Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Barrio Verde da Pontepedriña

As obras de Amor Ruibal achéganse á súa fin: estarán listas "a finais de maio ou comezos de xuño"

A transformación da zona concédelle máis espazo aos peóns reducindo a dous os carrís de circulación e implantando maior número de áreas verdes con especies arbóreas e arbustivas autóctonas

A alcaldesa e o concelleiro de Obras visitaron cos técnicos as obras de Amor Ruibal.

A alcaldesa e o concelleiro de Obras visitaron cos técnicos as obras de Amor Ruibal. / cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

As obras do Barrio Verde da Pontepedriña afrontan a súa última fase e o Concello de Santiago prevé que a rúa Amor Ruibal poida estar rematada "a finais de maio ou comezos de xuño". Falaba así a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, que na mañá deste mércores visitou a zona acompañada polos técnicos e polo concelleiro de Obras, Xesús Domínguez.

Unhas actuacións que tiñan un prazo de execución de 7 meses, polo que deberían estar rematadas en febreiro, como aseguraba a comezos de ano o edil Xesús Domínguez, e que parece que agora si están próximas á súa finalización.

O novo espazo concédelle prioridade ao peón deixando dous carrís para a circulación de vehículos e ampliando as beirarrúas, ademais de incluír dous carrís bici e un maior número de espazos verdes con arbustos e árbores autóctonas, que ademais de humanizar o espazo urbano van permitir, a través desta nova "canle vexetal" que o propio solo drene a auga de chuvia. Unha drenaxe que se ve reforzada coa utilización de materiais permeables no chan, en lugar de impermeables.

"Estes carris que eliminamos", explicaba a alcaldesa Sanmartín "reutilizámolos para recoller a agua da chuvia e filtrala". Desta maneira, como contaron os técnicos da obra o propio chan canalizará a escorrentía cara ao parque Eugenio Granell onde se colocará "unha balsa de biorremediación" que filtrará a auga recollida e se canalizará despois ao río.

A redución dos carrís de circulación de vehículos de catro a dous deixa espazo en Amor Ruibal para a construción de dous carrís bici pero tamén un maior espazo para o tránsito peonil, con beirarrúas máis anchas e tamén con "zonas de estancia, para humanizar, e tendo en conta as necesidades da comunidade educativa, creando prazas, espazos que poidan servir para socializar", ao tempo que "se intenta loitar contra a situación de emerxencia climática" do planeta.

Tamén se actuou no corredor que conecta Amor Ruibal co parque Granell.

Tamén se actuou no corredor que conecta Amor Ruibal co parque Granell. / cedida

Proxecto piloto

"Cremos que esta é unha fórmula, un modelo que ademais se fixo seguindo as recomendacións do Ibader (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) da Universidade de Santiago, que pode servir de proba piloto para outros lugares", aclarou. "Temos unha intervención moi completa, moi importante, porque supón unha mudanza de paradigma e outro modelo de facer obras", afirmou a alcaldesa, en referencia a primar que o chan filtre a auga da chuvia e que esta tamén se recupere para o río.

Sanmartín defendeu a importancia da obra, de 1,8 millóns de euros, "que entendemos que pode ser unha especie de proxecto piloto" que podería implantarse noutros lugares, como por exemplo a avenida de Lugo, co que o solo impermeable permitiría que non toda a escorrentía teña que ser canalizada como até agora, ao filtrala o propio solo, e evitando anegamentos coma os da rotonda do Vieiro.

"É unha intervención que procura facer de fronte a eses episodios climatolóxicos adversos, onde de repente cae unha cantidade de agua moi considerable e temos que evitar esas acumulacións de auga", recalcou a alcaldesa.

Tracking Pixel Contents