Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Desde decembro

Verea esixe á Sanmartín «dar a cara» ante os veciños de García Lorca pola paralización das obras

O líder do PP visitou a rúa para coñecer de primeira man as queixas dos residentes

Verea, no centro da imaxe, reunido cos veciños da rúa García Lorca.

Verea, no centro da imaxe, reunido cos veciños da rúa García Lorca. / Cedida

Santiago

O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, visitou a rúa García Lorca para escoitar de primeira man as queixas dos veciños afectados pola paralización das obras, unha situación que cualificou de "inaceptable" e pola que esixiu á alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, "dar a cara". Ao seu xuízo, o estado da actuación evidencia "a absoluta falta de respecto do Goberno de BNG e CA cara á veciñanza".

Durante a reunión, na que participaron máis de 30 veciños, Verea denunciou que "é inaceptable, é unha vergoña e é unha tomadura de pelo para todos os veciños de García Lorca a situación na que están". Criticou que "en primeiro lugar, fáltaselles ao respecto porque non están informando, non saben absolutamente nada", e lembrou que "antes de Nadal paralizan as obras, desaparece a empresa e deixan a rúa nun estado terceiromundista e nun estado que dá vergoña allea".

Verea sinalou que "non se pode iniciar unha obra, prometer unha obra e vendela sen saber o que se vai facer", e subliñou que, ante calquera imprevisto, "o que hai que facer é comunicalo aos veciños, corrixilo e continuar cos traballos". "O que non pode ser é o que están vendo todos os veciños cada día que poñen un pé fóra do seu portal", engadiu.

Unha obra pendente durante "anos e anos"

O dirixente popular lembrou ademais que "esta rúa é unha promesa que leva anos e anos enriba da mesa, pasando por todos os gobernos sen que ninguén dera unha solución", e lamentou que, cando finalmente se inician os traballos, "o que se atopan os veciños é unha auténtica chapuza".

Por iso, esixiu ao goberno local "respecto para os veciños, e iso conséguese con información, vindo aquí, dando a cara e explicando que é o que pasa e como se vai solucionar". Ademais, reclamou "arranxar de maneira inmediata a desfeita e a trapallada que se está facendo nesta rúa" e criticou a ausencia da alcaldesa. "Quen tiña que estar aquí estas semanas é a alcaldesa Goretti Sanmartín, que é a principal responsable do que pasa neste Concello e está agochada. Sempre que hai un problema escóndese. Estamos ante unha alcaldesa completamente desaparecida, e iso non se pode permitir", concluíu.

Veciños "indignados"

Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Veciños de Guadalupe, Isolina Barreiro, que falou en nome dos residentes afectados, explicou que "os veciños están moi indignados porque a obra comezou en setembro de 2025, cando xa debería ter comezado en maio de 2023". Segundo indicou, os traballos "paralizáronse en decembro, arredor do día 14, ao atopar un anaco de fibrocemento, e desde entón non se fixo absolutamente nada máis".

Barreiro denunciou que "non temos ningunha resposta nin información do que está a pasar", e explicou que "foron retirando material e valados ata deixar a rúa completamente abandonada". "Levamos case cinco meses con todo isto paralizado, sen saber nada, mentres os veciños seguen sufrindo as consecuencias día a día", engadiu. A representante veciñal concluíu asegurando que "é unha vergoña que un concello manteña unha obra parada durante cinco meses sen dar explicacións, sempre dando longas aos veciños".

Proxecto modificado

A redacción do modificado do proxecto recibiu o visto bo da Xunta de Goberno o pasado 23 de febreiro, un paso necesario para a retirada da tubaxe que levou a paralizar a obra. Polo momento, Raxoi non informou da data na que se poderán retomar as actuacións.

Tracking Pixel Contents