecto de crítica do concelleiro do PP de Santiago, José Ramón de la Fuente, quen a relaciona cunha "evidente falta de respecto aos acordos plenarios e a ausencia de diálogo do goberno de BNG e CA coa veciñanza”.

O popular explicou que, na Xunta de Goberno celebrada en decembro de 2025, "xa se aprobou a licitación das obras de saneamento e da rede de abastecemento de auga en ditas parroquias"; e a maiores, veciñas e veciños "levan meses reclamando a inclusión das súas vivendas, que carecen de servizos básicos, neste proxecto, sobre todo, tendo en conta que as actuacións previstas se levarán a cabo a escasos metros dos seus fogares”.

De la Fuente sinalou que os afectados solicitaron distintas reunións co goberno nacionalista a través de diferentes canles, pero “a resposta foi o silencio, algo que é totalmente inadmisible, sobre todo, ante peticións completamente racionais e necesarias”.

Lembrou, tamén, que no Pleno de xullo de 2025 o PP de Santiago presentou unha moción na que se debatía a inclusión das vivendas situadas fóra do anteproxecto, independentemente das características urbanísticas do solo, e dita iniciativa foi aprobada coa abstención do BNG e de CA.

“Nós estamos cansos de esixir ao BNG e CA que os acordos plenarios están para cumprirse -destacou o popular-, de xeito especial, no marco do pacto polo rural, posto que Santiago ten unha débeda histórica co rural compostelán”. Defendeu, novamente, “a necesidade de impulsar investimentos na capital de Galicia que garantan servizos básicos dignos do século XXI”.

De la Fuente: "Arredor do 40% do rural continúa sen subministración de auga corrente"

José Ramón de la Fuente advertiu de que “arredor do 40 % do rural continúa sen subministración de auga corrente” e criticou que, “mentres a alcaldesa reflexiona “sine die” sobre o futuro modelo do contrato da auga e que moita veciñanza sigan dependendo de pozos”.

Finalmente, instou ao goberno de BNG e CA a realizar os trámites necesarios para incorporar as vivendas afectadas ao proxecto inicial e a abrir un proceso de diálogo cos residentes para informalos da situación e das decisións adoptadas. “Non hai planificación, non hai escoita nin preocupación por parte do equipo municipal”, concluíu.

Tracking Pixel Contents