Reciclaxe e sostibilidade
"Queres desfacerte dese moble vello? Non o deixes na rúa sen avisar o servizo de recollida"
A alcaldesa de Santiago pide a colaboración da veciñanza para non saturar a rúa con residuos voluminosos e anuncia unha campaña informativa
O 62% do que se deposita á beira dos colectores do lixo non se comunica ao departamento correspondente

Un sofá depositado nunha das rúas de Compostela próxima á cidade histórica / ECG

"Os composteláns estámolo facendo ben pero queremos facelo mellor e por iso solicitamos a colaboración da veciñanza". Falaba así a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, nunha rolda de prensa para dar conta das positivas cifras de Compostela en canto a recollida selectiva de residuos mais tamén para chamar á colaboración cidadá no relativo á acumulación de residuos voluminosos nas rúas. Unha acumulación que se vai combater cun reforzo do servizo por parte da concesionaria, Urbaser, e cunha campaña informativa nas rúas que comezou este mesmo venres.
A alcaldesa deu conta de que o 62% dos residuos voluminosos que se recollen na rúa retíranse sen un aviso previo por parte dos propietarios ao servizo de recollida, un servizo co que se contacta a través de santiagosostible.gal ou do teléfono 981565469 e dende onde se indica unha hora e o punto máis próximo para deixar o obxecto en cuestión e que así a súa recollida sexa o máis rápida posible.
Sobre este punto Sanmartín quixo lembrar tamén que obxectos coma electrodomésticos, colchóns ou neumáticos xa son retirados pola propia empresa fornecedora do produto cando achegan o novo. "Cando mercamos unha nova lavadora, normalmente o comercio retíranos a vella e esta retira vai incluída no prezo, polo que debemos conducilo por esa vía e que non acaben á beira dos camiños".
En todo caso, sobre os residuos que se depositan á beira dos colectores, a rexedora apuntou que os datos indican un importante aumento nos últimos dous anos e, por iso, chama á "responsabilidade" e á colaboración da veciñanza para que non os depositen neses lugares sen previo aviso, pois iso demora a retirada.
"O incremento é moi importante e parece que reflicte algún cambio nos patróns de consumo e na conciencia sobre a reutilización, pois hai quen os deixa coa idea de que outra persoa poida darlles unha segunda vida", con todo a alcaldesa instou a avisar igualmente o servizo de recollida.
As cifras
A alcaldesa de Santiago indicou que o servizo de recollida recibiu por vías diversas "algo máis de 25.000 avisos en 2025, que son un 10,5% máis que o ano anterior e un 13% por enriba dos recibidos en 2023". A eses avisos respondeuse cun total de 16.500 actuacións, e delas só 6.284 foron resultados de chamada previa. "Así que arredor do 38% dos casos foron os que se avisaron de maneira correcta, ou ao revés, se queredes, o 62% dos depósitos de materiais foron abandonados na rúa sen avisar o servizo de limpeza".
"Así que eu creo que é imprescindible, creo que nos corresponde facer un chamamento á responsabilidade colectiva para facilitar o traballo dos servizos municipais, para garantir que a retirada funcione correctamente e para mellorar a imaxe e limpeza da nosa cidade", concluiu Goretti Sanmartín.

Cando renovamos o colchón, a propia empresa vendedora pode ocuparse de retirar a peza vella / ECG
Reforzo por parte da concesionaria
A rexedora de Santiago lembrou que de luns a venres cada veciño, se ten esa posibilidade, pode levar os seus residuos voluminosos ao Punto Limpo, situado no Polígono do Tambre, ao tempo que lembrou que dende o goberno local se lle pediu á empresa que aumente o servizo en proporción ao aumento destes depósitos na rúa "e vai reforzar o sistema".
"Ademais, solicitámoslle que comece a aplicar algo que está previsto no contrato e que pode contribuír a melloralo, que é sinalizar os residuos que xa constan identificados, o que vai permitir que a veciñanza saiba que rapidamente pois vai acudir ao equipo de recollida".
Campaña de sensibilización
Sanmartín comunicou tamén en rolda de prensa que este mesmo venres deu inicio "para axudar nesta mellora xeral do servizo de recollida de residuos comeza a nova campaña de información e control" en todo o concello pero "que van ser máis intensas na cidade histórica e no Ensanche, onde se concentra unha maior produción de residuos".
A campaña vai durar tres meses e nela persoal técnico ambiental vai estar a pé de rúa para informar sobre como separar e depositar os diferentes tivos de lixo "tanto a persoas particulares coma negocios comerciais e de hostalaría para detectar malas prácticas".
Unhas malas prácticas susceptibles de sanción logo de tres avisos, cando se informa á Policía Local para que se inicie o procedemento sancionador correspondente. Aínda que a alcaldesa quixo recalcar que non se trata en poñer aí o foco, senón na concienciación e na colaboración social coa correcta xestión do lixo.
Os residuos que produce Compostela
Segundo explicou a alcaldesa Sanmartín, en Santiago prodúcense unha media de 470 kg. de residuos por habitante e ano, mentres a media de Galicia está nos 349 kg, unha diferenza que a rexedora atribúe á "poboación de dereito e de feito" en referencia aos veciños censados na cidade e, polo tanto, contabilizados, e aqueles que non o están, que veñen á cidade a estudar ou traballar e tamén os peregrinos e visitantes. "Unha presenza que non conta como número de habitantes" pero que tamén xeran residuos.
Dese total de toneladas en Compostela 28,7% corresponden ás fraccións que se separan para a súa reciclaxe (envases lixeiros, vidro, pilas, aceite, papel e cartón, téxtiles ou materia orgánica). "Comparativamente, a media no conxunto do país está arredor do 16%", destacou Sanmartín, "así que eu creo que esta é unha primeira mensaxe: que o facemos relativamente ben e está clarísimo que apostamos pola sostibilidade ambiental".
A alcaldesa indicou que os residuos orgánicos, que a nivel doméstico supoñen aproximadamente a metade do peso do que producimos, "separamos 32 veces máis que a media do país". "A fracción orgánica son uns 200 gramos por persoa no conxunto de Galicia e en Compostela 6,4 quilos".
Os envases lixeiros tamén supoñen un 70% máis que a media, o vidro un 62% máis alto, o papel un 80%, as pilas un 900%, o textil un 24% e nos voluminosos un 400,7%. "Así que, insisto, imos polo bo camiño por todo aquilo que está relacionado coa sostibilidade", rematou.
- Así es la terraza más desconocida de Santiago: un oasis secreto para desayunar entre árboles centenarios
- Una casa de Santiago, entre las finalistas de los Premios Arquitectura 2026
- Crónica social compostelana | Alicia Molanes y Jorge Mirás ya son padres primerizos
- Fallece el empresario Isaac Rosón Ferreiro, hermano de la socialista Mercedes Rosón y padre del director xeral de Pesca de la Xunta
- Los vecinos de Conxo alertan de que la senda entre Santiago y O Milladoiro incumple normas de Patrimonio
- Emotiva despedida en el Peleteiro: más de 150 alumnos ponen fin a su etapa en Bachillerato
- Llegan las fiestas 'más picheleiras': este es el programa completo de la Ascensión 2026
- La construcción del Ensanche Norte para 3.609 viviendas obliga a expropiar 90.000 metros cuadrados de fincas en la otra punta de Santiago