Borja Verea acusa ao goberno de Sanmartín de “abandono" do rural de Santiago
O popular mantivo un encontro esta fin de semana con veciños de Berdía e Busto para escoitar as súas demandas e preocupacións

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, reunido con veciños e veciñas das parroquias de Berdía e Busto. / PP de Santiago
L.R.
O líder do PP de Santiago, Borja Verea, fai un balance da situación do rural asegurando que “a realidade desminte completamente o relato triunfalista dun goberno que leva tres anos sen dar solución aos problemas estruturais das parroquias”.
Esta fin de semana mantivo un encontro cos veciños de Berdía e de Busto, escoitando de primeira man as súas demandas e preocupacións. Recentemente a veciñanza de Busto chegou a valorar a súa segregación da capital galega para formar parte do municipio de Trazo, algo que finalmente descartaron tras o compromiso de Goretti Sanmartín de ampliar o servizo de autobús urbano ata a parroquia.
"O que trasladan está moi lonxe dese relato idílico que pretende vender o goberno” dixo, ao que engadiu: “Falamos de problemas reais, do día a día, que seguen sen resposta”. Así, sinalou ademais que “dicir que se está a cumprir e mesmo superando o Pacto polo Rural é, directamente, faltar á verdade”.
Verea incidiu en que “o rural segue sufrindo un abandono evidente no día a día, que non se tapa con anuncios nin con discursos repetidos”, e puxo exemplos claros: “problemas de transporte que seguen sen resolverse, deficiencias en limpeza, iluminación, mantemento de viarios ou saneamento que continúan sen atenderse con eficacia”. “Os veciños non viven de promesas, viven da realidade que atopan cada día nas súas parroquias”, subliñou.
"As asociacións do rural seguen enviando as mesmas queixas tres anos despois"
En relación ás afirmacións do goberno sobre o investimento e os avances, Verea foi contundente: “se todo está tan ben como din, por que as asociacións do rural seguen denunciando o total abandono por parte desde goberno de BNG e CA? Por que seguen enviando as mesmas queixas tres anos despois? Precisamente porque non se lles está dando resposta”. Neste sentido, ironizou co argumento do executivo local: “din que a veciñanza lles escribe porque toman nota; todos sabemos que lles escribe porque non lles fan caso”.
Ademais, cuestionou o alcance real das medidas anunciadas: “levar tres anos falando dun novo modelo de transporte que aínda non é unha realidade non é avanzar, é chegar tarde; anunciar cambios urbanísticos sen resultados visibles non é transformar o rural; e presumir de investimentos mentres hai parroquias con servizos básicos incompletos é unha falta de respecto”.
Verea tamén puxo o foco no que considera o principal problema: “non hai planificación nin modelo para o rural. Hai improvisación, titulares e anuncios que despois non se traducen en melloras reais”. E engadiu: “o rural de Santiago non necesita escusas nin comparacións co pasado, necesita un goberno que xestione”.
Finalmente, o líder popular reclamou “menos autocompracencia e máis traballo” ao executivo local: “recoñecer que hai un atraso histórico está ben, pero tres anos despois xa non valen as desculpas. É o momento de cumprir, de executar e de dar resultados. E iso, a día de hoxe, non está a pasar”.
- Santiago estrena terraza secreta: un oasis de paz junto al río Sarela para desconectar al atardecer
- Dos bloques, 18 viviendas y una fachada acristalada: así será un nuevo edificio del centro de Santiago
- Primer AVE ‘directo’ de Santiago a Madrid sin paradas intermedias en Castilla y León
- Luto en el CHUS y en la Universidad de Santiago por la muerte de la conocida doctora Chelo Astorgano
- Los dueños de fincas en el Ensanche Norte pueden renunciar a la expropiación a cambio de participar en el desarrollo urbanístico de la zona
- Cincuenta estudiantes son reconocidos por su esfuerzo académico en la residencia Almirante Martorell de Santiago
- Siete operarios y una semana de trabajo para montar la noria de la Ascensión en Santiago: 'Es una de las más grandes de Europa
- Santiago reconstruida en digital: la ciudad que vuelve a existir en 3D