A comisión de festas de Santiago que se reinventa: «Ver o campo cheo de xente é o máis reconfortante»
Un total de 17 persoas decidiron o pasado setembro formar parte da Comisión de Festas do Cruceiro da Coruña
Co obxectivo de mellorar e financiar as patronais do mes de setembro, impulsan un festival de música urbana en galego que se celebrará o 30 de abril no aparcadoiro público de Salgueiriños

Trece dos dezasete membros da Comisión de Festas do Cruceiro da Coruña, no aparcamento de Salgueiriños, onde se vai a celebrar o Cruceiro Fest, o vindeiro 30 de abril, co presidente, Marcos Parajó, no centro, cruzado de brazos. / Antonio Hernández

«Ver o campo cheo de xente e que che digan o ben que o fixeches é o máis reconfortante», resume Marcos Parajó, presidente da Comisión de festas do Cruceiro da Coruña, en Santiago, nun momento no que o barrio vive unha nova etapa marcada pola renovación e a aposta por formatos diferentes.
Neste barrio, a comisión de festas funciona cun sistema de renovación anual, no que adoita haber pouca continuidade de veciñanza dun ano para outro. Nesta ocasión, en setembro pasado incorporáronse un total de 17 persoas, unha cifra que destaca especialmente porque «hai moitos anos que non había unha comisión con tantas persoas».
Desde a integrante de maior idade, Susa Santos, de 67 anos, ata o máis novo, Alejandro Mera, de 36, completan a comisión xunto ao presidente, Luisa Santalices, Olivia del Río, Isa Vilaseco, Mónica Parajó, Eva Barreiro, Chus Diz, Marcos Martínez, Pablo Vigo, Manolo Parajó, Javi Mariño, Isabel Couselo, Alejandro Suárez, Ana Vilaseco e Rosa Fuentes.
Marcos Parajó, igual que outros compañeiros, xa contaba con experiencia previa. No seu caso formara parte da comisión no 2007.
Unha das primeiras iniciativas foi a organización da lotería de Nadal, con participacións ás que se lles aplicaba «un recargo dun euro».
Parajó indica que o custo das orquestras incrementouse notablemente, e hoxe «custa moito facer as festas». Por iso xurdiu a necesidade de buscar novas vías de financiamento para as festas de setembro, apostando finalmente pola música urbana en galego, que está a ter unha gran acollida entre a mocidade. Trátase do Cruceiro Fest, que se celebrará no aparcamento público de Salgueiriños o vindeiro 30 de abril. Unha festa que comezará ás 19 horas, con nove horas ininterrompidas de música coa presenza dunha docena de artistas galegos.
A finais do ano pasado comezaron a traballar de maneira coordinada, repartindo tarefas entre todos os membros da comisión. «Pouco a pouco fómoslle dando forma», explican, contactando directamente cos artistas, moitas veces a través de Instagram.
Tras confirmar a dispoñibilidade dos artistas, iniciaron os trámites co Concello para o uso do aparcamento de Salgueiriños, autorización que foi concedida. Ao tratarse tamén de terreo da Xunta, solicitaron igualmente permiso, que tamén lles foi outorgado. O evento contará con carpa, foodtrucks e «algún famosillo para que lle dea un pouco máis de repercusión».
A venda de entradas «está tendo boa acollida», aínda que poderán adquirirse ata o día do evento, cando tamén haberá billeteira, aínda que a un prezo algo superior. Polo momento véndense a 15 euros máis gastos de envío.
Nunha aposta clara por «darlle a oportunidade aos que están comezando» entre os nomes do cartel está Ak Villar, «un veciño do barrio que subirá por primeira vez a un escenario» xunto a artistas como Xián Pais, Kid Mound, Lg1do e o DJ Kike Varela.
Logo en xuño manterán a tradicional sardiñada, «que se fai toda a vida con sorteos a raíz de tickets que lle dan negocios para sortear».
O máis duro para unha comisión: «Tes que enxeñarte para poder saír adiante»
As festas patronais do barrio, moi coñecidas na contorna de Santiago, celebraranse este ano os días 25, 26 e 27 de setembro, coincidindo, como é habitual, en venres, sábado e domingo. Xa teñen contratadas varias orquestras, aínda que non se revelan os nomes, asegurando unicamente que «son de renome». Engaden que, se non se alcanza o orzamento previsto, terán que renegociar opcións co representante, xa que «canto máis diñeiro se faga durante o ano mellor festas poderemos facer».
Dende esta semana xa están a pasar polas casas para recoller as cotas veciñais. A campaña foi tamén anunciada en Facebook e comunicada directamente aos veciños. Advirten, ademais, da importancia da precaución ante posibles estafas, xa que “houbo barrios en Santiago e parroquias da contorna nos que pasaba xente dicindo que era da comisión e non foi así”. Por iso, os membros decidiron ir identificados cunha tarxeta co nome e selo, e colocaron carteis informativos no barrio.
O presidente da comisión subliña tamén o lado máis duro da organización, que resume nunha frase clara: «tes que enxeñarte para poder saír adiante». Aínda que insiste en que a experiencia é «gratificante», recoñece que a recadación segue a ser a parte máis complicada de todo o proceso.
Engade tamén unha reflexión sobre os cambios sociais na implicación veciñal. «Antes a festa era un dos principais espazos de lecer, polo que a colaboración da xente maior é destacada, mentres que a mocidade, aínda que vén a festa, non se implica do mesmo xeito», asegura.
Piden un campo de festas propio
Finalmente, lembra unha reivindicación histórica do barrio: a falta dun campo de festas propio. O espazo actual presenta limitacións pola presenza de árbores e farolas que dificultan os eventos. «Xa hai proxectada unha zona en fronte, pero non se sabe nada», conclúe.
- Así es la terraza más desconocida de Santiago: un oasis secreto para desayunar entre árboles centenarios
- Una casa de Santiago, entre las finalistas de los Premios Arquitectura 2026
- Crónica social compostelana | Alicia Molanes y Jorge Mirás ya son padres primerizos
- Fallece el empresario Isaac Rosón Ferreiro, hermano de la socialista Mercedes Rosón y padre del director xeral de Pesca de la Xunta
- Los vecinos de Conxo alertan de que la senda entre Santiago y O Milladoiro incumple normas de Patrimonio
- Emotiva despedida en el Peleteiro: más de 150 alumnos ponen fin a su etapa en Bachillerato
- Llegan las fiestas 'más picheleiras': este es el programa completo de la Ascensión 2026
- La construcción del Ensanche Norte para 3.609 viviendas obliga a expropiar 90.000 metros cuadrados de fincas en la otra punta de Santiago