Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Obras patrimoniais

Borja Verea denuncia que a «inacción» do goberno local degrada Bonaval

Dende Raxoi asegúrase que dende este mércores comeza o levantamento topográfico da zona e o líder do PP critica que pasaran dous meses sen reparación

A reparación do muro do cemiterio de Bonaval dá comezo

A reparación do muro do cemiterio de Bonaval dá comezo / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O líder da oposición no Pazo de Raxoi, Borja Verea (Partido Popular), compareceu este martes en rolda de prensa para criticar a "inacción, a desidica e a falta de resposta" do goberno local ante o derrubamento, a mediados de febreiro, dun dos muros do cemiterio de Bonaval. Para Verea esta é "a imaxe máis clara da xestión de Sanmartín á fronte do Concello".

Para o voceiro popular a alcaldesa de Santiago está "desconectada da cidade" e non comprende que para calquera santiagués "Bonaval non é un parque é máis, é un símbolo" pero a "inacción, a desidia e a falta de resposta" do goberno bipartido estano a converter nunha "zona degradada". O que para Verea simboliza "unha maneira de gobernar onde as prioridades non están claras".

O popular destacou que o Parque de Bonaval é "ao cen por cen titularidade, propiedade do Concello" de Santiago polo que é Raxoi quen tivo dous meses para acometer a rehabilitación do muro e suxeriu que non se lle pode botar a culpa á Xunta apuntando que a Administración autonómica é titular da muralla romana de Lugo, que tamén padeceu un desprendemento en datas próximas ao de Bonaval e "a día de hoxe a muralla está rehabilitada", recalcou.

Verea criticou unha vez máis a indolencia do goberno bipartito nun parque que asegura é "un símbolo" de Compostela e esixiulle á alcaldesa Goretti Sanmartín que explicase por que dous meses despois a reparación do muro do cemiterio de Bonaval "non foi unha prioridade dende o minuto un".

As respostas de Raxoi

Dende o goberno local trasladouselle á prensa a contratación do servizo para a redacción do Estudo de patoloxías e inestabilidade estrutural do muro do Parque de Bonaval, resultando adxudicataria a empresa Eptisa, Servicios de Ingeniería, S.L. Unha concesionaria que vai comezar este mesmo mércores os estudos topográficos, aínda que inicialmente estaba previsto o comezo das actuacións para a vindeira semana.

Segundo informan dende Raxoi o contrato con Eptisa ten por obxecto "determinar con rigor as causas do derrubamento, avaliar a estabilidade do resto do muro e definir criterios técnicos e alternativas para a súa reparación".

Unha vez realizado o levantamento topográfico "detallado" que agora comeza levarase a cabo unha "monitorización de movementos e unha campaña xeotécnica" para realizar unha análise estrutural do muro da que emanen unhas solucións técnicas e unha estimación económica do custo da obra.

Raxoi prevé un prazo de execución para estes traballos de tres meses. "A solución definitiva a adoptar será determinada a partir dos resultados técnicos obtidos", explican dende o goberno local, "e deberá axustarse aos criterios que establezan os órganos competentes en materia de patrimonio, en particular a Comisión Asesora de Patrimonio Cultural, dada a condición do ámbito como Ben de Interese Cultural (BIC)".

Unha condición, a de BIC, que tamén puxo no foco o líder do Partido Popular de Santiago para denunciar que "durante dous meses non se fixo nada". Dende Raxoi aseguran que por este carácter de ben patrimonial se está a estudar a colaboración do Consorcio de Santiago.

Tracking Pixel Contents