Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Recoñecemento no eido educativo

Dúas alumnas de Baiona, premiadas co VIII Stephen Hawking do Rosalía de Santiago

O traballo de Marta López Castro e Estela Lucas Cabral, do IES Primeiro de Marzo, foi elixido entre as 58 propostas presentadas de varios puntos de España

As dúas alumnas do IES Primeiro de Marzo de Baiona, Marta López e Estela Lucas, con Mar Capeáns no Rosalía de Castro de Santiago.

As dúas alumnas do IES Primeiro de Marzo de Baiona, Marta López e Estela Lucas, con Mar Capeáns no Rosalía de Castro de Santiago. / Cedida

K.M.

Santiago

As alumnas do IES Primeiro de Marzo de Baiona Marta López Castro e Estela Lucas Cabral recibiron este venres o VIII Premio Stephen Hawking que convoca o IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago en colaboración coa Xunta de Galicia e co apoio de empresas e entidades como Finsa, Ternera Gallega ou Feiraco.

Recoñecidas co galardón ao mellor traballo de investigación polo proxecto Evolución do espazo natural da foz (Baiona-Gondomar-Nigrán) 1946-2025, coordinado polo docente Marcos Álvarez, tamén foron distinguidas no apartado de Ciencias Sociais, Humanidades e Artes, nunha gala que contou coa presenza da reitora da Universidade de Santiago (USC), Rosa Crujeiras, e a directora xeral de Ordenación e Innovación educativa da Xunta de Galicia, Judith Fernández.

Certame coordinado pola física Mar Capeáns

Nesta edición presentáronse 58 proxectos procedentes de 13 institutos galegos e outros 4 de fóra da comunidade (Soria, Tudela, Madrid e Barcelona) baixo o lema Construíndo futuros, sendo a coordinadora do premio a física Mar Capeáns Garrido (Santiago, 1967), directora de operacións do CERN.

Fotografía de familia dos concursantes nesta edición con Mar Capeáns no claustro do IES Rosalía de Castro de Santiago.

Fotografía de familia dos concursantes nesta edición con Mar Capeáns no claustro do IES Rosalía de Castro de Santiago. / Cedida

O certame conta cun galardón ao mellor traballo de investigación, escollido entre os primeiros premios dos catro apartados nos que se divide: Ciencias Experimentais, Humanidades, Ciencias da Saúde e Matemáticas-Ciencias da Computación.

Os outros galardoados

Ademais das dúas alumnas xa mencionadas, no ámbito de Ciencias da Saúde a premiada foi Martina Lauriola Caride, do IES Ramiro de Maeztu de Madrid, polo traballo ¿Cómo influye la concentración de iones de calcio del medio extracelular en la fuerza de las sinapsis entre neuraonas del CA1 del hipocampo?, coordinado pola profesora Alicia Martínez.

No eido das ciencias experimentais, foi distinguido o proxecto Estudio comparativo del efecto del contenido de Sr(X=0,15 Y X=025) en La₂₋ₓSrₓCuO₄ despositada sobre Ni en medio alcalino (KOH) mediante Voltametría Cíclica y barridos lineales (LSV) con electrodo de disco rotatorio, asinado por Mateo Rodríguez Ardao, alumno do IES Plurilingüe Rosalía de Castro, e estivo coordinado polo profesor Enrique Cao.

Por último, o primeiro premio no ámbito de Matemáticas e Ciencias da Computación levouno o traballo Modelización del trazado de curvas cerradas en el plano complejo con series de Fourier, asinado polo alumno do Rosalía Pablo París Martínez. A coordinación recaeu no docente José Antonio Montoto.

Ademais, o xurado presidido por Mar Capeáns e conformado por investigadores e docentes concedeu dez mencións de honra.

Tracking Pixel Contents