Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Contratación municipal

Raxoi licita a redacción do plan para conectar Lavacolla á rede de abastecemento

Proyfe é a adxudicataria dun contrato de máis de 56.000 euros para unha obra de máis de 960.000

Proveranse de toldos téxtiles os parques infantís de Fontiñas

A concelleira portavoz do goberno, Míriam Louzao

A concelleira portavoz do goberno, Míriam Louzao / cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Proyfe é a empresa adxudicataria da redacción do proxecto para construír a conexión de Lavacolla á rede xeral de abastecemento municipal. Un proxecto cun custo de 56.435 euros (IVE incluído) que o goberno local de Santiago insire dentro dos seus compromisos do Pacto polo Rural.

«Trátase dun proxecto estratéxico porque permitirá dotar da presión e do caudal necesario un sector da rede, condición indispensable para continuar ampliando o servizo novas zonas e vivendas», destacou a voceira do goberno, a edil Míriam Louzao, que explicou que se van proxectar oito quilómetros de tubaxes, cun orzamento de execución previsto de 961.560 euros.

O abastecemento de auga potable nos lugares situados a carón da antiga estrada nacional N-634 e da estrada municipal Mourentán-Costa subminístrase na actualidade dende o Concello de Boqueixón, a través dunha conexión situada nas inmediacións do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro regulada mediante un convenio entre ambos os concellos.

Actualmente, esta configuración hidráulica e administrativa e as condicións técnicas de presión e caudal «non permiten asumir adecuadamente as novas demandas, especialmente as que proceden de puntos elevados, como é o caso de Vilamaior ou Neiro».

Parques infantís

A xunta de goberno aprobou tamén este luns o expediente para licitar a subministración, instalación e mantemento de cubertas téxtiles para os parques infantís das Fontiñas (rúa de Berna coa rúa de Lisboa) e da praza da Constitución. O contrato conta cun importe de 397.407,87 euros.

A concelleira Míriam Louzao sinalou que o prazo de execución é de cinco meses. «Trátase dun proxecto moi demandando e moi necesario», detallou a edil para especificar que se trata de instalar cubertas de estrutura metálica e formadas por unha membrana de alta resistencia «en cor branca translucida» e que os materiais terán que ser eficaces fronte á incidencia da radiación solar, impermeables, resistentes ao vento e ignífugos.

Tracking Pixel Contents