Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Axenda cultural: Que facer hoxe, 15 de abril, en Santiago?

O Teatro Principal acolle a representación de 'Os dous de sempre'

O Teatro Principal acolle a representación de 'Os dous de sempre' / Cedida

Producións Teatrais Excéntricas presentan ‘Os Dous de Sempre’

PRINCIPAL. No Teatro Principal (20.30 horas), Producións Teatrais Excéntricas presentan Os Dous de Sempre, unha comedia que revisita o universo de Castelao, con dirección de Quico Cadaval, dramaturxia do propio Cadaval con Carme Varela e un elenco conformado por Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto. Ao remate do pase, coloquio co público.Entradas 12 € (descontos dispoñibles). Pedriño e Rañolas son contraditorios, extremos, antagónicos, polarizados… mais amigos. Un é o arriscado soñador (unha forma do idealismo) e o outro é un pancista pusilánime (unha forma do materialismo). Esta oposición entre corpo e alma, entre estómago e corazón aparece noutras parellas famosas, como Quixote e Sancho Panza, en Jacques o Fatalista e o seu patrón, ou nos Don Celidonio e o Doutor Alveiros, de Risco. Pedriño e Rañolas entran neste selecto club, unidos a unha manchea de pallasos anónimos, artistas populares que correron as festas e romarías e que Castelao admirou con compasivo humor.

Fotograma de 'Un poeta'

Fotograma de 'Un poeta' / Cedida

Proxección de ‘Un poeta’, de Simón Mesa Soto, na Sala Numax

FILME. Numax acolle hoxe (19.15 h.) a estrea do filme Un poeta, dirixido por Simón Mesa Soto. Óscar Restrepo, o poeta do título, non foi quen de estar á altura dos seus prometedores inicios na literatura e sobrevive como pode dando aulas nun instituto e coidando da súa nai. En Yurlady, unha das súas alumnas, descobre un espírito afín, un diamante en bruto da poesía. Cun elenco formado por Ubeimar Rios, Rebeca Andrade, Guillermo Cardona, Allison Correa e Margarita Soto, Un poeta foi galardoado en Cannes 2025 (Premio do Xurado Un Certain Regard), Goya 2026 (Nomeado a Mellor Filme Iberoamericano), Donostia 2025 (Premio Horizontes a Mellor Filme). A estrea inclúe coloquio en liña Simón Mesa Soto en conversa con Carla Simón.

Angélica Dass

Angélica Dass / Cedida

Continúan as sesións do Estudo Fotográfico Migrante de Angélica Dass

De 11 a 14 e de 16 a 19 horas, na Zona C continúan as sesións do Estudo Fotográfico Migrante de Angélica Dass no marco do Museo Migrante Migrante en Movemento, co que a artista hispano-brasileira convida a veciñanza a compartir as súas historias de desprazamento e memoria a través do retrato e da escoita. Para participar, abonda con reservar sesión no formulario habilitado na web de Compostela Cultura.

O documental ‘Basal’, no Auditorio de Galicia

Ugia Pedreira. O Auditorio de Galicia acolle hoxe, ás 19.00 horas, a proxección de Basal, un documental que retrata a vida da cantautora Ugia Pedreira, coñecida como A Pedreira, xunto á súa filla Lua Awel, que ten parálise cerebral e unha relación «curiosa e espléndida» coa música. O relato abarca desde as sesións de Feldenkrais de Gaia Kiel en Donostia ata a participación de Lua na gravación do álbum tamén chamado Basal. A cita tamén inclúe un coloquio.

Tracking Pixel Contents