Axenda cultural: Que facer hoxe, 17 de abril, en Santiago?

A banda asturiana Marlon / Warner Music
Xornada cargada de concertos con propostas que van da ópera ao trap
MÚSICA. A xornada deste venres chega cargada de propostas musicais de xéneros moi diversos. A musica instrumental será protagonista no concerto de cámara do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais na Residencia Universitaria Lemonade (19.30h, gratis); e na actuación que ofrecen estudantes destacados do Conservatorio Profesional de Música no Paraninfo da USC (19.45h, gratis). A ópera tamén ocupará un lugar central coa recoñecida soprano Ainhoa Arteta no Palacio de Congresos (20h, entradas desde 40,50 euros). As propostas de música urbana chegan a cargo do murciano Retro 1312 na Sala Moon (20.30h, 15, 12 euros) e da artista viguesa Nadie González na Casa das Crechas (21.15 h, 13, 46 euros). A banda asturiana Marlon preséntase na Sala Capitol para revisar os éxitos da súa carreira e presentar novo traballo (21h., 33 euros). Ademais, o Rock Café o Cum terá a Mera & Tato Swing Duet (21.30h, entrada inversa).

Unha das conferencias celebradas en Casa RIA ao longo deste mes / Cedida
Conferencia en Casa RIA e sesión de fotos de Angélica Dass na Zona C
ARQUITECTURA E FOTOGRAFÍA. Ás 10:00 h Casa RIA acollerá a conferencia Santiago urbs, Compostela civitas, impartida polos arquitectos Xerardo Estévez e Alfonso Salgado. A sesión abordará os retos actuais das cidades históricas, reflexionando sobre a evolución recente de Santiago e os equilibrios entre a conservación de patrimonio e a súa adaptación ás dinámicas contemporáneas. Ademais, na Zona C, de 11h a 14h, novas sesións do Estudo Fotográfico Migrante de Angélica Dass no marco do Museo Migrante Migrante. En Movemento, co que a artista hispano-brasileira convida a veciñanza a compartir as súas historias de desprazamento e memoria a través do retrato e da escoita.
Aenea acolle unha festa da regueifa
IMPROVISACIÓN. A libraría Aenea acolle a Festinha da Reguiefa a partir das 18h, un encontro infantil de poesía cantada e improvisada. Participarán nenos e nenas de 4 a 10 anos do obradoiro de regueifa da Escola Semente, de varios colexios de Compostela, que se reúnen semanalmente no CS A Gentalha do Pichel. Ademais, contará coa presenza de Lúa e Nora, de 10 e 7 anos, dúas regueifeiras galego-irlandesas que improvisarán con melodías de ambos lugares. Tamén acudirán á cita Ailalá, a osa pardo do Courel, e Maré a Muda, unha das integrantes do grupo de regueifeiras adolescentes Regueifa Tour.

O Teatro Principal acolle a representación de 'Os dous de sempre' / Cedida
‘Os dous de sempre’ e ‘Hamlet’, a escena
TEATRO. O Teatro Principal leva a escena a terceira das catro representacións programadas de Os dous de sempre, obra de Excéntricas que adapta o clásico de Castelao. Ademais, no Salón Teatro ás 18h, nova oportunidade para ver a adaptación doutro clásico, neste caso o Hamlet de Shakespeare da man do CDG.
Acto solidario na Libraría Couceiro
ENCONTRO. A Libraría Couceiro acolle ás 12h unha xornada interxeracional organizada con motivo da campaña solidaria do Concello de Santiago «12 Comercios, 12 Sensibilidades». Trátase dun encontro entre persoas usuarias da asociación Dano Cerebral Santiago con estudantes do Colexio López Ferreiro. Os rapaces coñecerán as actividades que se realizan no centro de día da entidade. Asistirá a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas.
As Cancelas recibe a Bluey e Bingo
INFANTIL. As Cancelas converterase no punto de encontro para familias e nenos de Santiago coa chegada dos personaxes principais da famosa serie infantil Bluey. Baixo o título Bluey e Bingo Dates, o espectáculo estará enfocado no valor da amizade e as relacións entre os personaxes da serie. O evento incluirá unha actuación en vivo de Bluey e Bingo seguido dun Meet & Greet, onde os asistentes poderán coñecer os personaxes e tomarse fotos. O venres haberá tres pases ás 16.30, 18.00 e 19.30h, mentres que o sábado ofreceranse cinco. Cada sesión ten unha capacidade máxima de 120 persoas e a entrada é gratuíta.
- Primer AVE ‘directo’ de Santiago a Madrid sin paradas intermedias en Castilla y León
- Luto en el CHUS y en la Universidad de Santiago por la muerte de la conocida doctora Chelo Astorgano
- Santiago estrena terraza secreta: un oasis de paz junto al río Sarela para desconectar al atardecer
- Los dueños de fincas en el Ensanche Norte pueden renunciar a la expropiación a cambio de participar en el desarrollo urbanístico de la zona
- Cincuenta estudiantes son reconocidos por su esfuerzo académico en la residencia Almirante Martorell de Santiago
- Siete operarios y una semana de trabajo para montar la noria de la Ascensión en Santiago: 'Es una de las más grandes de Europa
- Santiago reconstruida en digital: la ciudad que vuelve a existir en 3D
- La Guardia Civil investiga a dos personas por el uso fraudulento de una tarjeta de tacógrafo en Santiago