Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Promoción aeroportuaria

Sanmartín aféalle á Xunta falta de colaboración na conectividade aérea

A alcaldesa asegura que se enterou dos plans da Administración autonómica pola prensa e ofrece a cooperación do Concello para «sumar recursos»

Sanmartín aposta porque a Xunta lidere «da man dos concellos» a promoción aeroportuaria galega

Sanmartín aposta porque a Xunta lidere «da man dos concellos» a promoción aeroportuaria galega / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este venres en rolda de prensa para responder «á proposta da Xunta sobre a coordinación aeroportuaria, que coñecemos pola prensa». A rexedora puxo en valor a achega do Concello de Santiago (1.180.000 euros) fronte ao anunciado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que falaba estes días de 600.000 euros para «repartir» entre os tres aeroportos.

Como xa fixo días atrás a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, Sanmartín pediu unha vez máis que sexa a Administración autonómica a que «lidere da man dos concellos» a coordinación aeroportuaria e a captación de novas rutas apelando «ao interese xeral e non localista» ao tempo que desmentiu que non haxa entendemento senón competencia entre as tres cidades con aeroporto (Compostela, A Coruña e Vigo). «Non existe guerra entre os concellos, todos reclamamos o mesmo», asegurou Goretti Sanmartín para recalcar que a necesidade é que «a Xunta se poña á fronte».

«Queremos que Galicia, coa Xunta á cabeza, con toda a súa capacidade económica e cos recursos que xa dedicamos os concellos, poida competir cos aeroportos que están restándolle conexións ao noso país», manifestou Sanmartín ao tempo que chamou a «traballar en positivo» na coordinación dos aeroportos e a conectividade. A alcaldesa lembrou que na actualidade Santiago «está traballando en solitario na captación de rutas sen ningunha colaboración da Xunta, e afirmou que o Concello está disposto a ceder ese papel, de maneira xenerosa, transparente e sincera, cun acordo no que todas as partes se comprometan a non competir entre si e a achegar a súa capacidade».

A rexedora tamén fixo referencia á proposta do Clúster do Turismo, que apelaba á Xunta de Galicia para a especialización dos tres aeroportos en voos comerciais e turísticos. Pese a defender que Santiago non é só destino turístico, Sanmartín recolleu a proposta do clúster aínda que sen profundizar «ao non coñecela» en detalle e afirmou que «demostra interese e coloca o foco na necesidade da coordinación». «A nós parécenos máis interesante, en principio, diversificar destinos, mais pensamos que antes de xulgala conviría coñecela», argumentou.

Santiago «desconectado»

A alcaldesa Sanmartín asegurou que o líder da oposición en Raxoi, o popular Borja Verea, «ten un problema coa verdade» e defendeu o modelo de «turismo sostible» do goberno bipartito. Fronte ás súas palabras, o voceiro do PP de Santiago asegurou nun comunicado de prensa que «o problema non é o que di agora, senón o que leva facendo tres anos». E asegurou que a rexedora «ten o que quería, un Santiago cada vez máis illado».

O líder do PP insistiu en que o goberno de BNG e Compostela Aberta «leva tempo poñendo en cuestión o turismo e lanzando mensaxes negativas sobre a cidade». «Ninguén entende que quen leva anos falando de que hai demasiado turismo, de que o visitante é un problema, veña agora dar leccións de como atraer rutas aéreas». Mentres, a alcaldesa segue a afearlle ao voceiro popular a súa actuación en Fitur –Feira Internacional de Turismo–, onde criticaba que o Bipartito «quere turismo de congresos pero a situación dos taxis é lamentable», asegurando que falan en negativo da capital galega.

Tracking Pixel Contents