Investigación punteira dende Santiago
USC e SunRock mobilizan 2,7 millóns para acelerar novas terapias contra o cancro e enfermidades inmunomediadas
Puxeron en marcha unha Unidade Mixta de Investigación para acelerar a validación inicial dos fármacos e reducir o tempo de chegada aos pacientes

A Unidade Mixta de Investigación para acelerar novas terapias biolóxicas en oncoloxía e inflamación está coordinada por Mabel Loza, directora científica do CiMUS. / Antonio Hernández
L.R.
Co obxectivo de acelerar o desenvolvemento de novas terapias biolóxicas en oncoloxía e enfermidades inflamatorias inmunomediadas con necesidades clínicas non cubertas, a USC e a compañía biotecnolóxica SunRock Biopharma puxeron en marcha unha Unidade Mixta de Investigación. A iniciativa, cuxa resolución foi publicada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), contará cun orzamento total de 2.728.106 euros durante case tres anos e está cofinanciada nun 60% con fondos estruturais da Unión Europea ao abeiro do programa Galicia Feder 2021-2027.
A Unidade Mixta está coordinada pola profesora Mabel Loza, directora científica do Centro Singular de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), e reúne a tres grupos de investigación do centro. Estas capacidades compleméntanse coa participación do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA), unha infraestrutura singular da USC con capacidades científico-técnicas no uso de modelos animais e investigación preclínica únicas en todo o noroeste peninsular.
En concreto, por parte do CiMUS interveñen a Plataforma de cribado de fármacos e farmacoxenómica Innopharma do ERIC EU-OPENSCREEN, liderada por Mabel Loza; o Grupo Ciclo Celular e Oncoloxía, que dirixe Anxo Vidal, dedicado á identificación e validación de novas estratexias terapéuticas en cancro; e o Laboratorio de Biomarcadores de Imaxe Molecular e Teragnose, dirixido por Pablo Aguiar, que achega experiencia no estudo da biodistribución e a farmacocinética de fármacos mediante técnicas avanzadas de imaxe molecular e radiomarcaxe.
Ademais, esta Unidade Mixta conta coa colaboración da Fundación Kærtor, a través dun convenio coa USC para colaborar en investigación e transferencia no ámbito do descubrimento de fármacos, e entre cuxas actividades se atopa precisamente potenciar a investigación preclínica pre-regulatoria en Galicia.
O proxecto centrarase no avance de novas aproximacións terapéuticas baseadas en anticorpos monoclonais e conxugados anticorpo fármaco (ADCs), con especial foco en dianas como CCR9 e HER3, áreas nas que SunRock conta con programas propios en desenvolvemento.
En busca de modelos colaborativos que acurten a distancia entre a investigación básica e aplicación clínica
O obxectivo da Unidade é acelerar o proceso de validación inicial dos fármacos para acurtar o tempo en que as novas opcións terapéuticas están dispoñibles para os pacientes. A Unidade Mixta articúlase baixo un modelo de innovación aberta orientado a transformar coñecemento científico en activos con potencial de desenvolvemento industrial. A colaboración permitirá xerar e validar datos preclínicos en fases temperás, optimizando a selección de candidatos e reducindo incerteza antes da súa transferencia a grandes empresas farmacéuticas que completen o seu desenvolvemento. Este enfoque alíñase coa estratexia de SunRock Biopharma, centrada en avanzar os seus programas ata etapas preclínicas e clínicas iniciais para maximizar o seu valor mediante acordos de licenza con compañías farmacéuticas.
“Esta Unidade Mixta permítenos integrar ciencia académica de primeiro nivel no noso proceso de xeración de activos e acelerar a obtención de datos chave para tomar decisións de desenvolvemento e partnering”, sinala Juan Buela, director xeral de SunRock Biopharma. “O noso obxectivo é converter hipóteses biolóxicas sólidas en programas con potencial real de licenza no menor tempo e co menor risco posible”, recalca.
Pola súa banda, a coordinadora da iniciativa, a profesora Mabel Loza, destaca que a creación desta Unidade Mixta responde á necesidade de modelos colaborativos que acurten a distancia entre investigación básica e aplicación clínica. En particular, resalta que “a combinación de capacidades académicas e empresariais permitirá optimizar recursos, mellorar a calidade dos datos xerados e aumentar a probabilidade de éxito en fases temperás do desenvolvemento”.
- Santiago estrena terraza secreta: un oasis de paz junto al río Sarela para desconectar al atardecer
- Dos bloques, 18 viviendas y una fachada acristalada: así será un nuevo edificio del centro de Santiago
- Primer AVE ‘directo’ de Santiago a Madrid sin paradas intermedias en Castilla y León
- Luto en el CHUS y en la Universidad de Santiago por la muerte de la conocida doctora Chelo Astorgano
- Los dueños de fincas en el Ensanche Norte pueden renunciar a la expropiación a cambio de participar en el desarrollo urbanístico de la zona
- Cincuenta estudiantes son reconocidos por su esfuerzo académico en la residencia Almirante Martorell de Santiago
- Siete operarios y una semana de trabajo para montar la noria de la Ascensión en Santiago: 'Es una de las más grandes de Europa
- Santiago reconstruida en digital: la ciudad que vuelve a existir en 3D